Tipo de palabra que describe características (como o tamaño, as cores, a dureza...) de obxectos representados por substantivos, aos que acompaña concordando en xénero e número.
Exemplo:
Algúns adxectivos de tamaño son: grande, mediano, pequeno...
Escenario
Definición:
Espazo onde se desenvolve ou ten lugar un feito.
Exemplo:
O escenario do noso videoxogo vai ser unha paisaxe local.
Personaxe
Definición:
Individuo (ou ser) ficticio que aparece nunha obra literaria, obra dramática, videoxogo etc.
Exemplo:
A personaxe principal do videoxogo vai ter que salvar o escenario da contaminación.
Reto Final
Chegou o momento de poñer en marcha toda a vosa imaxinación e habilidades! O noso reto final lévanos a deseñar un proxecto para un videoxogo único, co que daremos voz ao coidado do medio ambiente e á protección da nosa contorna. Este será un traballo de equipo onde a creatividade, a reflexión e a colaboración serán os vosos mellores aliados.
Neste proxecto, desenvolveremos:
As personaxes: daredes vida a protagonistas únicos, describindo tanto como son por fóra como por dentro: a súa aparencia, carácter e o seu papel na historia, recordade empregar os adxectivos estudados neste tema. O escenario: escollede un lugar especial da vosa contorna (praia, bosque, vila…) e recreádeo cunha descrición rica en detalles e cunha reflexión sobre os retos ambientais que enfronta. A historia e os diálogos: contádenos unha pequena aventura onde as personaxes transmitan unha mensaxe clara e positiva a través dos seus diálogos e accións. A vosa misión será presentar este proxecto en formato papel, empregando fichas que vos axudarán a organizar as vosas ideas. E se o tempo nolo permite, como reto adicional, poderemos transformar todo o que imaxinastes nun videoxogo real en Scratch!
Estades preparados/as para crear unha aventura que marque a diferenza? Pois a por iso!
Lectura facilitada
Imos co reto final!
Deseñaremos un proxecto para un videoxogo.
Será sobre o coidado do medio ambiente.
Incluiremos as personaxes.
Describiremos o escenario do xogo.
Escribiremos unha historia co seus diálogos.
Presentaremos todo en fichas en papel.
Se sobra tempo, programaremos o videoxogo en Scratch.
Estades preparados/as?
Audio
Enfoque multinivel
Para o produto final deste reto, podes escoller entre varias opcións, segundo o que máis che guste facer ou o que se che dea mellor. Cada opción está pensada para que poidas aprender e participar dun xeito que se adapte a ti:
Ficha ou presentación dixital: Se che gusta organizar as ideas con claridade e ter todo ben colocado, esta opción é perfecta. Poderás mostrar o que aprendiches dun xeito visual e ordenado. Mural ou cartel explicativo: Se prefires expresar as túas ideas combinando texto, debuxos e imaxes, esta é a túa oportunidade. Ademais, esta é unha boa maneira de facer visible o voso traballo conxunto. Videoxogo en Scratch: Se queres ir un paso máis alá e che gusta programar ou crear xogos, podes facer un videoxogo. Así desenvolverás o teu pensamento lóxico e a túa creatividade. Vídeo narrativo ou viral: Se che apaixona contar historias, gravar vídeos ou comunicar a través das redes, esta opción permíteche crear un vídeo que impacte. Iso si, terás que planificar, escribir un guión e editar. Podes elixir a opción que máis se adapte a ti, aos teus gustos, ás túas habilidades e ao que queiras facer. Cada opción ten o seu valor e todas son boas para expoñer o proxecto do grupo. Con este enfoque, todos e todas podedes aprender e participar, sentíndovos motivados e valorados.
Así, grazas a este enfoque multinivel, conseguimos que cada persoa do grupo poida aprender ao seu ritmo, de forma inclusiva, motivadora e con sentido.
Lectura facilitada
Para o teu traballo final, podes elixir a opción que máis che guste ou se che dea mellor entre:
Ficha ou presentación dixital: para organizar ideas.
Mural ou cartel explicativo: combinando texto e imaxes.
Videoxogo en Scratch: se che gusta programar e es creativo/a.
Vídeo viral: se che gusta contar historias.
Todas as opcións son boas e permiten que cada persoa aprenda ao seu ritmo e dun xeito que a motive.
Audio
Exemplo de traballo
Antes de comezar
Reflexionade nos grupos sobre como queredes que sexa o proxecto do voso videoxogo. Opinade con respecto, escoitade as ideas do resto e alcanzade un acordo sobre como será o produto final.
