Ciencia que se encarga de representar a superficie da Terra ou o fondo mariño mediante mapas.
Exemplo:
A cartografía axúdanos a entender como é un lugar a través dos mapas.
Ondas sísmicas
Definición:
Vibracións que se xeran no interior da Terra, provocadas pola liberación de enerxía durante un terremoto.
Exemplo:
As ondas sísmicas viaxan polo interior da Terra cando hai un terremoto.
Científicas con sona
Sabes quen descubriu como é o interior da Terra ou quen debuxou por primeira vez o fondo dos océanos?
Ao longo da historia, moitas mulleres científicas fixeron achegas fundamentais ás ciencias da Terra, aínda que durante moito tempo non recibiron o recoñecemento que merecían.
Agora vas coñecer a dúas xeólogas pioneiras que nos axudaron a entender mellor o noso planeta.
Inge Lehmann (1888–1993)
Quen é?
Unha científica danesa especializada en xeofísica, a rama da ciencia que estuda o interior da Terra a través das ondas sísmicas. Grazas ao seu traballo, soubemos máis sobre como é o planeta por dentro.
É unha científica que...
Descubriu que o núcleo da Terra ten dúas partes: unha externa fundida e outra interna sólida. Este gran avance, publicado en 1936, axudou a comprender mellor a estrutura da Terra.
Marie Tharp (1920–2006)
Quen é?
Unha científica estadounidense que traballou como xeóloga e cartógrafa oceánica. Estudou o fondo mariño e elaborou mapas que mostraban a forma dos océanos e as estruturas que hai baixo a auga.
É unha científica que...
Creou os primeiros mapas detallados do fondo do océano Atlántico. A partir da década de 1950, o seu traballo permitiu descubrir a dorsal mesoatlántica e apoiar a teoría da tectónica de placas, demostrando que os continentes se moven.
Lectura facilitada
Sabes quen descubriu como é o interior da Terra? Ou quen debuxou por primeira vez o fondo dos océanos?
Ao longo da historia, moitas mulleres científicas fixeron descubrimentos importantes nas ciencias da Terra. Pero durante moito tempo non foron recoñecidas polo seu traballo.
Agora vas coñecer dúas mulleres pioneiras, que nos axudaron a entender mellor o planeta.
Inge Lehmann (1888–1993)
Quen é?
Foi unha científica danesa que estudou o interior da Terra. Especializouse en xeofísica, a ciencia que usa as ondas sísmicas para coñecer como é o planeta por dentro.
É unha científica que...
Descubriu que o núcleo da Terra ten dúas partes:
unha parte externa, que está fundida,
e unha parte interna, que é sólida.
Publicou este descubrimento en 1936, e grazas a el entendemos mellor a estrutura da Terra.
Marie Tharp (1920–2006)
Quen é?
Foi unha científica estadounidense que traballou como xeóloga e cartógrafa oceánica. Estudou o fondo dos océanos e fixo mapas detallados do que hai baixo a auga.
É unha científica que...
Creou os primeiros mapas do fondo do océano Atlántico.
A partir da década de 1950, o seu traballo permitiu descubrir a dorsal mesoatlántica e apoiar a teoría da tectónica de placas, demostrando que os continentes se moven.
Diario de aprendizaxe
Como ves, as científicas traballan arreo para que a sociedade avance e o noso mundo sexa un lugar mellor.
Escolle unha delas, busca información sobre a súa vida e as súas investigacións, accede ao teu diario de aprendizaxe e reflexiona sobre a importancia do traballo das mulleres na ciencia.