Saltar navegación

Miniexperiencias

Miniexperiencia 3: Trátase de mármore?

O mármore é unha rocha metamórfica que se forma a partir da rocha calcaria, cando esta se somete a presión e temperatura durante moito tempo.

Mostra de calcaria   Mostra de mármore branco   Mostra de mármore con impurezas

É moi apreciado pola súa cor branca ou vetada, o brillo que pode acadar cando se pule e a súa facilidade para ser tallado. Por iso, úsase desde hai séculos en escultura, construción e decoración.

Esta rocha utilizouse desde a antigüidade en obras artísticas e arquitectónicas por todo o mundo. Un exemplo destacado é a Fonte de Neptuno en Florencia (Italia), unha escultura monumental tallada en mármore. Máis preto, en Galicia, tamén podemos atopar esta rocha na Igrexa de San Pedro Fiz do Incio (Lugo), un exemplo singular de arquitectura románica construída con mármore da propia localidade.

Fonte de Neptuno, escultura en mármore situada en Florencia (Italia)   Igrexa de San Pedro Fiz do Incio, construída en mármore (O Incio, Lugo)

Nesta actividade imos aprender a recoñecer o mármore usando unha proba sinxela con ácido.

Materiais

  • Mostras de rochas (mármore, calcaria, cuarcita etc).
  • Conta-gotas.
  • Ácido diluído (ou vinagre, que é máis seguro).
  • Lentes e luvas de protección.
  • Papel ou prato para apoiar as rochas.

Procedemento

  1. Poñede as lentes e as luvas para traballar con seguridade.
  2. Colocade as rochas sobre o papel ou prato.
  3. Botade 1 ou 2 gotas de ácido ou vinagre sobre cada rocha co conta-gotas.
  4. Observade que ocorre.

OBSERVACIÓNS:

Se a rocha fai burbullas (efervescencia), contén carbonato de calcio e pode ser mármore ou calcaria. Se non reacciona, é outra rocha, como cuarcita ou granito.

Cuestión 1

  1. Que diferenza hai entre unha rocha que reacciona co ácido e unha que non reacciona?
  2. A que se debe esta reacción?

Cuestión 2

  1. Por que o vinagre ou o ácido son útiles para identificar o mármore e outras rochas similares?
  2. Poderiades pensar noutra forma de diferenciar estas rochas?

Lectura facilitada

O mármore é unha rocha metamórfica.
Fórmase cando a rocha calcaria está durante moito tempo
baixo presión e temperatura altas.      

O mármore é moi apreciado pola súa cor branca ou con vetas,
polo seu brillo cando se pole,
e porque é fácil de tallar.

Por iso, úsase desde hai séculos para facer
esculturas, edificios e decoración.

O mármore utilizouse en obras artísticas e arquitectónicas
de todo o mundo.

Un exemplo coñecido é a Fonte de Neptuno en Florencia (Italia),
unha escultura feita en mármore.

En Galicia tamén atopamos mármore na
Igrexa de San Pedro Fiz do Incio (Lugo),
un edificio románico feito con mármore da zona.

Nesta actividade imos aprender a recoñecer o mármore
facendo unha proba sinxela con ácido.

Materiais

  • Mostras de rochas (mármore, calcaria, cuarcita etc).
  • Conta-gotas.
  • Ácido diluído (ou vinagre, que é máis seguro).
  • Lentes e luvas de protección.
  • Papel ou prato para apoiar as rochas.

Procedemento

  1. Poñede as lentes e as luvas para traballar con seguridade.
  2. Colocade as rochas sobre o papel ou prato.
  3. Botade 1 ou 2 gotas de vinagre ou ácido sobre cada rocha co conta-gotas.
  4. Observade que pasa.

OBSERVACIÓNS:

Se a rocha fai burbullas (efervescencia),
quere dicir que contén carbonato de calcio,
polo tanto pode ser mármore ou calcaria.

Se non reacciona, é outra rocha, como cuarcita ou granito.

Cuestión 1

  1. Que diferenza hai entre unha rocha que reacciona co ácido e unha que non reacciona?
  2. A que se debe esta reacción?

Cuestión 2

  1. Por que o vinagre ou o ácido son útiles para identificar o mármore e outras rochas similares?
  2. Poderiades pensar noutra forma de diferenciar estas rochas?

Apoio visual

Efervescencia!

Rocha calcaria reaccionando co ácido clorhídrico para producir efervescencia

Miniexperiencia 4: Fábrica de rochas

Con esta práctica imos poñernos na pel da natureza e crearemos as nosas propias rochas, coma se fóramos auténticos artistas xeolóxicos.

Imos viaxar ao fascinante mundo das rochas sedimentarias, magmáticas e metamórficas usando só un pouco de imaxinación... e ceras de cores

Procedemento

Materiais necesarios

  • Ceras brandas de varias cores.
  • Relador (pode ser de cociña).
  • Espátula ou coitelo pequeno para cortar as ceras.
  • Papel de aluminio.
  • Chisqueiro de alcohol ou un recipiente para baño maría.
  • Un cazo ou cullerón metálico para quentar e mesturar as ceras.
  • Xornais vellos ou papel para cubrir o chan e evitar manchas.
  • Tarxetas ou anacos de papel para facer un mapa conceptual sobre os tipos de rocha.

