Saltar navegación

3.2 Os minerais

 

Glosario

Orixe inorgánica

Pictograma dunha erupción

Definición:

Proceso de formación en que non interveñen os seres vivos.

Exemplo:

A solidificación do magma ten unha orixe inorgánica.

Os minerais: os ladrillos da xeosfera

A xeosfera está formada por unha enorme variedade de minerais, que son os compoñentes básicos das rochas. Pero, que é exactamente un mineral?

Os minerais son substancias sólidas homoxéneas, naturais e de orixe inorgánica, que teñen unha composición química definida e unha estrutura cristalina. Isto último significa que os seus átomos están organizados nunha disposición ordenada e estable.

Disposición atómica ordenada na estrutura cristalina da hematita

Algúns minerais están compostos por un só elemento, como o ouro ou o diamante (carbono puro), mentres que outros están formados por varios elementos combinados, como o cuarzo (silicio e osíxeno). Moitas veces a súa forma é irregular e dise que teñen un hábito masivo. Non obstante, outras teñen espazo, tempo e dispoñibilidade atómica suficiente para medrar e podemos velos con formas xeométricas regulares como a cúbica da pirita ou a romboédrica da calcita.

Mostra de blenda con hábito masivo Dúas mostras de calcita romboédrica

Lectura facilitada

A xeosfera está formada por moitos tipos de minerais.
Os minerais son os compoñentes básicos das rochas.
Pero… que é un mineral?

Os minerais son substancias que teñen estas características:

  • Son sólidos.
  • Son naturais.
  • Teñen orixe inorgánica (non veñen de seres vivos).
  • Teñen unha composición química definida.
  • Teñen unha estrutura cristalina, é dicir,
    os seus átomos están colocados de forma ordenada e estable.

Algúns minerais están formados por un só elemento,
como o ouro ou o diamante (que é carbono puro).

Outros minerais están formados por varios elementos,
como o cuarzo, que ten silicio e osíxeno.

Moitos minerais teñen unha forma irregular,
e dise que teñen un hábito masivo.

Outros minerais medran con tempo, espazo e átomos suficientes,
e forman cristais con formas regulares.
Por exemplo:

  • A pirita, que pode ter forma cúbica.
  • A calcita, que pode ter forma romboédrica.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)