A relixión na antiga China
A relixión na antiga China presenta aspectos moi semellantes ás das outras civilizacións fluviais:
A relixión na Antiga China
Deuses e deusas
- A partir da dinastía Shang (1776-1046 a.C.), comezou a organizarse unha relixión politeísta, na que destacaba o deus Shangdi, creador supremo, e unha serie de deuses e deusas inferiores, destacando o deus da chuvia, Yinglong (o rei dragón); a deusa da humanidade, Nuwa (metade muller e metade dragón); ou o deus do lume, Fuxi.
- Destacaron os ósos oraculares, ósos de animais ou coirazas de tartarugas, onde aparecía escrita unha pregunta que se facía á deidade e a resposta que esta daba a través dun intermediario ou dunha intermediaria.
A vida despois da morte
- Crían nas pantasmas, que eran os espíritos das persoas que non foran correctamente soterradas ou que tiñan algún problema que resolver relacionado coa súa vida na terra e ás que se debía de honrar para que non actuaran de forma negativa nas persoas vivas.
Monxes, monxas, sacerdotes e sacerdotisas
- As prácticas relixiosas na antiga China comezaron hai uns 9000 anos, con aspectos relacionados coas forzas da natureza, coa terra, co xamanismo, coa adiviñación ou co culto aos antepasados.... A consulta ao xamán era levada a cabo pola persoa gobernante (o rei ou raíña), na súa corte e a través de sacrificios de animais e con ritos nos que había música e bailes.
- Os reis máis antigos e as raíñas máis antigas, a diferenza de Mesopotamia e do antigo Exipto, non eran considerados deuses ou deusas, senón sumos sacerdotes ou sacerdotisas.
- Os sacerdotes e sacerdotisas e os monxes e as monxas dirixían os templos e santuarios, onde se adoraban aos diferentes deuses e deusas. As mulleres coidaban as imaxes das deidades.
Os templos
- Os templos eran os lugares onde residían os deuses e as deusas, onde soamente podían acceder os sacerdotes, sacerdotisas, monxes, monxas ou as persoas encargadas do coidado das súas imaxes.
Outras crenzas
- A partir do século VI a. C. desenvolvéronse unhas correntes de pensamento filosófico que supuxeron unha mentalidade máis racional e menos máxica na persoa crente: o confucianismo e o taoísmo.
Agora aprenderás máis cousas sobre a dinastía Shang a través deste vídeo
Lectura facilitada
- A partir da dinastía Shang comezou o politeísmo en China.
- Crían en varios deuses e varias deusas:
- Shangdi.
- Yinglong.
- Nuwa.
- Fuxi.
- Destacaban os ósos oraculares, de animais ou coirazas de tartarugas, que contiñan unha pregunta e a resposta da divindade a través dun intermediario ou dunha intermediaria.
- Crían nas pantasmas, que eran os espíritos das persoas que tiveran diversos problemas na terra e ás que se debía honrar.
- As primeiras prácticas relixiosas relacionábanse:
- Coas forzas da natureza.
- Coa terra.
- Co xamanismo.
- Coa adiviñación.
- Co culto aos antepasados e ás antepasadas.
- A consulta ao xamán realizábaa a persoa gobernante, na corte e a través de sacrificios ou ritos, con música e bailes.
- Os reis máis antigos e as raíñas máis antigas considerábanse sumos sacerdotes e sumas sacerdotisas.
- Os sacerdotes e sacerdotisas e os monxes e as monxas dirixían os templos e santuarios, onde se adoraban aos diferentes deuses.
- As mulleres coidaban as imaxes das deidades.
- Nos templos residían os deuses e as deusas.
- Aos templos soamente accedían os sacerdotes, as sacerdotisas, os monxes e as monxas ou as persoas encargadas do coidado das imaxes dos deuses e deusas.
- A partir do século VI a. C. desenvolvéronse as correntes do pensamento filosóficas do confucianismo e o taoísmo.