O ciclo das rochas: a transformación continua da Terra
A Terra está en constante cambio e as rochas non son unha excepción. Ao longo de millóns de anos, as rochas fórmanse, transfórmanse e destrúense debido a fenómenos xeolóxicos.
Este proceso coñécese como ciclo das rochas e permite entender como os tres tipos -ígneas ou magmáticas, metamórficas e sedimentarias- están interconectados.
Rochas ígneas ou magmáticas: a orixe do ciclo
O ciclo comeza no interior da Terra, onde as altas temperaturas funden as rochas, formando magma. Cando este magma arrefría e solidifica, dá lugar ás rochas ígneas, que poden ser:
- Plutónicas: forman grandes cristais que podemos observar a simple vista porque arrefrían lentamente baixo a superficie terrestre, a varios quilómetros de profundidade. Exemplos: granito, diorita, gabro ou peridotita.

- Volcánicas: solidifican rapidamente ao saír á superficie, en condicións subaéreas ou subacuáticas, formando cristais pequenos ou mesmo textura vítrea. Exemplos: riolita, andesita, basalto ou obsidiana.

- Filonianas ou subvolcánicas: a partir dun magma que solidifica en fendas ou fisuras moi próximas á superficie, adquirindo moi frecuentemente unha forma tabular. Exemplos: pegmatita.

Rochas metamórficas: a transformación no interior da Terra
Se unha rocha sedimentaria ou ígnea queda soterrada baixo grandes presións e temperaturas no interior da codia terrestre, sofre cambios na súa estrutura e composición sen chegar a fundirse. Así se forman as rochas metamórficas, diferenciándose dous tipos:
- Foliadas: son rochas que teñen os minerais orientados por estaren sometidas a presións elevadas: lousa, xisto ou gneis.

- Non foliadas: aquelas que non presentan os minerais orientados: mármore ou cuarcita.

Rochas sedimentarias: a pegada do tempo
As rochas ígneas, ao estar expostas á auga, ao vento, ao xeo ou aos cambios de temperatura, erosiónanse e os seus fragmentos son transportados ata acumularse en capas ou estratos. Estes sedimentos, ao compactarse e cementarse, dan lugar ás rochas sedimentarias, que poden ser de distintos tipos:
- Detríticas: formadas a partir de fragmentos de diferente tamaño que proceden doutras rochas. Exemplos: conglomerado, arenito e lutitas.

- Non detríticas: orixinadas pola precipitación de substancias disoltas na auga. Exemplos: calcaria ou evaporitas.

Moitas rochas sedimentarias conteñen fósiles, restos de seres vivos ou da súa actividade que axudan a reconstruír a historia da Terra.

Lectura facilitada
A Terra cambia constantemente.
As rochas tamén cambian co tempo.
Durante millóns de anos, as rochas:
- fórmanse,
- cambian,
- e mesmo desaparecen.
Estes cambios ocorren por causa dos procesos xeolóxicos.
A isto chamámoslle ciclo das rochas.
O ciclo das rochas explícanos
como as rochas ígneas ou magmáticas, metamórficas e sedimentarias
están relacionadas entre si.
Rochas ígneas ou magmáticas: o inicio do ciclo
O ciclo das rochas comeza no interior da Terra.
Alí hai moita calor e as rochas fúndense, formando magma.
Cando o magma arrefría e se volve sólido, fórmanse as rochas ígneas.
- Plutónicas:
O magma arrefría pouco a pouco baixo terra, por iso forma cristais grandes
que se poden ver a simple vista.
Exemplos: granito, diorita, gabro, peridotita.
- Volcánicas:
O magma sae ao exterior e arrefría moi rápido, en terra ou baixo a auga.
Forma cristais pequenos ou con aspecto de vidro.
Exemplos: riolita, andesita, basalto, obsidiana.
- Filonianas ou subvolcánicas:
O magma arrefría en gretas ou fendas preto da superficie.
Moitas veces teñen forma plana ou de lámina.
Exemplo: pegmatita.
Rochas metamórficas: cambian no interior da Terra
Cando unha rocha ígnea ou sedimentaria queda enterrada
e soporta moita presión e calor, cambia sen chegar a fundirse.
Así fórmanse as rochas metamórficas.
Hai dous tipos:
- Foliadas:
Teñen os minerais colocados en capas ou liñas.
Exemplos: lousa, xisto, gneis.
- Non foliadas:
Os minerais non están ordenados en capas.
Exemplos: mármore, cuarcita.
Rochas sedimentarias: formadas polo paso do tempo
As rochas que están na superficie sofren cambios pola auga, o vento, o xeo e a calor.
Eses cambios fan que se rompan en anacos pequenos, que se chaman sedimentos.
Estes anacos van parar a outros lugares e xúntanse en capas.
Co paso do tempo, esas capas prénsanse e péganse,
formando rochas sedimentarias.
Hai dous tipos:
- Detríticas:
Formadas por anaquiños de distintas rochas.
Exemplos: conglomerado, arenito, lutitas.
- Non detríticas:
Formadas cando as substancias disoltas na auga se volven sólidas.
Exemplos: calcaria, evaporitas.
Moitas rochas sedimentarias teñen fósiles,
que son restos de seres vivos antigos.
Estes fósiles axúdannos a coñecer a historia da Terra.

