Zona onde as rochas quedan á vista na superficie, sen ter que escavar para velas.
Exemplo:
Nun camiño do monte puidemos ver un afloramento de granito.
Sondaxe
Definición:
Técnica que consiste en perforar o terreo para extraer mostras do seu interior.
Exemplo:
Esas científicas fixeron unha sondaxe para estudar as rochas que están a varios metros de profundidade.
×
A xeosfera: o esqueleto da Terra
A Terra non sempre foi como a coñecemos. Hai máis de 4.500 millóns de anos, era unha masa de material fundido que, ao arrefriarse, deu lugar á xeosfera, a parte sólida do noso planeta.
No seguinte vídeo podes ver unha representación da formación do noso planeta entre os minutos 1:27 e 7:12.
Co paso do tempo, a partir dese material fundido, os compoñentes máis densos afundíronse e deron lugar ao núcleo, mentres que os máis lixeiros ascenderon e formaron a codia.
Deste modo, organizáronse as capas da Terra: codia, manto (superior e inferior) e núcleo (externo e interno).
Pero... como chegamos a coñecer a estrutura interna da Terra?
Métodos de estudo do interior terrestre
Métodos directos
Analizando as rochas da superficie ou de zonas de moi pouca profundidade, materiais expulsados polos volcáns, mostras extraídas en minas e sondaxes ou mesmo en afloramentos superficiais.
Métodos indirectos
Mediante o método sísmico, observamos como se propagan as ondas sísmicas nos terremotos, o que nos axuda a deducir a composición e estrutura das capas internas.
Tamén hai outros, como o magnético, ou o gravimétrico, que miden variacións no campo magnético terrestre ou o valor da gravidade.
Incluso estudando a composición dos meteoritos que chegan á superficie terrestre chegamos a coñecer a composición do seu interior.
Lectura facilitada
A Terra non sempre foi como é agora. Hai máis de 4.500 millóns de anos, era unha masa de material moi quente e fundido. Co paso do tempo, ese material arrefriouse. Así se formou a xeosfera, a parte sólida do noso planeta.
No seguinte vídeo podes ver unha representación da formación da Terra. Podes vela entre os minutos 1:27 e 7:12.
Co paso do tempo, ese material fundido separouse. As partes máis densas afundíronse e formaron o núcleo. As partes máis lixeiras subiron e formaron a codia.
Así se formaron as capas da Terra:
a codia,
o manto (superior e inferior),
e o núcleo (externo e interno).
Pero... como sabemos como é o interior da Terra?
Usamos métodos de estudo que nos axudan a coñecer o que hai baixo a superficie.
Métodos directos
Analizamos as rochas da superficie ou de zonas pouco profundas. Tamén estudamos materiais que saen dos volcáns, as mostras que se extraen en minas e sondaxes, e os afloramentos que aparecen á vista na superficie.
Métodos indirectos
Co método sísmico observamos como se moven as ondas dos terremotos. Isto axúdanos a saber como son e de que están feitas as capas internas da Terra.
Tamén usamos outros métodos, como: – o método magnético, que mide cambios no campo magnético da Terra, – e o método gravimétrico, que mide cambios na gravidade.
Ademais, estudamos os meteoritos que chegan á Terra. A súa composición axúdanos a entender como é o interior do noso planeta.
Tarefa
Duración:
20 minutos
Agrupamento:
3-4 persoas
Canto credes que foi a máxima profundidade explorada polo ser humano na superficie terrestre?
Cada grupo buscará información en Internet sobre un lugar profundo do planeta (como a Fosa das Sandwich do Sur, a fosa de Porto Rico, a fosa das Filipinas ou a Fosa de Tonga). Recorda que as fontes deben ser fiables.
En cada grupo, lede a información e preparade unha ficha sinxela que inclúa:
Nome do lugar.
Profundidade aproximada.
Localización (océano ou rexión).
Algún dato curioso ou interesante.
A persoa portavoz de cada grupo deberá compartir a información co resto da clase.
Aquí tes un exemplo de ficha.
Ficha do grupo
Nome do lugar
Fosa das Marianas (abismo Challenger).
Profundidade aproximada
Uns 11.000 m (11 km).
Localización
Océano Pacífico occidental, preto das Illas Marianas.
Dato curioso ou interesante
É o punto máis profundo coñecido da Terra. No ano 1960, dous exploradores, Jaques Piccard e Don Walsh, chegaron ao fondo a bordo do batiscafo Trieste, e en 2012 o cineasta James Cameron repetiu a fazaña cunha inmersión en solitario.