Ferramenta que permite identificar elementos da natureza, como minerais, rochas ou seres vivos, a través dunha serie de pasos con preguntas sinxelas que ofrecen dúas opcións.
Exemplo:
Con axuda dunha clave dicotómica, podemos distinguir se un mineral é pirita ou galena segundo a súa cor, brillo e dureza.
Masa
Definición:
Cantidade de materia dun corpo. Adoita medirse en gramos (g) ou quilogramos (kg).
Exemplo:
A masa desta mostra de granito é de 350 gramos.
Volume
Definición:
Espazo que ocupa un corpo. Adoita medirse en cm3 ou m3.
Exemplo:
O volume deste cristal de cuarzo é de 12 cm3.
Que características definen un mineral?
Cada mineral posúe unha serie de características que permiten identificalo e diferencialo doutros.
Estas propiedades dependen da súa composición química e da estrutura interna dos seus átomos e son fundamentais para recoñecer e clasificar os minerais.
A súa combinación permite distinguir cada mineral e comprender mellor a súa orixe e os seus usos na vida cotiá.
Densidade
A densidade dun mineral é a relación entre a súa masa e o volume que ocupa. Exprésase en g/cm³ e varía segundo a composición do mineral.
En xeral, os minerais que conteñen metais son máis densos que os que non os conteñen. Por exemplo:
O cuarzo ten unha densidade de 2,65 g/cm³.
A pirita, que contén ferro, alcanza os 5,02 g/cm³.
Dureza
A dureza mide a resistencia dun mineral a ser raiado por outro material. Determínase coa escala de Mohs, unha escala comparativa que vai do 1 (máis brando) ao 10 (máis duro):
1 - Talco: é o mineral máis brando. 2 - Xeso: ráiase coa uña. 3 - Calcita: pódese raiar cun cravo de ferro ou cunha moeda de cobre. 4 - Fluorita: ráilase cun vidro. 5 - Apatita: pode ser raiada cun coitelo ou cun vidro duro. 6 - Ortosa: resiste a raiadura do vidro. 7 - Cuarzo: pode raiar o vidro facilmente e raia o aceiro. 8 - Topacio: moi duro, difícil de raiar. 9 - Corindón: ráiase con outro corindón ou cun diamante. 10 - Diamante: o mineral máis duro coñecido, só pode ser raiado por outro diamante.
Brillo
O brillo describe como a superficie dun mineral reflicte a luz. Pode ser:
Metálico: como a pirita ou a galena.
Vítreo: semellante ao do vidro, como no caso do cuarzo.
Nacarado: semellante ao brillo da perla, como na moscovita.
Mate: sen reflexión de luz, como a arxila.
Exfoliación
A exfoliación refírese á capacidade dalgúns minerais de separarse en láminas ou superficies planas cando se rompen. Algúns exemplos son:
Biotita e moscovita: exfoliación en finas láminas.
Calcita: exfoliación en formas de romboedro.
Fractura
Se un mineral non presenta exfoliación definida, rompe de forma irregular, o que se coñece como fractura. Pode ser:
Concoidal: con formas curvas, similares a unha cuncha (cuarzo).
Fibrosa: con aspecto de fíos ou fibras (asbesto).
Irregular: sen patrón claro (pirita, magnetita).
Cor e raia
Cor: algúns minerais teñen unha cor característica (o cinabrio é vermello), pero noutros pode variar debido a impurezas (algunhas variedades do cuarzo son o cristal de rocha, incoloro, o cuarzo rosa, a amatista, de cor violeta ou o cuarzo citrino, de cor amarela).
Raia: é a cor do po que deixa un mineral sobre unha placa de porcelana. Ás veces a raia non se corresponde coa cor do mineral. Por exemplo, a raia da galena é gris escura ou negra.
Reacción con ácidos
Algúns minerais como a calcita, reaccionan ao entrar en contacto con ácido clorhídrico (HCl) diluído. Libérase dióxido de carbono (CO2), producindo efervescencia.
Magnetismo
Hai minerais que se comportan igual que un imán, como a magnetita.
Birrifrinxencia
Unha variedade de calcita, o espato de Islandia, descompón a luz ao atravesalo, producindo unha imaxe dobre.
