BUSCAMOS INFORMACIÓN
A información que conseguimos na anterior actividade é un bo punto de partida para comezar o noso catálogo do concello. Agora debemos completala e comprobar eses datos con máis fontes de información.
O catálogo de bens patrimoniais do noso concello terá dous apartados fundamentais. Nun primeiro apartado faremos unha breve contextualización do noso concello e a súa historia. Na seguinte parte elaboraremos o inventario e o catálogo dos bens patrimoniais. Para iso, seguiremos os seguintes pasos:
- Buscaremos información en distintas fontes, escritas e orais.
- Seleccionaremos a información máis importante para o noso traballo.
- Analizamos a información contrastando as fontes usadas.
- Presentamos o resultado da nosa pesquisa nas fichas do noso catálogo.
Non olvides citar a fonte de información que utilizas!
BIBLIOGRAFÍA E WEBGRAFÍA
Para coñecer os aspectos xeográficos e históricos do noso contorno que servirán de introdución ao noso catálogo, faremos a pesquisa de información en relación a estes aspectos:
- Límites xeográficos, extensión territorial, núcleos de poboación, etc.
- Relevo, hidrografía, clima e paisaxe.
- Actividade socioeconómica do concello.
- Breve contextualización histórica, con especial referencia ao Camiño de Santiago.
A continuación centrarémonos no obxectivo do catálogo, buscando información sobre os bens patrimoniais do noso municipio.
Organizarémonos en tres grupos, de tal xeito que cada grupo consultará unha fonte de información diferente. Despois contrastaremos a información conseguida nos distintos grupos e nas distintas fontes. Os grupos buscarán a información en:
- Biblioteca do centro.
- Biblioteca do concello.
- Internet.
PREGUNTAMOS AOS QUE MÁIS SABEN
Ademais de consultar na bibliografía e webgrafía, imos consultar distintas fontes de información oral. A tradición oral supón unha moi importante fonte de información, pois a xente é boa transmisora do coñecemento popular.
Nesta ocasión, imos recabar información coa axuda das nosas familias e consultando aos veciños e veciñas do concello.
Elaboraremos un cuestionario ou enquisa común de xeito colaborativo. O cuestionario deberá incluír uns elementos esenciais sobre os bens que queremos estudar: nome, toponimia, localización, medidas, procedencia...
Decidimos o número de persoas a entrevistar e repartimos o número de persoas que debe entrevistar cada un de nós.
Imos facer unha gravación da entrevista para que forme parte do noso catálogo do concello. Hoxe en día é moi doado pois en calquera dos nosos dispositivos móbiles contamos coa función de gravadora de voz.
AVALIACIÓN DA ACTIVIDADE
Para avaliar a actividade e o traballo en equipo imos utilizar unha rúbrica, debemos organizarnos ben para obter a maior e mellor información posible. Podemos repartir roles dentro do grupo. Consulta a rúbrica antes de elaborar a actividade para saber que debes conseguir na actividade.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0