Saltar navegación

1. Unha viaxe no tempo

 

Glosario

Cultura

Imaxe dun funeral exipcio

Definición:

Enténdese por cultura o conxunto de coñecementos, crenzas e costumes dunha sociedade organizada.

Exemplo:

A cultura exipcia dáballe moita importancia aos ritos funerarios.

Civilización fluvial

Fotografía do río Nilo

Definición:

Con este termo referímonos ás sociedades que xurdiron na Antigüidade e se desenvolveron ao carón de grandes cursos de auga.

Exemplo:

As civilizacións fluviais da Antigüidade xurdiron en Exipto, ao longo do río Nilo, e en Mesopotamia, entre os ríos Tigris e Éufrates.

Idade Antiga

Fotografía dunha pedra con Escritura cuneiforme

Definición:

É o período da Historia que abrangue dende a invención da escritura ata o inicio da Idade Media. En termos de anos, vai aproximadamente dende o 3500 a. C. ata fins do século V d. C.

Exemplo:

A Idade Antiga comezou coa invención da escritura cuneiforme polos sumerios en Mesopotamia.

Mesopotamia

Mapa de Mesopotamia

Definición:

É unha rexión do Medio Leste situada entre os ríos Tigris e Éufrates. Na actualidade corresponde ao territorio de Iraq.

Exemplo:

“Mesopotamia” vén do grego e significa “Terra entre ríos”.

ODS

Imaxe dos obxectivos de desenvolvemento sostible

Definición:

Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) constitúen un chamamento universal á acción para poñer fin á pobreza, protexer o planeta e mellorar as vidas e as perspectivas das persoas en todo o mundo. En 2015, todos os Estados Membros das Nacións Unidas aprobaron 17 Obxectivos como parte da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, na cal se establece un plan para alcanzar os Obxectivos en 15 anos.

Exemplo:

O obxectivo número 1 dos ODS 2030 é poñer fin á pobreza en todas as súas formas en todo o mundo.

A máquina do tempo!

Atopámonos no ano 2150. O mundo experimentou un cambio brutal nos últimos 100 anos: os peores presaxios en canto ao devir medioambiental fixéronse realidade. A desertización, a escaseza de auga, a deforestación, a destrución do solo, o cambio climático, o quecemento dos océanos… O planeta Terra está nunha situación de emerxencia total e a vida, tal e como a coñecemos, corre perigo. Nos últimos anos as guerras entre os países multiplicáronse e o principal motivo foi a auga, “o ouro líquido”. Durante estes anos destruíronse moitas cidades e con elas, bibliotecas, laboratorios, xacementos arqueolóxicos e incluso museos… En definitiva, parte da nosa identidade quedou esquecida co coñecemento da cultura das civilizacións pasadas e estamos preto de converternos nun planeta “sen memoria”.

A Unión Europea, nun último intento desesperado para poder mellorar a situación actual, reuniu as persoas máis relevantes de todos os saberes e chegaron á conclusión de que só se podería reverter a situación actual deseñando unha máquina para viaxar no espazo-tempo e recuperar os coñecementos que sobre a auga adquiriron as chamadas civilizacións fluviais, para o cal temos que recuperar todos os aspectos das mesmas (economía, sociedade, cultura e relixión).

Estades preparados e preparadas? O futuro da humanidade depende de vós! Estades a piques de facer Historia!

O coñecemento e comprensión das chamadas civilizacións fluviais axudaranos a entender como arredor da auga e do seu uso responsable puideron construír sociedades avanzadas e, sobre todo, a mellorar diversos problemas da actualidade, contribuíndo a conseguir determinadas metas dos ODS -educación de calidade (obxectivo 4), igualdade de xénero (obxectivo 5), auga limpa e saneamento (obxectivo 6), traballo decente e crecemento económico (obxectivo 8), industria, innovación e infraestrutura (obxectivo 9) e paz, xustiza e institucións sólidas (obxectivo 16).

Fotografía de Pirámides

Lectura facilitada

Ano 2150: O planeta está en perigo

No ano 2150, a Terra enfróntase a unha emerxencia.

Hai pouca auga, o clima mudou e os bosques desapareceron.

As guerras pola auga destruíron cidades e moito coñecemento.

A Unión Europea creou unha máquina do tempo.

O obxectivo é recuperar o saber das civilizacións fluviais.

Estas sociedades usaban a auga de forma responsable.

A vosa tarefa

Entender como vivían axudaranos a salvar o planeta.

Con este saber, podemos resolver problemas actuais.

Estades preparados para facer Historia?

Que vas aprender nesta viaxe no tempo?

Neste recurso aprenderás a:

  1. Entender o que é unha civilización fluvial.
  2. Coñecer as civilizacións antigas máis destacadas de África e Asia.
  3. Situar nun mapa as civilizacións.
  4. Identificar as principais características políticas, sociais, relixiosas e artísticas de cada civilización. 
  5. Coñecer a importancia da auga para as actividades económicas.
  6. Coñecer o papel da muller en cada unha das civilizacións antigas.

Lectura facilitada

Neste recurso aprenderás a:

  • Entender que é unha civilización fluvial.
  • Coñecer as civilizacións antigas máis importantes de África e Asia.
  • Situar no mapa estas civilizacións.
  • Identificar como eran as súas políticas, sociedades, relixións e arte.
  • Comprender a importancia da auga na economía.
  • Descubrir o papel da muller en cada civilización.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)