Saltar navegación

Mesopotamia

Mesopotamia: unha terra entre dous ríos

As civilizacións que imos estudar nesta unidade desenvolvéronse na época da Historia que corresponde á Idade Antiga. A Idade Antiga comeza despois da Prehistoria e nace cando o ser humano inventou a escritura, preto do 3500 a. C. Foi precisamente en Mesopotamia onde se escribiron os primeiros textos da Humanidade empregando a escritura cuneiforme. 

Mesopotamia é un termo que vén do grego e que significa "terra entre dous ríos". Estes ríos son o Tigris e o Éufrates, que cruzan Oriente Medio e desembocan no Golfo Pérsico. A zona entre os dous ríos é moi fértil, mentres que as zonas limítrofes teñen un clima practicamente desértico. Foi gracias á presenza destas dúas fontes de auga que aquí se desenvolveron grandes civilizacións: a sumeria, a asiria e a babilónica.

Mapa de Mesopotamia no período Dinástico Arcaico

O modelo político sumerio era o de cidades-estado: grandes cidades independentes que eran importantes centros de comercio. O goberno recaía sobre un "ennsi", que era unha figura de liderado relixioso e militar, con apoio da nobreza e do ámbito sacerdotal. Noutros casos podía haber un rei e unha raíña, pero o principal é que o poder político e o relixioso sempre ían unidos. Unha das principais cidades foi Ur, onde se construíu un inmenso zigurat do que aínda quedan restos.

Os asirios procedían da cidade-estado de Assur. Foron conquistados no 1760 a.C.polo emperador babilónico Hammurabi , que pasou á Historia polo seu código de leis, onde a base é a do "ollo por ollo, dente por dente"; é dicir, búscase un castigo proporcional ao crime cometido. Coñecemos este conxunto de leis grazas á grande estela onde se escribiron e que se situaba no centro da cidade para que todo o mundo as vira. 

"Meso" en grego significa "no medio" ou "entre". "Potamos" significa "río". Podes pensar en palabras actuais en galego ou castelán que conteñan algún destes termos?

Lectura facilitada

A Idade Antiga comeza despois da Prehistoria, cando se inventou a escritura, ao redor do 3500 a. C.

Foi en Mesopotamia onde se escribiron os primeiros textos usando a escritura cuneiforme.

Mesopotamia: terra entre dous ríos

Mesopotamia significa "terra entre dous ríos" (Tigris e Éufrates).

É unha zona fértil grazas aos ríos, mentres que as zonas ao redor son desérticas.

Alí xurdiron civilizacións como a sumeria, a asiria e a babilónica.

As civilizacións

Sumeria: Tiña cidades-estado independentes. O goberno era relixioso e militar, e o poder estaba en mans dun líder chamado "ennsi".

Asirios: Procedían de Assur e foron conquistados polo emperador babilónico Hammurabi, coñecido polo seu código de leis, onde a base era "ollo por ollo, dente por dente".

Para profundar: os xardíns colgantes de Babilonia

Oíches falar algunha vez das sete marabillas do mundo antigo? Trátase de sete monumentos que foron considerados como verdadeiras obras mestras da construción e que se levantaron na Idade Antiga. Un destes monumentos eran os xardíns colgantes de Babilonia.

Babilonia era unha cidade de Mesopotamia e, posteriormente, foi a capital do reino babilónico (de aí o nome). En Babilonia había numerosos monumentos e grandes construcións: un cigurat, como en Ur, unhas importantes murallas, templos... pero a verdadeira marabilla eran os seus xardíns colgantes. Hoxe é habitual ver xardíns verticais e as persoas arquitectas modernos incorporan estes elementos nas fachadas dos edificios para facelos máis sostibles ou simplemente como decoración, pero hai 4000 anos xa existían estes xardíns.

Como xa comentamos, o clima de Mesopotamia é desértico, polo que construír uns xardíns era unha tarefa difícil. Para conseguilo, en Babilonia tiveron que facer unha verdadeira obra de enxeñaría e deseñar un sistema de regadío que permitira manter semellante obra. Ademais, os xardíns non estaban no chan, senón que se construíron sobre unha estrutura parecida a un cigurat! Facer esa obra cos recursos e as técnicas de hai case 4000 anos non era nada doado!

Lectura facilitada

Unha das sete marabillas do mundo antigo eran os xardíns colgantes de Babilonia.

Babilonia era unha cidade en Mesopotamia e foi a capital do reino babilónico.

Alí había moitos monumentos, pero os xardíns eran a verdadeira marabilla.

Unha obra de enxeñaría.

Mesopotamia ten un clima desértico, polo que construír xardíns non era fácil.

En Babilonia, crearon un sistema de regadío para manter os xardíns.

Os xardíns estaban sobre unha estrutura parecida a un cigurat, algo moi difícil de facer naquela época.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)