Exipto: medrando ao redor do Nilo
Exipto é a terra dos faraóns, das momias e das pirámides! Atópase no Norte de África e na súa evolución tivo unha importancia capital o río Nilo.
Os períodos históricos en Exipto dátanse por dinastías, e van dende o período Protodinástico (dende o 3500 a. C.) ata o período de dominación romana (dende o 30 a. C.).
A civilización exipcia desenvolveuse ao longo do río Nilo, famoso polos seus crocodilos, que grazas ás súas crecidas anuais permitía que a terra das súas ribeiras fose moi fértil e producira gran cantidade de colleitas. O clima do país é desértico, polo que todas as cidades e templos máis importantes se situaban ao longo do Nilo. No mapa da esquerda podes ver como as únicas zonas verdes son as que seguen o curso do río.
Ao principio Exipto estaba formado por dous territorios ben diferenciados: o Alto e o Baixo Exipto. Porén, os faraóns (e dúas faraonas chamadas Hatshepsut e Cleopatra) foron quen de unificar estes dous territorios baixo o seu dominio. Para representar esta unión crearon unha coroa con dúas partes, cada unha representando un dos reinos: unha coroa branca e de forma alongada chamada hedjet representaba o Alto Exipto; unha coroa vermella chamada deshret representaba o Baixo Exipto. A unión das dúas coroas chamábase sejemty.

Lectura facilitada
Exipto: terra dos faraóns
Exipto é coñecida polas pirámides, faraóns e momias.
Está no norte de África, e o río Nilo foi moi importante para o seu desenvolvemento.
Períodos históricos
Exipto divídese en diferentes períodos, dende o 3500 a. C. ata a dominación romana no 30 a. C.
O Nilo e a súa importancia
A civilización exipcia creceu ao redor do río Nilo, que facía as terras fértiles.
Exipto ten clima desértico, así que as cidades estaban ao longo do Nilo.
Unificación de Exipto
Exipto tiña dous territorios: o Alto Exipto e o Baixo Exipto.
Os faraóns unificaron estes territorios.
A unión representábase cunha coroa combinada:
Coroa branca para o Alto Exipto.
Coroa vermella para o Baixo Exipto.
Audio
Movendo un templo!
Os cursos naturais dos ríos moitas veces vense afectados por intervencións humanas. Un destes casos foi a construción da presa de Aswan, que obrigou a desmontar e mover o templo de Abu Simbel en 1964. Para facelo, a UNESCO desenvolveu un plan que consistiu en desmontar todo o templo por bloques e reconstruílo nun lugar máis elevado para que non quedara debaixo da auga. Foi unha tarefa colosal!