Saltar navegación

Visita a biblioteca

A nosa biblioteca

Toda gran viaxe comeza nun lugar especial… e a nosa non podía ser menos. A biblioteca do centro será o punto de partida da nosa aventura, ese espazo máxico onde habitan historias por descubrir e mundos por explorar.

Nesta primeira parada, visitaremos a biblioteca para escoller un conto que nos acompañará ao longo de toda a viaxe. Cada libro é unha porta aberta a novas emocións, ideas e aprendizaxes. Será a guía persoal e a fonte de inspiración para moitas das actividades que virán despois.

Nesta actividade, mergullaraste entre os estantes e escollerás ese conto que che fale ao corazón, que te faga soñar, rir ou pensar. Ese será o libro que analizarás, comprenderás e que mesmo che axudará a crear o teu marcapáxinas final.

Lembra: a biblioteca é moito máis ca un lugar cheo de libros. É un espazo de liberdade, descubrimento e viaxes infinitas.

Lectura facilitada

Toda gran viaxe comeza nun lugar especial, e a nosa tamén.

A biblioteca do centro será o noso punto de partida.

É un espazo máxico cheo de historias por descubrir e mundos por explorar.


Iremos á biblioteca para escoller un conto.

Busca o libro perfecto.

Este será o libro que nos acompañará durante a viaxe.

O libro que elixas será a túa guía e tamén che dará ideas para as actividades que imos facer despois.


Nesta actividade, mergullaraste entre os estantes da biblioteca onde escollerás o libro que máis che guste.

Ese será o libro que analizarás, comprenderás e que tamén che axudará a crear o teu marcapáxinas.


Lembranza:

A biblioteca non é só un lugar con libros.

É un espazo de liberdade, descubrimento e viaxes sen fin. 

Como buscar o conto ideal?

Tes nas túas mans un Pasaporte lector. A túa misión é viaxar pola biblioteca para atopar o conto perfecto para a túa aventura.

Primeiro animámoste a que busques e rebusques nos estantes, que te fixes nas portadas, nos títulos, nas ilustracións e nesas frases que chegan ao corazón. Logo, escolle o conto que máis che guste e analízao con calma, faino teu, xa que será o teu acompañante nesta viaxe. 

Preme na seguinte imaxe para poder acceder ao Pasaporte lector que te guiará nesta busca.

Imaxe do Pasaporte lector

Debate, con cal quedamos?

Agora é o momento de traballar en equipo e tomar unha decisión importante: de entre todos os contos traballados no grupo, cal será o elixido para inspirar o voso marcapáxinas?

Reunídevos con calma, escoitade as propostas de cada compañeiro e compañeira e reflexionade con respecto e coidado. Debedes pensar conxuntamente cal é a historia que máis vos emociona, que mellor representa o voso grupo, ou que ten máis posibilidades de converterse nun marcapáxinas único, orixinal e significativo.

Non se trata de escoller “o mellor”, senón o que máis vos identifique como grupo. Valorade o esforzo de todas e todos, debatede de forma construtiva e intentade chegar a un acordo no que cada membro se sinta parte do proceso e orgulloso da elección feita.

Este será o conto que guiará a vosa creación, así que... escoitádevos, respectádevos e creade en común!

Lectura facilitada

Agora toca traballar en equipo e tomar unha decisión.

De todos os contos do grupo, cal será o que usaredes para facer o marcapáxinas?

Reunídevos con calma e escoitade todas as propostas.

Falade con respecto e pensade ben a decisión.


Debedes escoller a historia que máis vos emocione.

Ou a que mellor represente ao grupo.

Ou a que poida inspirar un marcapáxinas especial.


Non é escoller “o mellor”.

É escoller o conto que vos identifique como grupo.

Valorade o traballo de todos e todas.

Falade de forma tranquila e intentade chegar a un acordo.

Así todos e todas formaredes parte da elección.


Ese conto será a guía para crear o marcapáxinas.

Escoitádevos, respectádevos e traballade xuntos.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)