Saltar navegación

4.5. Reto 4: Texto

 

Glosario

Lista de cotexo

Pictograma ARASAAC Lista de cotexo

Definición:

Ferramenta que usamos para comprobar se fixemos ou non determinadas tarefas ou aspectos dun traballo.

Exemplo:

Revisamos o texto usando unha lista de cotexo para ver se tiña todas as partes.

Recomendación

Pictograma ARASAAC Recomendación

Definición:

Opinión ou consello que se dá para axudar a outra persoa a escoller ou facer algo.

Exemplo:

A mestra fixo unha recomendación sobre que conto podiamos ler para o traballo.

Compartindo o camiño

Agora que xa tedes listos os vosos marcapáxinas, chega o momento de compartir o voso coñecemento cos demais. Para iso, ides redactar un texto instrutivo, é dicir, un texto que explique paso a paso como facer un marcapáxinas coma o voso. Esta tarefa axúdanos non só a lembrar o proceso, senón tamén a mellorar a vosa expresión escrita e a aprender a organizar a información con claridade e precisión.

Vai tomando notas e collendo ideas do que vaias lendo, será ao final do reto cando teñas que poñerte a escribir o texto final. 

Lectura facilitada

Xa temos listos os marcapáxinas.

Agora chega o momento de compartir o que aprendemos.

Imos escribir un texto instrutivo.

Este texto explicará paso a paso como facer un marcapáxinas coma o noso.

A tarefa axúdanos a lembrar o proceso e mellorar a nosa escrita.

Tamén aprendemos a organizar a información de forma clara.

Vai tomando notas e collendo ideas do que vas lendo.

Ao final do reto, será cando te poñas a escribir o texto final.

Tes claro o que é un texto instrutivo?

Como xa sabes, un texto instrutivo é un texto que indica como facer algo, paso a paso, de forma clara e ordenada. Podemos atopalo en receitas de cociña, manuais de montaxe, instrucións de xogos, experimentos de ciencia...

Saber redactar este tipo de textos é útil para moitas situacións da vida cotiá.

Recorda que un bo texto instrutivo debe incluír:

  • Título claro e directo.
  • Lista de materiais necesarios.
  • Instrucións paso a paso, numeradas ou en orde lóxica.
  • Consellos ou recomendacións importantes.
  • Ilustracións ou imaxes, se é posible, para facilitar a comprensión.
  • Linguaxe clara e precisa. 

Lectura facilitada

Un texto instrutivo indica como facer algo, paso a paso, de forma clara e ordenada.

Pódese atopar en receitas, manuais de montaxe, instrucións de xogos, experimentos de ciencia...

Saber escribir este tipo de textos é útil na vida cotiá.

Recorda que un bo texto instrutivo debe ter:

  • Título claro e directo.
  • Lista de materiais necesarios.
  • Instrucións paso a paso, numeradas ou en orde lóxica.
  • Consellos ou recomendacións importantes.
  • Ilustracións ou imaxes, se é posible, para facer todo máis claro.
  • Linguaxe clara e precisa.

Para quen van ser os textos?

Antes de comezar a escribir, ides pensar en quen vai ler as vosas instrucións: pode ser outro alumno ou alumna, unha persoa que non fixo este proxecto ou alguén que nunca fixo un marcapáxinas con circuíto. Isto axúdavos a escoller as palabras axeitadas e a ser máis claros, xa que non podedes escribir igual para todo o mundo.

Preguntas guía:

  • Sabe esta persoa o que é un circuíto?
  • Necesita saber cousas básicas antes de comezar?
  • Que parte pode ser máis difícil de entender?

Lectura facilitada

Primeiro temos que pensar en quen vai ler as nosas instrucións.

Pode ser alguén da clase, alguén que non fixo este proxecto ou que nunca fixo un circuíto.

Isto axúdanos a escoller as palabras axeitadas e ser máis claros.

Preguntas que debemos ter en conta:

  • Sabe esta persoa que é un circuíto?
  • Precisa saber cousas básicas antes de comezar?
  • Que parte pode ser máis difícil de entender?

Redactamos o texto instrutivo (con axuda)

Chegou o momento de poñer por escrito todo o que aprendedes facendo o marcapáxinas. Para facilitar esta tarefa, disporedes dunha ficha que vos axudará a organizar as ideas de maneira clara e ordenada.

Instrucións paso a paso

Agora é o momento de entrar en LibreOffice Writer e comezar a redactar o teu texto, que servirá de guía ao resto de persoas que queiran facer os seus marcapáxinas. 

Compartimos para revisar

Unha vez rematado, compartiredes os textos con outro grupo para revisar se se entende ben e se todo está claro. Esta revisión servirá para mellorar a versión final.

Cando vos enfrontedes ao texto instrutivo dos vosos compañeiros e compañeiras, debedes ser obxectivos e obxectivas, así como achegar críticas unicamente construtivas. Para isto dámosvos unha pequena lista de cotexo que vos axude. 

Lista de cotexo (coavaliación)

Finalmente, cada grupo entregará o seu texto instrutivo para poder ser mostrado ao resto de alumnado do centro e comunidade educativa.

Lectura facilitada

Cando rematedes, compartiredes os textos con outro grupo para ver se se entende ben e se todo está claro.

Esta revisión axudará mellorar a versión final.

Cando revisedes os textos, debedes ser obxectivos e dar críticas construtivas.

Para isto, aquí tedes unha lista de cotexo:

Lista de cotexo (coavaliación)

Ao final, cada grupo entregará o seu texto instrutivo para poder ser mostrado a todo o mundo.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)