Afastarse sen rumbo claro do tema principal dunha conversa ou falar del de maneira imprecisa.
Exemplo:
O alumno comezou a divagar e perdeu o fío do que quería explicar.
Persuadir
Definición:
Conseguir que unha persoa acepte unha idea ou tome unha decisión a través de razóns ou explicacións convincentes..
Exemplo:
A mestra conseguiu persuadir o grupo para que escollesen un tema medioambiental.
Rebater
Definición:
Responder, ás ideas de alguén, presentando razóns e argumentos contrarios que demostran que as primeiras non son certas
Exemplo:
O alumno rebateu as afirmacións do profesor.
Refutar
Definición:
Responder ás ideas ou argumentos de alguén, con outros opostos que demostran que os primeiros non son correctos.
Exemplo:
Durante o debate conseguiu refutar todos os argumentos do seu opoñente.
Textos argumentativos
Neste recurso imos empregar este tipo de textos para mandar unha mensaxe, trataremos de convencer aos posibles xogadores, da importancia de protexer o medio natural.
Os textos argumentativos teñen como obxectivo expresar opinións ou rebatelas para convencer ou persuadir a un receptor. Escríbense para expresar opinións, demostrar teorías ou defender posturas sobre un tema do que hai diferentes puntos de vista.
Teñen a seguinte estrutura: tese, corpo argumentativo e conclusión.
Tese ou introdución
Ás veces a tese é substituída por unha introdución, unha exposición inicial sobre o tema que vai tratar o texto.
A tese é a idea fundamental sobre a que se reflexiona, ten que estar formulada de forma clara, xa que, arredor dela xirará toda a argumentación.
Corpo argumentativo
O corpo argumentativo é a parte na que se expoñen os argumentos, exemplos e outros recursos, cos que fortaleceremos a postura defendida e refutaremos a contraria.
Os principais tipos de argumentos son:
O argumento da autoridade: baséase en testemuñas e citas de persoas célebres ou especialistas no tema.
O argumento da maioría: a súa finalidade é presentar o argumento non como unha idea propia, senón como algo compartido pola maioría da xente.
O argumento do coñecemento e a experiencia, datos e exemplos: inclúe datos nos que nos apoiamos para argumentar, tamén emprega as experiencias vividas e utiliza exemplos para ilustrar o que quere defender ou rexeitar.
Conclusión
A conclusión é o resumo das ideas principais e a opinión do autor.
A orde nos textos argumentativos é fundamental, algúns aspectos que debes ter en conta son:
Fai unha exposición clara, sen divagar e evita os xogos de palabras.
Emprega parágrafos para organizar os diferentes argumentos.
Relaciona os distintos parágrafos empregando conectores.
Algúns exemplos de textos argumentativos son: textos científicos e ensaios, textos periodísticos (artigos de opinión, editoriais...), textos políticos, textos xurídicos e coloquios e debates.
Lectura facilitada
Neste recurso imos empregar este tipo de textos para mandar unha mensaxe.
Trataremos de convencer aos posibles xogadores,
da importancia de protexer o medio natural.
Os textos argumentativos escríbense para expresar opinións,
demostrar teorías ou defender posturas sobre un tema.
Teñen a seguinte estrutura: Tese, corpo argumentativo e conclusión.
A orde nos textos argumentativos é fundamental.
Debemos:
Facer unha exposición clara.
Empregar parágrafos para os diferentes argumentos.
Relacionar os parágrafos empregando conectores.
Algúns exemplos de textos argumentativos son:
textos científicos, ensaios e textos periodísticos, entre outros.