Unha viaxe sen billete
Uxía sempre soñara con coñecer o mundo. Imaxinaba que un día collería un avión, un barco ou un tren e partiría sen rumbo. Pero había un problema: nunca saíra do seu pequeno pobo e parecía que aquela viaxe dos seus soños quedaría na súa imaxinación.
Unha tarde, mentres estaba na biblioteca, o seu avó díxolle cun sorriso misterioso:
— Queres viaxar? Pois hoxe vouche ensinar o medio de transporte máis rápido e emocionante que existe.
Uxía seguiuno intrigada ata un enorme estante cheo de libros de todos os tamaños e cores. O avó colleu un e púxollo nas mans.
— Abre este libro e verás.
Uxía abriu a primeira páxina e, de súpeto, sentiuse transportada a unha cidade antiga de rúas empedradas. Xirou a páxina e atopouse navegando nun barco entre illas descoñecidas. Pasou outra e estaba escalando unha montaña nevada. En cada historia que lía, sentía que viaxaba sen moverse do sitio.
Cando pechou o libro, mirou o seu avó con ollos brillantes.
— Quero seguir viaxando! — exclamou.
— Entón, nunca deixes de ler — respondeulle el.
Desde aquel día, Uxía converteuse nunha auténtica viaxeira, explorando mundos a través das palabras. E descubriu que, ás veces, a aventura máis grande está máis preto do que pensamos… nunha biblioteca.

Lectura facilitada
Uxía sempre soñou con coñecer o mundo pero nunca saíra do seu pequeno pobo.
Unha tarde, na biblioteca, o seu avó díxolle:
— Queres viaxar? Vouche ensinar o medio de transporte máis rápido e emocionante.
O avó colleu un libro e púxollo nas mans.
— Abre este libro e verás.
Uxía abriu o libro e viaxou con cada páxina: unha cidade antiga, un barco, unha montaña.
Cada historia facía que se sentira viaxeira sen moverse do lugar.
Cando pechou o libro dixo:
— Quero seguir viaxando!
— Entón, nunca deixes de ler — respondeu o avó.
Desde entón, Uxía converteuse nunha viaxeira, explorando novos mundos cos libros.
E descubriu que, ás veces, a maior aventura está preto de nós, dentro dunha biblioteca.