Persoa que narra feitos ou acontecementos, ben sexa falando ou escribindo.
Exemplo:
Brais é un excelente narrador de contos.
Prosa
Definición:
Modo de expresión escrita que non segue as normas da poesía.
Exemplo:
Este texto está escrito en prosa.
Trama
Definición:
Organización interna dos acontecementos que compoñen o contido dunha obra literaria, dunha película, ou doutro tipo de narración.
Exemplo:
Este conto ten unha trama moi sinxela.
Verso
Definición:
Forma de escribir típica da poesía, onde as palabras se organizan en liñas curtas chamadas versos, que se diferencian da escritura continua da prosa.
Exemplo:
Prefiro escribir en verso que en prosa.
Reflexión
Antes vimos os tipos de textos segundo a súa intención comunicativa, aprendemos que había textos que se escriben para informar, outros para que desfrutemos coa súa lectura e outros para ensinarnos como se fai algo ou como debemos comportarnos.
Os textos que se escriben para que desfrutemos lendo chámanse textos literarios e non son todos iguais. Imos ver a continuación os diferentes tipos, as súas características e a súa estrutura.
Os tipos de textos básicos son: narración, descrición, diálogo, exposición e argumentación, que ademais empregaremos para acadar o reto final.
Lectura facilitada
Sabemos que hai textos que se escriben para informar.
Outros textos escríbense para que o lector desfrute.
Outros para ensinarnos como se fai algo ou como debemos comportarnos.
Os textos que se escriben para que desfrutemos lendo chámanse literarios.
Os tipos de textos literarios son:
Narración
Descrición
Diálogo
Exposición
Argumentación
Estes textos ademais empregarémolos para acadar o reto final.
Audio
Textos narrativos
É un tipo de texto no que se contan uns feitos que lle suceden a uns personaxes nun espazo e nun tempo determinado.
Elementos da narración:
Narrador: é o que conta a historia, pode facelo en primeira ou terceira persoa, segundo sexa un narrador que participa no relato ou un observador. Se participa no relato chámase narrador interno e se conta feitos que non lle aconteceron a el é un narrador externo.
Argumento: son os feitos que se contan.
Persoas ou personaxes: protagonizan os feitos que estamos contando, segundo a súa importancia na historia poden ser principais ou secundarios. O personaxe máis importante é o protagonista, e ás veces, ten un opoñente que se chama antagonista.
Tempo: é o momento no que se desenvolven os feitos.
Espazo: é onde teñen lugar os feitos.
Estrutura:
A estrutura dos textos narrativos ten tres partes: introdución, desenvolvemento ou nó e desenlace.
Na introdución adoitamos presentar aos protagonistas da historia, o lugar onde suceden os feitos e o momento no que se desenvolven.
O desenvolvemento ou nó, é a trama de historia, onde explicamos que aconteceu.
Finalmente, no desenlace resólvense os acontecementos que tiveron lugar na trama.
Presta atención, na túa misión final, terás que lembrar os elementos e a estrutura da narración, para poder elaborar a narrativa da túa misión.
Os principais textos narrativos son:
Conto ou relato curto
O conto é unha narración breve en prosa, que conta uns feitos que lle suceden a un ou unha personaxe, aos que tratan de buscar unha solución.
Algúns autores non diferencian entre conto e relato curto, pero para outros o relato curto é aínda máis breve có conto.
Se che interesa coñecer contos da tradición oral galega podes atopar algúns a páxina web de Galiza encantada, accede premendo aquí.
Novela
É unha narración en prosa máis longa có conto, adoita ter máis personaxes e pode ter diferentes temáticas: aventuras, ciencia ficción, fantásticas, de intriga...
En galego temos bos escritores de novela infantil e xuvenil, por exemplo Andrea Maceiras, Paula Carballeira, Ledicia Costas, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Xabier P. Docampo... son algúns dos máis coñecidos. Recoméndoche que elixas unha temática que sexa do teu interese e busques nas publicacións en galego, podes sorprenderte.
Tendo en conta a temática medioambiental que vimos abordando neste reto, recomendamos a lectura de Alma de elefante ou A folla azul de Andrea Maceiras.
Fábula
É unha historia protagonizada por animais, pode estar escrita en verso ou en prosa e da que podemos extraer unha ensinanza moral.
Se queres ler fábulas en galego podes buscar na biblioteca do cole o libro de Gonzalo Navaza, titulado Fábulas contadas.
Mito
É un tipo de narración fantástica na que os protagonistas son seres sobrenaturais, deuses, deusas ou semideuses, e que serve de explicación a algún fenómeno da natureza.
