Saltar navegación

1.2 Cal é o noso reto?

 

Glosario

Escala

Escala gráfica e escala numérica dun mapa

Definición:

Relación entre a distancia que aparece nun mapa ou plano e a distancia real na Terra.

Exemplo:

Se nun mapa de Galicia a escala é 1:100.000, significa que 1 cm no mapa representa 1 km na realidade.

Mapa

Pictograma dun mapamundi

Definición:

Representación a pequena escala dunha parte da superficie terrestre.

Exemplo:

Nun mapa de Galicia podemos ver onde están as cidades, os ríos ou as montañas.

Plano

Pictograma dun plano

Definición:

Representación detallada e a maior escala dunha zona pequena, como unha vila, un barrio ou un edificio.

Exemplo:

No plano da nosa vila aparecen con detalle as rúas do centro histórico.

O voso reto

O reto consiste en crear un pequeno “xeoparque local”, empregando un plano da vosa vila ou cidade a escala, ou un mapa da comarca, onde se identifiquen diferentes puntos de interese xeolóxico.

Pregamento de Campodola - Leixazós no Xeoparque Montañas do Courel

Lectura facilitada

O reto consiste en crear un pequeno “xeoparque local”.

Para facelo, tedes que usar un plano da vosa vila ou cidade
cun tamaño axeitado (a escala adecuada).

Tamén podedes empregar un mapa da comarca.

No plano ou no mapa, tedes que marcar os puntos de interese xeolóxico.

Isto quere dicir que debedes buscar lugares que teñan algo especial
relacionado coas rochas, os minerais ou outras formacións da Terra.

Como conseguir o reto?

Mostra con casiterita e moscovita da mina de Penouta, Viana do Bolo

Para conseguir o reto de crear un pequeno xeoparque local, seguiredes estes pasos:

  1. Explorar a contorna en busca de lugares de interese xeolóxico: pode ser un tipo de rocha ou mineral, un fenómeno xeolóxico ou algún edificio ou monumento construído con materiais representativos da zona.
  2. Identificar eses puntos nun plano ou mapa, marcando a súa localización exacta.
  3. Crear unha ficha informativa con información de cada lugar: localización, que se pode ver, interese xeolóxico e curiosidades.
  4. Compartir a información co resto da comunidade educativa, para dar a coñecer a riqueza xeolóxica da vosa vila, cidade ou comarca.

Así, paso a paso, construiredes un xeoparque local que poña en valor o patrimonio natural que pisades cada día.

Lectura facilitada

Para conseguir o reto de crear un pequeno xeoparque local, seguiredes estes pasos:

1. Explorar a contorna:

Saíde a observar o voso arredor.

Buscade lugares de interese xeolóxico.

  • Pode ser unha rocha, un mineral, un fenómeno xeolóxico ou mesmo un edificio ou monumento feito con materiais da zona.


2. Identificar os puntos nun plano ou mapa:

Debedes marcar a localización exacta de cada lugar que escollades.


3. Crear unha ficha informativa de cada lugar:

De cada punto, elaboraredes unha ficha con esta información:

  • Onde está
  • Que se pode ver.
  • Que interese xeolóxico ten.
  • Algunha curiosidade.


4. Compartir o traballo:

Presentade a información ao resto da comunidade educativa.

Así axudaredes a dar a coñecer a riqueza xeolóxica da vosa vila, cidade ou comarca.


Paso a paso, construiredes un xeoparque local.

Servirá para poñer en valor o patrimonio natural que pisades cada día.

Que acadarás co reto

  • Fomentar a observación e exploración da contorna para identificar rochas e minerais.
  • Desenvolver habilidades de identificación e clasificación de materiais xeolóxicos.
  • Aumentar a conciencia sobre a importancia da xeoloxía local e os recursos naturais.
  • Fomentar a comunicación e divulgación científica a través da creación de mapas.

Lectura facilitada

  • Observar e explorar a contorna para recoñecer rochas e minerais.
  • Aprender a identificar e clasificar rochas e minerais.
  • Valorar a importancia da xeoloxía da zona e dos recursos naturais.
  • Compartir o que aprendemos creando un mapas.

Diario de aprendizaxe

Icona representativa do Diario de aprendizaxe do proxecto cREAgalAccede ao teu diario de aprendizaxe e reflexiona: Por que cres que é importante coñecer a xeoloxía da nosa contorna? 

    Feito con eXeLearning (Nova xanela)