Saltar navegación

3.1. Planeta cambiante

 

Glosario

Litosfera

Mapa coa idade da litosfera oceánica, en millóns de anos

Definición:

Capa máis superficial da xeosfera, formada pola codia e a parte máis alta do manto superior. Atópase dividida en grandes fragmentos coñecidos como placas tectónicas ou litosféricas.

Exemplo:

A litosfera oceánica é máis densa que a listosfera continental.

Vulcanismo

Pictograma dun volcán

Definición:

Conxunto de fenómenos relacionados cos volcáns e a súa actividade.

Exemplo:

Nos bordos de placas adoita haber un maior grao de vulcanismo.

Cambios

A xeosfera é unha estrutura viva que cambia constantemente, modelando o noso planeta e dándolle a forma que coñecemos hoxe.

Continuamos escavando nos seus segredos?

O interior terrestre

Representación das capas da xeosfera

A Terra está organizada en capas concéntricas con diferentes características e composición.

Cada unha destas capas xoga un papel fundamental na dinámica do noso planeta, influíndo en procesos como o vulcanismo, os terremotos e a formación de grandes cordilleiras.

De fóra cara ao interior, atopamos:

Codia

É a capa máis externa e delgada da xeosfera. Está formada por rochas sólidas e ten unha profundiade que pode pode variar entre os 3 e os 70 km. Divídese en:

Representación da codia oceánica e codia continental

Codia continental

  • Forma os continentes e as plataformas continentais.
  • O seu espesor medio é duns 30 km, aínda que pode chegar aos 70 km baixo grandes cordilleiras.
  • A súa antigüidade máxima é duns 4000 millóns de anos.
  • Ten unha composición moi heteroxénea, xa que hai todo tipo de rochas: magmáticas, metamórficas e sedimentarias.
  • A súa densidade media é duns 2,8 g/cm3.

Codia oceánica

  • Forma os fondos oceánicos.
  • O seu espesor varía entre os 3 e os 15 km nas zonas máis preto dos continentes.
  • Ten unha menor antigüidade, arredor dos 200 millóns de anos.
  • Ademais de por sedimentos depositados no fondo oceánico, está formada por dous tipos de rochas magmáticas: o basalto e o gabro.
  • Ten maior densidade, 3,1 g/cm3.

A base da codia vén determinada pola descontinuidade de Mohorovicic.

Manto

Sitúase baixo a codia e representa a capa máis extensa da xeosfera, ocupando case o 82% do volume da Terra. Atópase en estado sólido e está formado principalmente por unha rocha magmática chamada peridotita. Divídese en:

Manto superior

  • Esténdese ata uns 660 km de profundidade, na descontinuidade de Repetti.
  • A parte máis alta desta zona, xunto coa codia, forma unha unidade ríxida chamada litosfera, cun espesor que pode variar entre os 100 km e os 250 km baixo as grandes cordilleiras. Está dividida en fragmentos chamados placas tectónicas ou litosféricas, que están en constante movemento.

Manto inferior

  • Chega ata os 2.900 km de profundidade, na descontinuidade de Gutenberg.
  • Aquí as rochas atópanse en estado sólido debido á enorme presión, e as temperaturas poden superar os 3.000 °C.
  • Aproximadamente 200 km da súa base forman a chamada capa D, na que as elevadas temperaturas, pola proximidade ao núcleo, fan que haxa rochas fundidas que poden ascender debido á súa baixa densidade.

Núcleo

A parte máis profunda da Terra, formada por ferro e outros elementos como o níquel. Divídese en dúas partes:

Núcleo externo

  • Está en estado fundido e chega ata os 5.150 km de profundidade, na descontinuidade de Lehmann.
  • A súa temperatura oscila entre os 4.000 e os 6.000 °C.
  • As correntes provocadas polo movemento dos metais fundidos, xera o campo magnético terrestre, que protexe ao planeta das partículas solares.