Se é do teu interese, na páxina web de Galicia encantada tamén podes ler sobre os mitos galegos máis coñecidos, accede premendo aquí.
Lenda
Son relatos orixinados na tradición oral, baseados en feitos reais que se transmitiron deformándose e esaxerándose. Narran feitos milagrosos que tratan de explicar algún fenómeno e adoitan estar relacionados cunha zona xeográfica concreta.
Podes coñecer algunhas lendas urbanas na páxina web de Galicia encantada, preme aquí.
Lectura facilitada
A narración é un tipo de texto que conta feitos que lle suceden a uns personaxes nun espazo e nun tempo determinado.
Os elementos da narración son:
Narrador: é o que conta a historia.
Argumento: son os feitos que se contan.
Persoas ou personaxes: son os protagonistas dos feitos que estamos contando.
Tempo: é o momento no que se desenvolven os feitos.
Espazo: é onde teñen lugar os feitos.
Estrutura:
A estrutura dos textos narrativos ten tres partes:
Introdución: presenta aos protagonistas, o lugar e o momento no que suceden os feitos.
—Pequena Husu, miña neta máis querida, é hora de que coñezas a verdade sobre min — comezou a avoa—. Existen no mundo dous tipos de homes e mulleres. Os primeiros son os Gardiáns. Os Gardiáns son bos e aman a natureza. Defenderíana coa súa vida se fose preciso porque saben que todos somos os seus fillos. En cambio, os demais homes só saben destruíla. Son os homes e mulleres Kuben: os outros, os da pel branca. Manexan o metal e o diñeiro. Son tristes e alá por onde pasan deixan sempre unha pegada de morte. Eu sabía moi ben a que se refería Arumi. Todos os membros da tribo me fixeran aquela mesma advertencia desde pequena e eu repetina unha vez máis: — Hai que fuxir dos homes e mulleres brancos — dixen. — Hai que fuxir dos homes e mulleres brancos — dixo Arumi—. Pero sabes por que? — Porque son malos — respondín con seguridade. — Non todos, pequena Husu. Hai homes e mulleres brancos que son bos. Pero perderon o seu oshoshoro. Comprendín perfectamente as palabras de Arumi. Oshoshoro significaba o amor especial que existe entre un pai ou unha nai e os seus fillos e fillas. Tamén se refire ao amor que os fillos da natureza sentimos pola nosa Nai Terra. Os brancos, en cambio, esquecéranse de que a Terra era a súa Nai. E por iso non sentían oshoshoro e a maltrataban sen compaixón. — Como puideron perder algo tan importante os Kuben? — preguntei. — O mundo dos brancos é moi diferente — dixo Arumi —. Os homes e mulleres Kuben capturan os ríos para deixalos sen auga. Prenden lume ás nosas árbores. Arrincan a vexetación e deixan a Nai Terra coa pel en carne viva.
Fragmento de Maceiras, A. (2021). A folla azul.Vigo: Edicións Xerais.
Lectura facilitada
A avoa Arumi contou un segredo á súa neta Husu.
Díxolle que no mundo hai dous tipos de persoas: os Gardiáns e os Kuben.
Os Gardiáns son bos. Aman a natureza e protéxena.
Os Kuben son os homes e mulleres brancos. Non coidan a Terra.
Usan metal e diñeiro. Destrúen ríos, plantas e árbores.
Husu dixo que había que fuxir deles. Pero Arumi explicou que non todos son malos.
Algúns perderon o oshoshoro, que é o amor pola familia e pola Nai Terra.
Como esqueceron ese amor, tratan mal á natureza.
Audio
Opción A
Ordena a historia:
Arumi, a avoa de Husu, contoulle un segredo: o mundo estaba dividido en dous.
Uns son os Gardiáns, son bos e aman a natureza.
Os outros só saben destruíla.
Só pensan nos seus intereses e destrúen todo ó seu paso.
Compórtanse así porque perderon o seu Oshoshoro.
O Oshoshoro é o amor entre pais e fillos, tamén se refire ao amor que sentimos pola Nai Terra.
Como non teñen Oshoshoro, capturan os ríos para deixalos sen auga.
Prenden lume as árbores, arrincan a vexetación e deixan a Terra núa.
Comprobar
Correcto!
2025120183348-60
Actividade non completada#Actividade superada. Puntuación: %s#Actividade non superada. Puntuación: %s#Lista desordenada
Agora es ti o escritor/a imaxina como continuará a historia despois da conversa de Husu coa súa avoa.
Fíxate no modelo e despois podes descargar o documento de traballo editable para facelo no ordenador (non esquezas gardalo) ou imprimir o documento en pdf, para cubrilo a man.