Miniexperiencia 1: Non me raies!

A dureza é unha das propiedades máis útiles para identificar minerais.
Nesta actividade imos probar e comparar distintos minerais para saber cales son máis brandos e cales máis duros. Para facelo correctamente, segue os pasos que se indican a continuación:
- Prepara os materiais: reúne os minerais que vas probar (exemplo: talco, fluorita, cuarzo) e asegúrate de que cada un está ben identificado.
- Proba a dureza: intenta riscar un mineral cun outro. Se o primeiro mineral risca ao segundo, significa que ten maior dureza. Repíteo con todos os minerais.
- Clasifica os minerais: ordena os minerais de menor a maior dureza, baseándote nas probas realizadas. Utiliza a escala de Mohs para situar cada mineral (por exemplo, o talco ten dureza 1 e o diamante 10).
- Comproba a orde: revisa que a orde sexa correcta, comparando os resultados das probas coas propiedades coñecidas de cada mineral.
- Anota os resultados: fai unha lista dos minerais ordenados pola súa dureza e escribe as observacións realizadas durante as probas.
- Conclusión: analiza as características dos minerais e as propiedades observadas nas probas.
Precaucións
Manipula con coidado os minerais, especialmente os de maior dureza.
Realiza as probas suavemente para non danar os materiais.
Cuestión 1
Como pode a dureza dun mineral influír na súa utilización en diferentes industrias ou aplicacións?
Cuestión 2
Por que é importante coñecer a escala de Mohs e as propiedades de dureza ao traballar cos minerais?
Lectura facilitada
A dureza é unha das propiedades máis útiles para identificar minerais.
Nesta actividade imos probar e comparar distintos minerais
para saber cales son máis brandos e cales máis duros.
Para facelo ben, seguide os seguintes pasos:
1. Preparade os materiais:
Reunide os minerais que ides usar
(por exemplo: talco, fluorita, cuarzo).
Asegurádevos de que están ben identificados.
2. Probade a dureza:
Tentade riscar un mineral con outro.
Se un mineral risca a outro, é porque ten maior dureza.
Facede esta proba con todos os minerais.
3. Clasificade os minerais:
Ordenade os minerais de menor a maior dureza,
segundo o que observastes nas probas.
Usade a escala de Mohs para saber a súa dureza:
o talco ten dureza 1 e o diamante 10.
4. Comprobade a orde:
Revisade que a orde sexa correcta,
comparando cos datos coñecidos de cada mineral.
5. Anotade os resultados:
Facede unha lista dos minerais segundo a súa dureza.
Escribide tamén as observacións das probas.
6. Conclusión:
Analizade como son os minerais
e que propiedades observastes.
Precaucións:
– Manipulade os minerais con coidado, sobre todo os máis duros.
– Facede as probas con suavidade, para non danar os materiais.
Cuestión 1
Como pode a dureza dun mineral influír nos seus usos?
Cuestión 2
Por que é importante coñecer a escala de Mohs e a dureza dos minerais?
Como ves, as miniexperiencias serven para levar á práctica e comprobar os contidos que estudaches.