Núcleo interno

  • Unha esfera sólida cun radio duns 1.220 km.
  • A presión extrema fai que o ferro e o níquel se atopen en estado sólido, a pesar de alcanzar temperaturas superiores aos 6.000 °C, semellantes ás da superficie do Sol.

Lectura facilitada

A Terra está formada por capas concéntricas, unha dentro doutra.
Cada capa ten características e materiais diferentes.


Cada unha destas capas é moi importante.
Participan en procesos como:
– os volcáns,
– os terremotos,
– e a formación das cordilleiras (grandes montañas).


De fóra cara ao interior, as capas da Terra son:

Codia

É a capa máis externa e delgada da xeosfera.
Está formada por rochas sólidas.
A súa profundidade varía entre 3 e 70 km.


Divídese en dúas partes:

Codia continental

  • Forma os continentes e as plataformas continentais.

  • Ten un espesor medio de 30 km, pero pode chegar aos 70 km baixo as grandes cordilleiras.

  • Pode ter ata 4.000 millóns de anos de antigüidade.

  • A súa composición é moi variada: hai rochas magmáticas, metamórficas e sedimentarias.

  • A súa densidade media é de 2,8 g/cm³.

Codia oceánica

  • Forma os fondos oceánicos.

  • O seu espesor varía entre 3 e 15 km, sobre todo nas zonas próximas aos continentes.

  • É máis nova que a codia continental:
    ten uns 200 millóns de anos de antigüidade.

  • Está formada por sedimentos e por rochas magmáticas:
    o basalto e o gabro.

  • Ten unha densidade maior, de 3,1 g/cm³.

A base da codia está marcada pola descontinuidade de Mohorovicic.

Manto

Está situado baixo a codia.
É a capa máis extensa da xeosfera.
Ocupa case o 82 % do volume da Terra.


Está en estado sólido.
Está formado sobre todo por unha rocha magmática chamada peridotita.


Divídese en dúas partes:

Manto superior

  • Chega ata uns 660 km de profundidade, na descontinuidade de Repetti.

  • A parte máis alta desta zona, xunto coa codia, forma a litosfera.
    A litosfera é unha capa ríxida.
    Pode ter entre 100 e 250 km de espesor, sobre todo baixo as grandes cordilleiras.

  • A litosfera está dividida en fragmentos chamados placas tectónicas ou placas litosféricas.
    Estas placas están en constante movemento.

Manto inferior

  • Chega ata os 2.900 km de profundidade, na descontinuidade de Gutenberg.

  • As rochas están en estado sólido por mor da gran presión.

  • As temperaturas poden superar os 3.000 ºC.

  • Na parte máis baixa, hai unha zona chamada capa D.
    Ten uns 200 km de espesor.

  • Nesta zona, as altas temperaturas, pola proximidade ao núcleo, fan que haxa rochas fundidas.
    Estas rochas poden ascender porque teñen baixa densidade.
     

Núcleo

É a parte máis profunda da Terra.
Está formada por ferro e outros elementos, como o níquel.


Divídese en dúas partes:

Núcleo externo

  • Está en estado fundido e chega ata os 5.150 km de profundidade,
    na chamada descontinuidade de Lehmann.

  • A súa temperatura está entre os 4.000 e os 6.000 ºC.

  • Os metais fundidos móvense formando correntes.
    Eses movementos xeran o campo magnético da Terra.
    Este campo protexe o planeta das partículas solares.

Núcleo interno

  • É unha esfera sólida cun radio duns 1.220 km.

  • A presión é tan alta que o ferro e o níquel están en estado sólido,
    aínda que as temperaturas superan os 6.000 ºC.
    Son temperaturas parecidas ás da superficie do Sol.

Un crebacabezas en movemento: a tectónica de placas

A litosfera está dividida en grandes fragmentos chamados placas tectónicas ou litosféricas, que se desprazan sobre o manto sublitosférico. Especialmente nos bordos ou límites entre elas, o seu movemento xera fenómenos como terremotos, volcáns ou a formación de cordilleiras.

