Saltar navegación

4.3. Reto 2: Deseño

 

Glosario

Circuíto eléctrico

Pictograma ARASAAC Circuíto eléctrico

Definición:

É un conxunto de elementos conectados como unha pila, un led, fío condutor ou cinta de cobre condutora, que permiten o paso da corrente eléctrica. 

Exemplo:

Colocamos mal a pila do circuíto eléctrico e non se acendía o led. 

Maqueta

Pictograma ARASAAC Maqueta

Definición:

Un modelo realizado con materiais sinxelos para ver como quedará un proxecto antes de rematalo. 

Exemplo:

A maqueta foi moi útil para decidir que elementos queríamos cambiar.

Unindo as nosas lecturas


Chegou o momento de traballar en equipo para crear o deseño final do voso marcapáxinas. Cada un e cada unha de vós fixo o seu propio bosquexo, inspirado no conto que escollestes conxuntamente. Agora iniciamos a fase na que imos poñer en común todas as ideas para construír unha proposta única. 

Como o ides facer?

  1. Cada membro do equipo vai presentar o seu bosquexo inicial e explicar brevemente a súa idea.
  2. Entre todos tedes que identificar ideas comúns, elementos repetidos ou compatibles.
  3. Facede unha lista con:
    • Ideas clave.
    • Cores principais.
    • Elementos que se van manter.
    • Elementos que descartades ou fusionades.

Lectura facilitada

Agora é o momento de traballar en equipo.

Cada un fixo o seu propio bosquexo, inspirado no conto que escolleron xuntos.

Agora imos poñer en común todas as ideas para facer un marcapáxinas único.


Cada membro do equipo presentará o seu bosquexo e explicará a súa idea.

Entre todos, debedes identificar as ideas que se repiten ou que encaixan ben xuntas.

Facede unha lista con:

  • Ideas clave.
  • Cores principais.
  • Elementos que se van manter.
  • Elementos que se descartan ou se combinan.

Deseñamos entre todos e todas

Agora que xa compartistes as vosas ideas, é o momento de escoller en equipo os elementos que formarán parte do voso marcapáxinas final. Tedes que decidir, a partir das conclusións da actividade anterior, as formas que ides usar, as cores, as palabras ou frases, os símbolos ou debuxos que representen mellor o conto.

Unha vez que o equipo teña claro o deseño, é o momento de repartir as tarefas.

As tarefas a realizar son as seguintes:

  • Realizar o debuxo principal.
  • Escribir o texto ou frase que acompañará o deseño.
  • Colocar os elementos no marcapáxinas. 
  • Realizar probas sobre o circuíto eléctrico, onde colocar as luces, a pila, o botón, a cinta de cobre ou o fío condutor...

Poden encargarse varias persoas da mesma tarefa, pero ao finalizar a fase deben estar todas realizadas. É importante que todo o equipo estea de acordo coa distribución das tarefas. 

Lectura facilitada

Xa compartiches as ideas co equipo.

Agora é o momento de elixir os elementos que formarán o marcapáxinas final.

Decidide, con base nas conclusións da actividade anterior, as formas, cores, palabras, símbolos ou debuxos que mellor representen o conto.


Unha vez que teñades claro o deseño, reparte as tarefas entre todos.

As tarefas son:

  • Realizar o debuxo principal.
  • Escribir o texto ou a frase que acompañará o deseño.
  • Colocar os elementos no marcapáxinas.
  • Probar o circuíto eléctrico (luz, pila, botón, cinta de cobre, fío condutor…).

Poden encargarse varias persoas dunha tarefa, pero ao final, todas deben estar feitas.
É importante que todos e todas estean de acordo coa distribución das tarefas.

Acta de reunión

Fai unha pequena acta da reunión, nela debes indicar que foi o que se falou e que achegou cada quen. Tamén é importante indicar a que conclusión se chegou e como.

Comprobamos como queda

Agora que xa decidistes os elementos do voso marcapáxinas e repartistes as tarefas, é o momento de facer unha proba en papel para ver como quedará o deseño final.

Cada equipo ten que coller un papel do tamaño real do marcapáxinas e colocar todos os elementos que realizastes na actividade anterior.

É importante pensar onde irá a luz, por onde pasará o fío ou o cobre condutor e que parte queremos que chame máis a atención cando alguén vexa o noso marcapáxinas. 

Este deseño é como unha maqueta antes de realizar a versión definitiva. Serve para comprobar se todo encaixa ben e facer cambios se algo non funciona ou non vos gusta moito.

Lectura facilitada

Agora que decidistes os elementos do marcapáxinas e repartistes as tarefas, é o momento de facer unha proba en papel.

Cada equipo collerá un papel do tamaño real do marcapáxinas.

Colocade todos os elementos que fixestes na actividade anterior.


Pensa onde irá a luz.

Decide por onde pasará o fío ou o cobre condutor.

Elixe que parte do marcapáxinas queredes que chame máis a atención.


Este deseño é como unha maqueta antes do marcapáxinas final.

Axudará a comprobar se todo encaixa ben e a cambiar o que non vos guste.

Preparados para crear!

Chegates ao final da fase de deseño. Xa tedes feito o voso bosquexo colectivo e xa decidistes como será o voso marcapáxinas. Agora debedes facer unha última revisión antes de comezar a crealo de verdade.

En equipo debedes comprobar o seguinte:

  • Pódese facer co material que temos na aula?
  • O deseño representa ben o conto que elixistes?
  • Estades todos e todas de acordo co resultado final?

Se hai algo que non convence ao equipo, aínda estades a tempo de facer pequenos cambios. Esta é a vosa oportunidade para mellorar os detalles e asegurarvos de que todo estea listo.

Cando rematedes esta revisión xa estaredes preparados e preparadas para comezar a crear o voso marcapáxinas especial!

Lectura facilitada

Xa chegamos ao final da fase de deseño.

Fixeches o bosquexo colectivo e decidistes como será o marcapáxinas.

Agora toca facer unha última revisión antes de comezar a crealo de verdade.


En equipo debedes comprobar o seguinte:

  • Podemos facer o marcapáxinas co material que temos na aula?
  • O deseño representa ben o conto que escollemos?
  • Están todos e todas de acordo co resultado final?


Se hai algo que non convence ao equipo, aínda estades a tempo de facer pequenos cambios.

Esta é a oportunidade para mellorar detalles e asegurarvos de que todo estea listo.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)