Saltar navegación

Cultura e arte na antiga India

A cultura do Indo ou de Harappa

Mapa da cultura do val do Indo

A civilización india máis antiga foi a que se desenvolveu no val do Indo entre o 2500 e o 1500 a. C. Foi unha cultura neolítica que elaborou un sistema de escritura propio e estableceu vínculos con Mesopotamia. Tivo varias cidades planificadas, como Mohenjo-Daro e Harappa, con construcións nas que se empregaba o barro cocido e incluso a bóveda. Destaca o traballo artesán en bronce, elaborando ferramentas, pero tamén esculturas como a Bailarina de Mohenjo-Daro. Consérvanse ademais esculturas en terracota que representan carros, animais ou figuras humanas, algunhas asociadas ao culto á fertilidade.

Bailarina india

Lectura facilitada

A civilización máis antiga da India apareceu no val do Indo entre o 2500 e o 1500 a.C.

Tiñan a súa propia escritura e comercializaban con Mesopotamia.

As cidades eran planificadas, como Mohenjo-Daro e Harappa.

As casas eran de barro cocido e tiñan bóvedas.

Fixeron ferramentas e esculturas en bronce, como a Bailarina de Mohenjo-Daro.

Tamén fixeron figuras de terracota, como carros, animais e persoas.

Algunhas destas figuras estaban relacionadas co culto á fertilidade.

Período védico

Desenvolveuse entre os séculos XV e VI a. C. Foi unha etapa de esplendor literario con grandes poemas épicos escritos en sánscrito: o Mahabharata e o Ramayana.

Na arte consérvanse só uns poucos obxectos de bronce e cerámica, xa que o habitual era empregar materiais perecedoiros como a madeira e o barro cocido.

Lectura facilitada

O período védico desenvolveuse entre os séculos XV e VI a.C.

Foi un período de gran produción literaria, especialmente con dous poemas épicos:

Mahabharata
Ramayana


Na arte, poucos obxectos se conservan, xa que usaban materiais como a madeira e o barro cocido, que se deterioran facilmente.

Os poucos obxectos que chegaron ata hoxe son de bronce e cerámica.

Diario de aprendizaxe

Agora, despois de coñecer información variada sobre as diversas civilizacións que temos que recuperar, tes que reflexionar sobre a elaboración do reto final. Para iso, cubre a fase 3 do diario de aprendizaxe. Non te esquezas da posta en común, xa que, como grupo, é moi importante.

Lectura facilitada

Xa recibiches moita información.

Pensa en como vas a facer o reto final.

Cubre o apartado 3 do diario de aprendizaxe.

Non te esquezas da posta en común.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)