Primeiro podes observar como se distribúen os volcáns e os terremotos a nivel mundial e súa relación cos bordos de placa na Geological Society.

Segundo como interactúen entre elas, os bordos das placas poden ser:

Bordos diverxentes ou construtivos

Nestes límites as placas sepáranse, polo que o magma sae á superficie e solidifica ao arrefriarse. Créase litosfera e aumenta a superficie das placas.

É o que ocorre entre as placas Norteamericana e Eurasiática ou entre a Africana e a Suramericana, onde o Atlántico está a expandirse ao saír o magma no fondo oceánico a través dunha elevación submarina de miles de quilómetros de lonxitude, coñecida como dorsal mesoatlántica.

Neste tipo de límites prodúcese unha grande actividade sísmica e volcánica.

Diagrama dun rift continental         Diagrama dun bordo diverxente ou construtivo

Bordos converxentes ou destrutivos

Prodúcese o choque entre dúas placas e, polo tanto, destrúese litosfera. Poden darse tres situacións diferentes:

1. Converxencia entre litosfera oceánica e litosfera continental. A placa oceánica, máis densa, afúndese baixo a continental nun proceso chamado subdución, formando unha foxa oceánica. Prodúcense terremotos, algúns de elevada magnitude, e unha intensa actividade volcánica. Fórmanse grandes cordilleiras volcánicas, como a dos Andes no límite entre a placa de Nazca e a placa Suramericana.

Diagrama dun bordo converxente ou destrutivo (oceánico-continental)

2. Converxencia entre litosfera oceánica e oceánica. A placa oceánica máis fría será a máis densa e, polo tanto, a que vai subducir, formando unha foxa profunda. Tamén se producen terremotos e a formación de arcos de illas volcánicas, como as Aleutianas, no límite entre a placa Pacífica e a placa Norteamericana.

Diagrama dun bordo converxente ou destrutivo (oceánico-oceánico)

3. Converxencia entre litosfera continental e continental. As dúas placas teñen a mesma densidade, producindo o levantamento de grandes cordilleiras, chamados oróxenos de colisión. É o caso do Himalaia, formado polo choque da placa Indoaustraliana e a Eurasiática. Non se forman volcáns pero si que hai unha elevada actividade sísmica.

Diagrama dun bordo converxente ou destrutivo (continental-continental)

Bordos pasivos ou conservativos

Neste tipo de límites non se crea nin se destrúe litosfera, xa que as placas rozan lateralmente ao longo de grandes fallas, denominadas transformantes, o que provoca unha elevada actividade sísmica. Un dos casos máis coñecidos é a falla de San Andrés, entre a placa Pacífica e a placa Norteamericana.

Diagrama que representa un bordo pasivo ou conservativo

Lectura facilitada

A litosfera está dividida en grandes fragmentos chamados placas tectónicas ou litosféricas.
Estas placas desprázanse sobre o manto sublitosférico.

Nos bordos ou límites, o seu movemento provoca fenómenos como:

  • terremotos,
  • volcáns,
  • e a formación de cordilleiras.

Podes ver como se distribúen os volcáns e os terremotos no mundo
e como se relacionan cos bordos das placas na páxina da Geological Society.

Segundo como se movan entre elas, os bordos das placas poden ser:

Bordos diverxentes ou construtivos

Nestes bordos, as placas sepáranse.
O magma sobe á superficie e, ao arrefriarse, solidifica.
Así se crea nova litosfera e aumenta a superficie das placas.

Isto pasa entre as placas Norteamericana e Eurasiática ou entre a Africana e Suramericana.
Alí, o océano Atlántico está a expandirse.
O magma sae por unha grande elevación submarina,
chamada dorsal mesooatlántica,
que ten miles de quilómetros de lonxitude.

Nestes bordos hai moitos terremotos e erupcións volcánicas.

     

Bordos converxentes ou destrutivos

Nestes bordos, dúas placas tectónicas chocan entre si.
Por iso, destrúese parte da litosfera.

