Carbón e petróleo: a enerxía que vén do pasado
Hai millóns de anos, restos de plantas e organismos mariños quedaron atrapados entre capas de sedimentos nun ambiente sen osíxeno.
A presión e a temperatura transformáronos lentamente en dúas importantes fontes de enerxía: o carbón e o petróleo, dous combustibles fósiles de grande importancia.
O carbón: bosques convertidos en combustible
En antigas zonas pantanosas, a acumulación de restos vexetais que quedaron mergullados en ausencia de osíxeno, deu lugar ao carbón, un material usado durante séculos como fonte de enerxía.
Segundo o seu grao de transformación, de menor maior contido en carbono, distínguense:
- Turba: é o primeiro carbón en formarse e que se atopa aínda en transformación nas zonas húmidas e turbeiras.
- Lignito: fórmase cando se van depositando restos sedimentarios sobre a turba e son compactados.
- Hulla: orixínase por compactación de sedimentos sobre o lignito. Emprégase para a produción de electricidade nas centrais térmicas ou nos altos fornos.
- Antracita: último tipo de carbón en formarse. Moi rico en carbono e con máis poder enerxético.
O petróleo: vida mariña convertida en combustible
Trátase dun material en estado líquido.
O plancto, formado por microorganismos mariños que viviron hai millóns de anos, transformouse baixo presión, alta temperatura e en ausencia de osíxeno, en petróleo e gas natural. Estes materiais quedaron atrapados nos espazos baleiros das rochas, a grandes profundidades.
Os derivados do petróleo empréganse como:
- Combustible en motores de combustión de automóbiles, barcos e avións.
- Materia prima para a fabricación de plásticos, tecidos sintéticos, cosméticos, fertilizantes...
Aínda que carbón e petróleo foron fundamentais no desenvolvemento da sociedade, o seu uso excesivo xera contaminación e contribúe ao cambio climático. Por iso, actualmente búscanse fontes de enerxía máis limpas e renovables, como a solar ou a eólica.
Lectura facilitada
Hai moitos millóns de anos, restos de plantas e de animais mariños
quedaron enterrados entre capas de sedimentos.
Nese lugar non había osíxeno,
e co paso do tempo, a presión e a calor
fixeron que eses restos se convertesen en carbón e petróleo.
O carbón e o petróleo son materiais especiais,
porque veñen de seres vivos antigos
e dan moita enerxía.
O carbón: bosques convertidos en combustible
Hai moito tempo, en zonas pantanosas,
os restos de plantas quedaron baixo terra e sen osíxeno.
Co paso do tempo, a presión e a calor fixeron que se formasen
diferentes tipos de carbón, usado como fonte de enerxía.
Segundo o grao de transformación, hai catro tipos,
de menos a máis ricos en carbono:
- Turba: é o primeiro tipo de carbón.
Aínda se está formando en zonas húmidas como as turbeiras. - Lignito: fórmase cando se acumulan máis capas sobre a turba
e estas se compactan. - Hulla: fórmase ao compactarse o lignito.
Úsase para producir electricidade nas centrais térmicas
ou nos altos fornos. - Antracita: é o último carbón en formarse.
Ten moito carbono e moita enerxía.
O petróleo: vida mariña convertida en combustible
O petróleo é un material líquido.
Formouse a partir de plancto,
pequenos seres vivos mariños que viviron hai millóns de anos.
Estes organismos quedaron enterrados sen osíxeno,
e co paso do tempo, a presión e a calor transformáronos
en petróleo e gas natural.
Agora están atrapados a gran profundidade,
nos ocos que quedaron nas rochas.
O petróleo úsase como:
- Combustible para coches, barcos e avións.
- Materia prima para facer plásticos,
tecidos sintéticos, cosméticos, fertilizantes, entre outros.
O problema do seu uso
O carbón e o petróleo foron moi importantes
para o desenvolvemento da sociedade.
Pero o seu uso contamina o medio ambiente
e contribúe ao cambio climático.
Por iso, hoxe búscanse fontes de enerxía máis limpas,
como a solar ou a eólica.

