GUÍA DIDÁCTICA
Este proxecto xurde como consecuencia da concesión pola UNESCO da categoría de Patrimonio da Humanidade a tres dos camiños de Santiago que atravesan Galicia: o Camiño Francés, o Camiño do Norte e o Camiño Primitivo. O seu obxectivo fundamental é dar a coñecer ao alumnado galego de Educación Secundaria a importancia destes bens patrimoniais, así como conciencialo da necesidade da súa intervención activa para a conservación e protección do patrimonio.
Este obxectivo enlaza cun dos obxectivos xerais da ESO na nosa comunidade: Coñecer e valorar os aspectos básicos do patrimonio lingüístico, cultural, histórico e artístico de Galicia, participar na súa conservación e na súa mellora, e respectar a diversidade lingüística e cultural como dereito dos pobos e das persoas, desenvolvendo actitudes de interese e respecto cara ao exercicio deste dereito.
ESTRUTURA DO PROXECTO
O proxecto desenvólvese en tres secuencias didácticas, cada unha das cales presenta diversas tarefas e remata cun produto final de carácter colaborativo:
1. Mirando polo camiño
• Coñecendo a historia do camiño.
• Patrimonio, iso que é?
• Os Camiños como patrimonio mundial.
• A conservación do patrimonio.
O apartado remata cunha tarefa final, cuxo produto sería un póster virtual que resuma os aspectos aprendidos sobre o patrimonio.
2. O patrimonio do noso concello
Este segundo bloque está encamiñado á realización dun inventario e un catálogo patrimonial do concello.
• Buscamos información
• Inventariamos
• Ruta turística
• Difusión do noso catálogo de bens
3. Protexemos o noso patrimonio cultural
Esta última sección ten como obxectivo mostrar ao alumnado algunhas ferramentas e iniciativas para protexer o seu patrimonio.
• Bens que forman parte do patrimonio cultural
• Bens recoñecidos na Comunidade Autónoma de Galicia
• Solicitando protección
• O camiño no meu concello
Guía Didáctica para o profesorado.
Pódese consultar cada un dos apartados de xeito pormenorizado no seguinte apartado.
TEMPORALIZACIÓN
Dada a amplitude da secuencia didáctica, non se trata dun itinerario pechado, de forma que haxa que realizar todas as actividades de todos os apartados, senón que cada centro poderá escoller o seu propio itinerario e seleccionar aquelas tarefas que considere máis axeitadas para o seu alumnado. Por iso a temporalización é tamén aberta, dependendo de se opta só por traballar unha das secuencias, dúas ou a totalidade dos contidos.
Precoñecemento
Os contidos aquí descritos non se refiren unicamente a coñecementos declarativos que o alumnado debe manexar, senón tamén a todas aquelas competencias de aprendizaxe que se deben desenvolver ao longo do proxecto.
Para guiar a avaliación do proxecto propoñemos unha serie de indicadores que, como veremos no apartado seguinte, están directamente vinculados con unha ou varias das competencias básicas especificadas no currículo de educación secundaria.
A relación dos distintos elementos curriculares presentes na secuencia aparece descrita na seguinte táboa.
AVALIACIÓN
A avaliación do proxecto levarase a cabo por diferentes medios. Algunhas das tarefas son interactivas e auto-avaliables, de forma que o alumnado recibe unha retroalimentación inmediata sobre o aprendido. Outras, especialmente os produtos que se realicen segundo o itinerario escollido por cada centro, serán avaliadas por medio de rúbricas, é dicir, táboas de dobre entrada onde se describen en columnas os elementos a valorar e en filas a valoración que se fai deles, cuns descritores precisos. Nalgún caso farase tamén unha avaliación externa por medio de follas ou enquisas de avaliación que se entregarán ás persoas que reciban a información elaborada polo alumnado.
RECURSOS COMPLEMENTARIOS
- Enlaces a sites con información para facer os traballos
- Ferramentas de avaliación
- Enlaces a rúbricas, etc.
RECOMENDACIÓNS PARA O PROFESORADO
Como xa indicamos na temporalización, trátase dun proxecto aberto, no que cada profesor pode escoller, con total flexibilidade, aquel itinerario ou aquelas tarefas que considere máis axeitadas para o seu grupo de traballo.