Lectura facilitada
Cada mineral ten unhas características propias. Estas características axúdannos a identificalo e diferencialo doutros minerais.
As propiedades dos minerais dependen da súa composición química e da estrutura interna dos seus átomos.
Estas propiedades son moi importantes para recoñecer e clasificar os minerais.
Cando se combinan estas propiedades, podemos distinguir cada mineral e entender como se formou e para que se pode usar na vida cotiá.
DENSIDADE
A densidade dun mineral é a relación entre a súa masa e o volume que ocupa.
Exprésase en gramos por centímetro cúbico (g/cm³).
Varía segundo a composición do mineral.
En xeral, os minerais que conteñen metais son máis densos que os que non os conteñen.
Por exemplo:
O cuarzo ten unha densidade de 2,65 g/cm³.
A pirita, que contén ferro, alcanza os 5,02 g/cm³.
DUREZA
A dureza indica a resistencia dun mineral a ser raiado por outro material.
Mídese coa escala de Mohs, que é unha escala comparativa do 1 ao 10.
O número 1 é o mineral máis brando e o número 10 é o máis duro.
1 - Talco: é o mineral máis brando. 2 - Xeso: ráiase coa uña. 3 - Calcita: pódese raiar cun cravo de ferro ou cunha moeda de cobre. 4 - Fluorita: ráilase cun vidro. 5 - Apatita: pode ser raiada cun coitelo ou cun vidro duro. 6 - Ortosa: resiste a raiadura do vidro. 7 - Cuarzo: pode raiar o vidro facilmente e raia o aceiro. 8 - Topacio: moi duro, difícil de raiar. 9 - Corindón: ráiase con outro corindón ou cun diamante. 10 - Diamante: o mineral máis duro coñecido, só pode ser raiado por outro diamante.
BRILLO
O brillo describe como a superficie dun mineral reflicte a luz.
Pode ser:
Metálico: como a pirita ou a galena.
Vítreo: semellante ao do vidro, como no caso do cuarzo.
Nacarado: semellante ao brillo da perla, como na moscovita.
Mate: sen reflexión de luz, como a arxila.
EXFOLIACIÓN
A exfoliación é a capacidade que teñen algúns minerais para romperse en láminas ou en superficies planas.
Cando se rompen, non o fan de calquera maneira, senón seguindo unhas formas regulares.
Algúns exemplos de minerais con exfoliación son:
Biotita e moscovita: exfoliación en finas láminas.
Calcita: exfoliación en formas de romboedro.
FRACTURA
Se un mineral non ten exfoliación, entón rompe de forma irregular.
A esta rotura chamámoslle fractura.
A fractura pode ser de diferentes tipos:
Concoidal: con formas curvas, similares a unha cuncha (cuarzo).
Fibrosa: con aspecto de fíos ou fibras (asbesto).
Irregular: sen patrón claro (pirita, magnetita).
COR E RAIA
Cor: Algúns minerais teñen unha cor característica. Por exemplo, o cinabrio é vermello.
Pero noutros minerais a cor pode cambiar por mor de impurezas. Un exemplo é o cuarzo, que pode ter distintas cores: – cristal de rocha, que é incoloro, – cuarzo rosa, – amatista, que é violeta, – ou cuarzo citrino, que é amarelo.
Raia: É a cor do po que deixa un mineral ao riscar unha placa de porcelana. Ás veces, a raia ten unha cor diferente á do mineral. Por exemplo, a galena ten raia gris escura ou negra.
REACCIÓN CON ÁCIDOS
Algúns minerais, como a calcita, reaccionan cando tocan ácido clorhídrico (HCl) diluído.
Durante esta reacción, libérase dióxido de carbono (CO₂) e aparece efervescencia, como se fixesen burbullas.
MAGNETISMO
Hai minerais que se comportan igual que un imán, como a magnetita.
BIRREFRINXENCIA
Un tipo especial de calcita, chamado espato de Islandia, ten unha propiedade curiosa.
Cando a luz pasa a través del, descompona e forma unha imaxe dobre.
Desconecta! Elaboramos unha clave dicotómica
Imos realizar unha actividade en grupo para aprender a clasificar minerais como verdadeiras persoas científicas. Comezamos?
