1.1 Introdución ao reto
Reflexiona antes de comezar
Sabes que é un xeoparque?
Un xeoparque é un territorio que posúe un patrimonio xeolóxico de relevancia internacional e cun alto valor para o coñecemento da historia da Terra. Esa é unha das súas características, pero hai máis. E é que os xeoparques son tamén figuras de xestión que buscan conservar, difundir e valorar a riqueza xeolóxica como base para o desenvolvemento sostible das zonas onde se sitúan.
O termo adecuado para un xeoparque é Xeoparque Mundial da UNESCO, xa que é esta organización das Nacións Unidas a que outorga o recoñecemento, sempre que se realice unha solicitude previa e se cumpran certos requisitos:
- Un territorio xeograficamente cohesionado, con formacións xeolóxicas singulares e que ofreza atractivo visual e contido para os visitantes.
- Unha entidade xestora que implemente unha estratexia integral que promova a conservación dos recursos, así como a investigación, educación, turismo e desenvolvemento social e económico.
- Realizar accións para resaltar a xeoloxía, fomentando a participación cidadá e adoptando un enfoque de abaixo cara arriba.
- Dispoñer de recursos financeiros adecuados para levar a cabo o plan de acción, co apoio de empresas e organizacións locais ou directamente.
Investiga máis sobre o tema na páxina web do Xeoparque Cabo Ortegal
Lectura facilitada
Sabes que é un xeoparque?
Un xeoparque é unha zona especial da Terra.
Nesa zona hai rochas e paisaxes importantes.
Estas rochas e paisaxes axúdannos a entender
como foi cambiando o planeta ao longo do tempo.
Pero un xeoparque non é só iso.
Tamén é un lugar que se coida e se protexe.
As persoas que viven alí traballan para aproveitar o xeoparque.
Así serve para aprender, facer turismo
e mellorar a vida da xente.
O nome completo é Xeoparque Mundial da UNESCO.
A UNESCO é unha organización das Nacións Unidas.
Esta organización é a que decide
se un lugar pode ser recoñecido como xeoparque.
Para que un lugar sexa xeoparque, hai que cumprir varias condicións:
- Ter un territorio ben definido,
con paisaxes xeolóxicas únicas e bonitas para visitar. - Ter un grupo de persoas que coiden o lugar.
Estas persoas fan actividades para aprender,
investigar e facer turismo.
Isto tamén axuda á economía da zona. - A xente da zona debe participar nas actividades.
Estas actividades serven para explicar a importancia das rochas e do territorio. - Hai que ter diñeiro suficiente para facer todas estas accións.
O diñeiro pode vir de empresas ou doutras organizacións locais.
Se queredes saber máis, podedes visitar
a páxina web do Xeoparque Cabo Ortegal.
Imos polo reto!
Agora que xa sabedes que existen lugares protexidos polo seu valor xeolóxico, como os xeoparques, propoñémosvos un reto: explorar a vosa contorna e crear o voso propio "xeoparque local".
Para iso, identificaredes espazos de interese xeolóxico na vosa zona e, de maneira complementaria, podedes investigar que minerais e rochas aparecen en edificios, rúas ou monumentos.
É hora de comezar a descubrir os segredos que esconde o voso propio territorio!
Lectura facilitada
Agora que xa sabedes que existen lugares protexidos polo seu valor xeolóxico, como os xeoparques,
propoñemos un reto moi especial: crear o voso propio "xeoparque local".
Para iso, ides explorar a vosa contorna.
O obxectivo é descubrir lugares que teñan interese xeolóxico.
É hora descubrir os segredos que esconde o lugar onde vivides!
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Atribución Non-comercial Compartir igual 4.0