Porén, podemos dar algunhas pautas básicas que sería interesante seguir en calquera caso:
1. DAR A COÑECER AOS ALUMNOS O PROXECTO
É conveniente que desde o primeiro momento o alumnado coñeza que é o que se espera deles, mostrándolle antes de comezar os diferentes apartados que se van a tratar e explicando cales son as tarefas que eles van levar a cabo.
É tamén, especialmente importante, que saiban como van a ser avaliados en cada fase do proxecto, tendo acceso previo ás rúbricas que o profesor vai a utilizar para valorar as súas tarefas.
2. GUIAR AO ALUMNADO DE CARA Á POSTA EN VALOR DO SEU PATRIMONIO
Ao longo do proxecto presentamos diversas clasificacións, tipoloxías e claves teóricas do que é ou non é patrimonio. Pero a interpretación resultaría incompleta se o alumnado non chega a entender que os bens patrimoniais o son porque cumplen unha función social como elementos da súa identidade cultural. Cando se lles pide que argumenten por que un ben debe ser considerado patrimonio ou ter determinado nivel de protección, debemos ser quen de facerlles comprender que un elemento patrimonial sempre enriquece a existencia dunha comunidade proporcionándolle un sentido de unión e recuperando unha memoria que posúe valores estéticos, históricos, científicos, sociais e espirituais.
3. REALIZAR UN TRABALLO INTERDISCIPLINAR
O proxecto trata de utilizar o espazo cotián do alumnado para axudarlle a interiorizar tanto os conceptos básicos relativos ao patrimonio cultural e a súa protección, como a importancia que todos e cada un dos cidadáns temos na preservación deste patrimonio para as xeracións vindeiras. Este é un obxectivo que pode ser abordado desde diferentes áreas, e aquí presentamos só algunhas suxerencias sobre o uso que destes materiais se pode facer nalgunhas delas:
- a) Xeografía e Historia: é a área central da que parte o proxecto, polo que a maior parte dos contidos están relacionados con esta materia (aspectos históricos e artísticos do patrimonio, uso de mapas, etc)
- b) Lingua e Literatura: redacción de textos argumentativos, elaboración de presentacións orais (podcasts) e escritas, busca de acepcións axeitadas para o vocabulario, lectura de novas de prensa, preparación de debates, elaboración de cuestionarios ou enquisas para obter información ou para avaliar actividades, consulta de bibliografía, elaboración de guións para visitas guiadas, redacción de cartas formais...
- c) Plástica: deseño e elaboración dun póster dixital (glog), realización de fotografías de bens patrimoniais e organización dunha exposición das mesmas, elaboración de croquis a man alzada.
- d) Informática/Tecnoloxía: uso de diversas ferramentas para a realización de traballos colaborativos (Glogster, Prezi, Google Drive, Google Maps), incorporación de códigos QR a unha ruta.
- e) Matemáticas: cálculo de distancias utilizando mapas.
3. AVALIAR O PROXECTO
É importante que o alumnado poida avaliar as aprendizaxes realizadas ao longo do proxecto. Para iso incorpóranse algunhas actividades a modo de reflexión ao final dos tres apartados para valorar as tarefas de forma global.
REQUERIMENTOS TÉCNICOS
Utilízase unha ferramenta multimedia de soporte web construída con ExeLearning. O recurso resultante aporta elementos como mapas interactivos, imaxes e vídeos, na procura dun produto atractivo e motivador para o alumnado. Escolleuse a plantilla INTEF de Exelearning pois é adaptable a dispositivos móbiles e editouse con algúns elementos para personalizala para este proxecto.
A aplicación eXeLearnig está especialmente pensada para organizar contidos educativos de xeito similar a páxinas web exportables a diferentes formatos. Pódese utilizar calquera navegador web, sendo Mozilla Firefox o máis compatible.
Na maioría dos recursos multimedia priorizase o uso de recursos educativos abertos, respectando a propiedade intelectual dos mesmos seguindo a licenza CC BY-SA. En todos os casos, referencianse materiais seguindo as orientacións do CeDeC para a elaboración de REA. Respectase a normativa referida a citas de autor e as súas condicións de uso, así como as normas de estilo habituais e netiqueta comunmente aceptadas.
O proxecto respecta as pautas de accesibilidade web para crear un recurso accesible a todo o alumnado, independentemente das súas condicións persoais e dos medios informáticos á súa disposición.
CRÉDITOS DE AUTORES
O proxecto Mirando polo Camiño foi realizado por Clara Cristela Rodríguez, Manuel Alonso e Marta Coria en colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Os materiais empregados forman parte do plan Proxecta, iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0