Para iso, debedes seguir estes pasos:
Paso 1
Minerais á vista
Cada grupo recibirá unhas cantas mostras de minerais diferentes. A investigar!
Paso 2
Ollos que ven, cerebro que pensa
Tedes que observar con moito detalle cada mineral. Fixádevos na cor, se brilla coma un metal ou non, se é duro ou non (usando a escala de Mohs), na cor do po que deixa ao raialo, se se rompe en láminas ou de forma irregular e se reacciona ao contacto cun ácido.
Apuntade todas as características que vexades de cada mineral nun papel ou nunha táboa. Así non se vos escapará nada!
Paso 3
Árbore de clasificación e clave secreta
Agora vén o máis interesante. Imos debuxar unha especie de árbore onde cada "rama" nos leva a unha decisión. Empezade polas características máis fáciles de ver e ides ramificando ata chegar a identificar cada mineral.
Esa árbore que creastes, imos transformala nunha "clave dicotómica". Que nome máis raro, verdade? Pois só significa que imos facer preguntas de "si" ou "non" en cada paso. Por exemplo: "Este mineral é de cor verde? Si ou non?". Dependendo da resposta, seguiremos un camiño ou outro ata atopar o nome do mineral.
Paso 4
Proba de lume
Unha vez que teñades a vosa clave lista, intercambiádea con outro grupo. Eles usarán a vosa clave para intentar adiviñar que minerais tedes e vós faredes o mesmo coa súa. Así comprobaremos se as vosas claves funcionan ben.
Paso 5
Posta en común
Ao final, cada grupo contará como fixo a súa clave, que problemas atopou e que trucos usou para resolvelos.
Paso 6
Versión dixital (opcional)
Se vos apetece, podedes crear unha versión interactiva da vosa clave dicotómica. Iso xa sería de profesionais!
Con esta actividade, non só ides aprender un montón sobre minerais, senón que tamén traballaredes en equipo ao tempo que aprendedes a observar e clasificar.
Lectura facilitada
Imos realizar unha actividade en grupo para aprender a clasificar minerais como verdadeiras persoas científicas. Comezamos?
Para iso, debedes seguir estes pasos:
Paso 1
Minerais á vista
Cada grupo recibirá varias mostras de minerais diferentes. A investigar!
Paso 2
Ollos que ven, cerebro que pensa
Tedes que observar con moito detalle cada mineral.
Fixádevos en:
a cor,
se brilla coma un metal ou non,
se é duro ou brando (usando a escala de Mohs),
a cor do po que deixa ao raialo,
se rompe en láminas ou de forma irregular,
e se reacciona ao contacto cun ácido.
Apuntade todas as características que vexades de cada mineral nun papel ou nunha táboa.
Así non se vos escapará nada.
Paso 3
Árbore de clasificación e clave secreta
Agora vén o máis interesante. Imos debuxar unha especie de árbore. Cada rama lévanos a unha resposta.
Comezade polas características máis fáciles de ver. E ramificade pouco a pouco, ata chegar a identificar cada mineral.
Esa árbore que creades chámase clave dicotómica. Ten un nome raro, verdade?
Significa que imos facer preguntas sinxelas, de “si” ou “non” en cada paso.
Por exemplo: “Este mineral é de cor verde?” – Se é si, seguimos por un camiño. – Se é non, imos por outro.
E así, ata atopar o nome do mineral.
Paso 4
Proba de lume
Cando teñades a clave dicotómica feita, intercambiádea con outro grupo.
O outro grupo usará a vosa clave para adiviñar que minerais tedes.
E vós faredes o mesmo coa súa.
Así veremos se as claves funcionan ben.
Paso 5
Posta en común
Ao final, cada grupo contará a súa experiencia.
Explicaredes como fixestes a clave, que problemas atopastes e que trucos usastes para resolvelos.
Paso 6
Versión dixital (opcional)
Se vos apetece, podedes facer unha versión interactiva da vosa clave dicotómica.
Iso xa sería de persoas expertas!
Con esta actividade, non só ides aprender moito sobre minerais.
Tamén traballaredes en equipo e aprendedes a observar e clasificar.
Adiviña!
2
Observa as letras, identifica e enche as palabras que faltan.