Tipos de rochas elaboradas

Rochas sedimentarias

  1. Comezamos rompendo as ceras en anacos de tamaños variados, representando así o proceso natural de meteorización.
  2. Co relador facemos partículas máis finas, coma se fosen area, e coa espátula ou coitelo creamos fragmentos máis grosos que imitan grava.
  3. Para simular a cementación, mollamos un pouco as mans antes de xuntar os sedimentos. Ao premer coas mans durante un anaco, a calor corporal e a forza exercida axudan a compactar os materiais, formando unha rocha sedimentaria do estilo brecha ou conglomerado.

Imaxe da simulación de rocha sedimentaria

Rochas metamórficas

  1. Primeiro, envolvemos a "rocha" feita con ceras nun anaco de papel de aluminio, como se estivésemos preparando un fósil para analizar.
  2. A continuación, quentamos esa rocha ao baño maría, controlando ben a temperatura. É importante que se quente o suficiente, pero sen derreter por completo. Se por accidente unha rocha se funde de todo, explicamos que nese caso estariamos diante dunha transformación cara unha rocha magmática.
  3. Unha vez quente, colocamos a rocha envolta no chan, sobre papel de xornal para protexer a superficie, e aplicamos presión pisando con coidado. Esta presión, xunto coa calor anterior, simula as condicións extremas que transforman unha rocha sedimentaria noutra metamórfica.

Imaxe da simulación de rocha metamórfica

Rochas ígneas

  1. Empregamos un cazo ou cullerón metálico grande para fundir as ceras. Este paso permítenos observar como o material se derrete por completo, simulando o magma da Terra.
  2. Unha vez fundidas, deixamos que as ceras arrefríen e solidifiquen. Durante este proceso, explicamos que así é como se forman as rochas ígneas.
  3. Se a cera arrefría rápido (por exemplo, ao botala sobre unha superficie fría), estamos simulando a formación de rochas volcánicas, que se orixinan ao arrefriar o magma na superficie.
  4. Se, en cambio, o arrefriamento é máis lento (mantendo a cera quente durante máis tempo antes de deixala endurecer), estaremos representando a formación de rochas plutónicas, que se forman no interior da Terra.

Imaxe de simulación de rocha magmática

Cuestión 1

a. Ao fundir as ceras, que proceso da natureza pensas que se está a representar?

b. Que tipo de rochas se simulan ao deixar arrefriar lentamente as ceras fundidas?

Cuestión 2

a. Por que as ceras son fragmentadas en pequenos anacos para a simulación das rochas sedimentarias? Que representan?

b. Que se pode observar ao pisar os fragmentos de cera envoltos en papel de aluminio? Cal é a semellanza co que acontece na natureza?

Lectura facilitada

Nesta práctica imos crear rochas como se fose a natureza.
Seremos artistas da xeoloxía.

Imos viaxar ao mundo das rochas sedimentarias, metamórficas e ígneas,
usando ceras de cores e moita imaxinación.

Procedemento

Materiais necesarios

  • Ceras brandas de varias cores.
  • Relador (pode ser de cociña).
  • Espátula ou coitelo pequeno para cortar as ceras.
  • Papel de aluminio.
  • Chisqueiro de alcohol ou un recipiente para baño maría.
  • Un cazo ou cullerón metálico para quentar e mesturar as ceras.
  • Xornais vellos ou papel para cubrir o chan e evitar manchas.
  • Tarxetas ou anacos de papel para facer un mapa conceptual sobre os tipos de rocha.

Tipos de rochas elaboradas

Rochas sedimentarias

  1. Rompemos as ceras en anacos pequenos, como se foran pedras rotas polo vento ou pola auga.
  2. Relamos unha parte das ceras, que representa area,
    e cortamos anacos máis grosos, que simulan grava.
  3. Para xuntar os anacos, mollamos un pouco as mans.
    Presionamos coas mans para xuntar os fragmentos.
    Co calor das mans e a forza, formamos unha rocha compacta,
    coma un conglomerado ou unha brecha.

Rochas metamórficas

  1. Tomamos unha rocha sedimentaria que xa fixemos.
  2. Envolvémola en papel de aluminio.
  3. Aplicamos presión co pé ou colocámola nun sitio con algo de calor.
    A forma cambia, igual que pasa coas rochas que están
    no interior da Terra con presión e temperatura altas.

Rochas ígneas

  1. Fundimos anacos de cera nun cazo metálico.
    Isto representa o magma, que é rocha fundida.

  2. Deixamos que a cera quente arrefríe e solidifique.
    Así formamos unha rocha ígnea.

  • Se a cera arrefría rápido, representa as rochas volcánicas,
    que se forman cando o magma sae á superficie.
  • Se a cera arrefría máis lento, representa as rochas plutónicas,
    que se forman baixo terra.

Cuestión 1

a. Ao fundir as ceras, que proceso da natureza estamos representando?

b. Que tipo de rochas se forman cando deixamos que a cera arrefríe pouco a pouco?

Cuestión 2

a. Por que rompemos as ceras en anacos pequenos para facer rochas sedimentarias?
Que representan eses anacos?

b. Que ocorre cando pisamos os anacos de cera envoltos en papel de aluminio?
En que se parece iso ao que pasa na natureza?

Diario de aprendizaxe

Icona representativa do Diario de aprendizaxe do proxecto cREAgalComo ves, as miniexperiencias serven para levar á práctica e comprobar os contidos que estudaches.

Escolle a miniexperiencia que máis che gustou, accede ao teu diario de aprendizaxe e reflexiona sobre a importancia da experimentación na ciencia.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)