Valoración do traballo que se fai entre compañeiros e compañeiras, ofrecendo opinións construtivas para axudar a mellorar.
Exemplo:
Despois de ver a presentación, fixemos unha coavaliación anotando os aspectos positivos e negativos.
Obxectividade
Definición:
Dar unha opinión ou facer unha valoración sen deixarse levar polos sentimentos ou preferencias persoais.
Exemplo:
A pesar de ser o seu amigo, fixo unha valoración obxectiva do seu traballo.
Compartides o voso reto
Despois de vivir esta experiencia, seguro que descubriches moitas cousas novas. A literatura xa non será só un conxunto de contos: agora entenderás que é unha porta aberta á aprendizaxe, á creatividade e ao crecemento como persoas. Ademais, puidestes reflexionar sobre a importancia de coidar e valorar o galego, ao tempo que aprendemos a respectar outras linguas como parte da nosa riqueza cultural.
Chegou o momento de gozar co traballo feito polos compañeiros e compañeiras. Cada grupo dedicou tempo, ideas e ilusión ao seu marcapáxinas, polo que é importante observar con atención os detalles de cada proposta e recoñecer todo o esforzo implicado.
Lectura facilitada
Despois desta experiencia, aprendiches moitas cousas novas.
Agora xa sabes que a literatura non son só contos.
É unha porta para aprender, crear e medrar como persoas.
Tamén pensaches na importancia de coidar o galego.
Pero que tamén é importante respectar outras linguas.
Agora imos ver os traballos dos compañeiros e compañeiras.
Cada grupo puxo tempo, ideas e ilusión.
É importante mirar ben cada marcapáxinas.
Así podemos valorar o esforzo de todos e todas.
Audio
Preparando a vosa presentación: facédevos escoitar
Agora que xa rematastes o voso marcapáxinas, chega o momento de compartilo co resto da clase. Para facelo da mellor maneira posible, ides preparar a nosa exposición en equipo.
Que tedes que contar?
Podedes usar estas preguntas como guía para organizar a vosa presentación:
Por que escollestes ese conto? Que vos chamou a atención del?
Como é o voso marcapáxinas? Que partes ten? Como está feito?
Que mensaxe queredes transmitir co deseño? Que emocións ou ideas representa?
Houbo algún reto durante o proceso? Como o solucionastes?
Que foi o que máis vos gustou de traballar en equipo?
Que pasos podedes seguir?
Repartídevos a fala: cada membro do grupo pode contar unha parte.
Preparade un guión pequeno: con ideas clave (non hai que memorizalo todo!).
Ensaiade un pouco antes: para ver canto tempo vos leva e falar con seguridade.
Falade con voz clara e pausada.
Ollade o público, non só o papel ou o marcapáxinas.
Consello final
Lembrade que o importante é compartir o voso traballo con ilusión, non ser perfectos. Cada equipo fixo algo único e diferente, e temos moito que aprender uns dos outros.
Audio
Con obxectividade e amabilidade
Unha vez rematadas as presentacións, tocan as valoracións. A coavaliación é unha ferramenta moi útil: serve para aprender a dar opinións de forma amable e construtiva, e tamén para detectar que aspectos funcionaron ben e cales se poden mellorar noutras ocasións. Para iso realizaredes a seguinte actividade, onde poderedes expresar a vosa opinión con respecto e coidado.
Esta actividade poderá facerse individual ou en grupo, segundo sexa máis adecuado.
Cada equipo terá que facer un pequeno póster no que haxa 3 grandes apartados:
O que máis nos chamou a atención...
Aprendemos algo grazas a este grupo?
Un consello agarimoso para mellorar...
Escribiredes as vosas respostas en post-its e pegarédelos nos apartados correspondentes do póster do grupo ao rematar a súa presentación.
Como nesta materia o uso da lingua é un aspecto esencial, tamén o avaliaredes. Como?
Cada persoa ou grupo coloca un adhesivo ou marca nunha escala debuxada na cartolina:
Sempre en galego
Case sempre en galego
Pouco uso do galego
Lectura facilitada
Despois das presentacións, imos facer as valoracións.
A coavaliación axuda a dar opinións con respecto.
Tamén serve para ver o que fixemos ben e o que podemos mellorar.
A actividade pode facerse en grupo ou individual.
Cada equipo fará un póster con 3 partes:
O que máis nos chamou a atención.
Aprendemos algo grazas a este grupo?
Un consello agarimoso para mellorar.
Escribide as vosas ideas en post-its.
Pegádeos no póster do grupo cando remate a súa presentación.
Tamén imos valorar como usamos o galego.
Colocaredes un adhesivo nunha escala que ten tres opcións:
Sempre en galego.
Case sempre en galego.
Pouco uso do galego.
Audio
Deixámosvos aquí algúns indicadores que vos facilitarán este traballo:
Aspectos a valorar
Preguntas que me axudan a pensar
1. O que máis nos chamou a atención...
Houbo algo creativo, divertido ou diferente? Sorprendeunos dalgunha maneira?
2. Aprendemos algo grazas a este grupo?
Explicaron algo dun xeito que nos axudou a comprender mellor? Achegáronnos ideas novas?
3. Un consello agarimoso para mellorar...
Que poderían facer diferente a próxima vez para que o resultado sexa aínda mellor?
4. Uso da lingua galega
Falaron en galego durante a presentación? Empregaron vocabulario coidado?
Lectura facilitada
Deixámosvos aquí algúns indicadores que vos facilitarán este traballo:
Aspectos a valorar
Preguntas que me axudan a pensar
1. O que máis nos chamou a atención...
Houbo algo creativo, divertido ou diferente?
Sorprendeunos dalgunha maneira?
2. Aprendemos algo grazas a este grupo?
Explicaron algo dun xeito que nos axudou a comprender mellor?