Poden darse tres situacións diferentes:

1. Choque entre unha placa oceánica e outra continental:

A placa oceánica, máis densa, afúndese baixo a continental.
Este proceso chámase subdución.
Así fórmase unha foxa oceánica.
Hai terremotos fortes e moita actividade volcánica.
Tamén se forman cordilleiras volcánicas, como os Andes,
no límite entre a placa de Nazca e a placa Suramericana.

2. Choque entre dúas placas oceánicas:

A placa máis fría e densa afúndese baixo a outra.
Tamén se forma unha foxa profunda.
Hai terremotos e aparecen illas volcánicas en forma de arco.
Exemplo: as illas Aleutianas,
entre a placa Pacífica e a placa Norteamericana.

3. Choque entre dúas placas continentais:

As dúas placas teñen a mesma densidade, así que non se afunden.
Isto provoca o levantamento de grandes cordilleiras,
chamados oróxenos de colisión.
Exemplo: o Himalaia, onde chocan a placa Indoaustraliana
e a placa Eurasiática.
Non se forman volcáns, pero si hai moitos terremotos.

Bordos pasivos ou conservativos

Nestes bordos non se crea nin se destrúe litosfera.
As placas rozan lateralmente entre si.
Este movemento ocorre ao longo de grandes fallas chamadas transformantes.

Este roce provoca terremotos.

Un dos exemplos máis coñecidos é a falla de San Andrés,
entre a placa Pacífica e a placa Norteamericana.

Placas na realidade

Podes atopar a placa do Caribe ou a placa Filipina nas imaxes de satélite do Servizo Xeolóxico de Estados Unidos?

Desconecta! Deseñando capas

Duración:
50 minutos
Agrupamento:
En grupos de 3-4

A traballar coas mans!

Realizade unha maqueta que represente as placas tectónicas, empregando materiais como bólas de polistireno expandido, plastilina, pinturas, caixas de zapatos, papel de xornal... e calquera outro que vós consideredes.

Podedes escoller facer unha representación esférica do planeta sinalando as principais placas tectónicas ou ben representar distintos modelos das interacción entre as placas.

Os deseños e a escolla de material será libre. Poñede a funcionar a vosa imaxinación!

Verdadeiro ou falso?

Pregunta 1

1. A codia continental pode chegar a ter ata 70 km de espesor.

Pregunta 2

2. A codia oceánica ten unha antigüidade maior que a continental.

Pregunta 3

3. O manto ocupa a maioría do volume total da Terra.

Pregunta 4

4. O manto está en estado líquido debido ás altas temperaturas.

Pregunta 5

5. A litosfera está formada pola codia e a parte máis superficial do manto superior.

Pregunta 6

6. As placas tectónicas están fixas e non se moven.

Pregunta 7

7. A capa D está situada na base do manto inferior.

Pregunta 8

8. A temperatura do núcleo interno é inferior á do núcleo externo.

Pregunta 9

9. O núcleo externo está en estado fundido.

Pregunta 10

10. O núcleo interno é líquido debido á presión e á temperatura.

Pregunta 11

11. As dorsais oceánicas fórmanse en bordos diverxentes.

Pregunta 12

12. Nas zonas de subdución destrúese litosfera oceánica.

Pregunta 13

13. O Himalaia formouse por subdución dunha placa oceánica baixo outra continental.

Pregunta 14

14. A dorsal mesoatlántica é un exemplo de bordo converxente.

Pregunta 15

15. Nas zonas onde coliden dúas placas continentais non hai actividade sísmica.

Pregunta 16

16. As illas Aleutianas están nun bordo converxente entre dúas placas continentais.

Pregunta 17

17. As placas rozan lateralmente nos bordos pasivos ou conservativos.

Pregunta 18

18. O magma ascende nos bordos converxentes e crea nova codia oceánica.

Pregunta 19

19. A presión do núcleo interno é tan alta que mantén o ferro e o níquel en estado sólido.

Pregunta 20

20. A xeosfera é unha estrutura estática e inmutable.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)