A información veraz e fiable é unha ferramenta necesaria para coñecer o mundo que nos rodea.
Tendo coñecemento dos eventos que nos rodean, sabendo a historia, é como poderemos avanzar cara un mundo máis xusto procurando mellorar aquilo que non está ben no mundo.
Lectura facilitada
A información debe ser real e fiable.
Isto permite coñecer o mundo que nos rodea.
É necesario coñecer a nosa contorna.
Tamén a nosa historia.
Iso é o que nos fai avanzar cara un mundo mellor.
Audio
Introdución
Neste reto deberedes contar unha historia de algo acontecido no voso cole. Teredes que contar algo que pasara en realidade, recompilar información sobre que foi o que pasou, redactala e, se queredes, podedes engadir tamén algún elemento fantasioso.
Sobre que podedes escribir? Podedes contar unha visita dun escritor ou escritora ao voso centro, algunha actividade feita durante o curso ou unha celebración especial, entre outras posibilidades.
Tede en conta que isto será un texto narrativo que comparte unha serie de características en canto a súa estrutura. Sempre van contar con personaxes, accións, tempo, espazo e un narrador. Todos contan con estas partes:
Inicio
Na primeira parte preséntanse os personaxes, cal é o tema ou problema e onde e cando sucede a historia.
- Podedes presentar as persoas protagonistas do feito que aconteceu na escola, e introducir o que pasou.
Nó
Aquí vaise desenvolver a temática principal da narración. É a parte máis longa. Conta as historias que van realizar os personaxes para lograr resolver o problema que se presenta no inicio.
- Neste apartado podedes entrar en detalles para que a historia se entenda correctamente.
Desenlace
A última parte da narración onde se vai presentar a solución ao problema co que se atoparon os personaxes no inicio.
- Como rematou a vosa historia? Acabou ben ou mal? Aprenderon algo os personaxes?
Lectura facilitada
Neste reto contaredes unha historia.
A historia será sobre algo que pasara no voso cole.
Contaredes algo que pasara na realidade.
Buscaredes información sobre o que pasou.
Podedes engadir elementos fantasiosos.
Sobre que podedes escribir?
Pode ser a visita dun escritor.
Dalgunha actividade.
Dunha celebración especial.
Outras cousas.
Será un texto narrativo.
Ten unhas características.
Conta cunha estrutura propia.
Ten: personaxes, accións, tempo, espazo e un narrador.
Conta con estas partes:
Inicio
Primeira parte presenta os personaxes.
Tamén cal é o tema ou problema.
Conta onde e cando pasa a historia.
- Podedes presentar as persoas protagonistas da historia.
- Empezaredes a contar o que pasou na escola.
Nó
Nesta parte desenvólvese o tema.
É a parte máis longa.
Conta que fan os personaxes.
Conta tamén como solucionan o problema.
- Podedes pór máis detalles.
- Isto fará que se entenda mellor a historia.
Desenlace
Última parte da narración.
Solución final do problema.
Como rematou a vosa historia?
Acabou ben ou mal?
Aprenderon algo os personaxes?
Precisas axuda?
Contar unha historia sobre algo que ocorreu no teu centro, pode ser moi semellante a escribir unha noticia.
Para dar unha información, os periodistas de verdade utilizan o que chaman as "5 W do periodismo". Pero que é isto das 5 W? Para dar unha noticia, ou neste caso contar algo que pasou no cole, este é un recurso que podedes utilizar se non se vos ocorre como facelo. Cada unha das cinco preguntas correspóndese coa inicial dunha palabra inglesa. Vexamos cada unha delas e veredes que son preguntas moi esenciais.
Quen (Who)
É importante nunha historia ou noticia contar sempre quen son as persoas que protagonizan os acontecementos. Sería moi raro contar algo que pasara sen falar de ningún protagonista.
Que (What)
Se se quere contar algo que pasara, hai que contar que foi o que pasou. Se isto non se fai non hai realmente nada que contar, nin historia nin noticia.
Cando (When)
Toda historia ocorre nun momento concreto, ben fai unha semana, fai corenta anos ou incluso no futuro se é algo que aínda non pasou e se está a anunciar. Tedes que deixar isto claro na vosa historia.
Onde (Where)
Cando ocorre algo sempre pasa nalgún lugar. Neste caso, como ides contar unha historia sobre o cole, xa sabemos onde pasará, pero sempre podedes concretar máis dicindo se foi dentro dun aula, biblioteca, patio ou onde queirades.
Por que (Why)
Todo o que ocorre ten un motivo, aínda que ese sexa un accidente sigue sendo o porqué dunha situación.
Recordade que a vosa historia sobre o que pasou con cole debe levar un título e ser escrita dun xeito axeitado.
Folla de recollida e contraste da información
Agora ides recoller toda a información necesaria para poder contar unha historia do voso colexio. Para iso, ides empregar a seguinte folla onde poderedes encher os recados co que vos vaian contando as diferentes persoas ou fontes de información, pois poden ser tamén documentos ou noticias sobre a vosa historia.
Usamos o equipamento EDIXGAL
No voso equipo Edixgal ides abrir a ferramenta de traballo LibreOffice Writer seguindo os pasos xa vistos.
Utilizamos a folla de contraste de información
No procesador de textos LibreOffice Writer ides recoller a información que precisedes para facer a mellor descrición posible. Usada a folla de contraste de información facilitada a continuación.
Utilizade esta folla para recoller todo o que precisedes para contar a vosa historia. Podedes cubrir tantas follas con diferentes fontes de información como queirades.