Pensade en:
Que estilo queredes dar ao voso videoxogo? Será divertido, misterioso, educativo…?
Como serán as fichas? Preferides traballar a man ou a ordenador?
Como organizaredes as vosas ideas? Faremos unha ficha para cada personaxe, escenario e historia?
Engadiredes algún debuxo ou ilustración ás fichas?
Falade entre vós e organizade o voso proxecto antes de comezar!
Lectura facilitada
Reflexionade en grupo sobre o proxecto do voso videoxogo.
Opinade con respecto e escoitade as ideas de todos/as. Chegade a un acordo sobre como será o voso proxecto final.
Pensade en:
Que estilo terá o videoxogo? Será divertido, educativo, misterioso...?
Como faremos as fichas? A man ou co ordenador?
Como organizaremos as ideas? Haberá unha ficha para cada personaxe, escenario e historia?
Engadiremos debuxos ou ilustracións nas fichas?
Falade e poñédevos de acordo antes de comezar!
Audio
Ideas a ter en conta
Lembrade que o voso videoxogo debe:
Promover o coidado do medio ambiente.
Transmitir unha mensaxe positiva e de concienciación.
Recrear un lugar da vosa contorna que necesite protección.
Destacar boas prácticas ambientais, como a reciclaxe ou o respecto pola natureza.
Que non queremos no noso videoxogo:
Non queremos historias que ignoren os problemas ambientais.
Non queremos mensaxes negativas ou que critiquen sen propoñer solucións.
Non queremos esquecer a importancia do traballo en equipo.
Lectura facilitada
Lembrade dúas ideas clave:
Queremos un videoxogo que coide o medio ambiente. Que fale da reciclaxe, o respecto pola natureza e a importancia de protexer o noso entorno.
Non queremos un videoxogo que ignore os problemas. Non queremos historias que non transmitan unha mensaxe positiva.
Audio
Así se vai avaliar o reto
Rúbrica de avaliación do reto
Nivel 1 (Excelente)
Nivel 2 (Bo)
Nivel 3 (Aceptable)
Nivel 4 (Insuficiente)
Descrición das personaxes (narración)
Ben desenvoltas, con descrición física e de personalidade completas e detalladas. Creativas e orixinais. (2)
Desenvoltas, incluíndo aspectos básicos de descrición física e personalidade, pero cun detalle aceptable. (1.75)
Inclúen descrición básica pero faltan detalles ou orixinalidade. Non destacan na súa función no videoxogo. (1.50)
Escasas ou incompletas. Non se inclúen detalles relevantes nin se define a súa función no videoxogo. (1.25)
Descrición do escenario
Completa, detallada e rica en elementos descritivos. Representa ben a contorna local e destaca a problemática ambiental. (2)
Inclúe os elementos principais e detalla a problemática ambiental de forma aceptable. (1.75)
Inclúe os elementos básicos pero con pouca profundidade ou sen destacar aspectos ambientais.X (1.50)
É incompleta, sen detalles significativos ou sen tratar a problemática ambiental. (1.25)
Historia e diálogos
Narrativa ben estruturada, interesante e coherente. Os diálogos son claros e transmiten a mensaxe ambiental. (2)
A narrativa é coherente e os diálogos achegan a mensaxe ambiental, aínda que con menor profundidade. (1.75)
A narrativa ten certa coherencia pero carece de fluidez ou os diálogos son básicos. (1.50)
A historia é confusa ou pouco clara. Os diálogos son irrelevantes ou escasos. (1.25)
Creatividade e presentación e diálogos sobre actividades, produtos e lugares
Proxecto atractivo, ben presentado e con debuxos/ilustracións que enriquecen o contido. (2)
Proxecto ben presentado, aínda que con poucos elementos visuais ou creativos. (1.75)
Proxecto aceptable pero con erros na organización ou pouco atractivo visual. (1.50)
Proxecto desorganizado ou visualmente pouco atractivo. Faltan elementos creativos. (1.25)
Ortografía e corrección e lexibilidade
Textos claros, sen erros ortográficos nin gramaticais. (2)
Textos claros, pero con algún erro que non dificulta a comprensión. (1.75)
Textos con erros que dificultan lixeiramente a lectura. (1.50)
Textos con erros frecuentes que dificultan moito a comprensión. (1.25)
Elaboración propia - Proxecto cREAgal. Rúbrica de avaliación do reto(CC BY-NC-SA)