PATRIMONIO NO NOSO CONCELLO
Se queremos protexer e conservar o noso patrimonio o primeiro que debemos facer é coñecelo. Para iso faremos un inventario que nos permita identificar os bens patrimoniais do noso concello, onde se localizan, as súas características, estado de conservación, etc.
QUE QUEREMOS CONSEGUIR?
Ao longo desta actividade elaboraremos un inventario e un catálogo do patrimonio do noso concello. Co noso catálogo coñeceremos mellor o noso patrimonio para poder protexelo, conservalo e difundilo.
O noso catálogo servirá para que os habitantes do noso concello coñezan mellor o noso, alén de servir de guía turística para os camiñantes.
QUE COÑECEMOS DO NOSO CONCELLO?
Un bo punto de partida para esta tarefa é o que xa coñecemos para ir completando e comprobando a información. De seguro hai moitas cousas que xa coñeces do teu concello: núcleos de poboación, algún edificio destacado, rutas de senderismo, etc.
Como vimos no capítulo anterior, non todos e todas temos a mesma percepción do que é relevante coñecer no noso contorno. Por iso, é importante facer unha posta en común entre o grupo para recompilar a información. Entre todos/as elaboremos un documento común de xeito colaborativo. Deste modo o que unhas persoas saben poden complementalo co que saben outras.
Para participar, tenta lembrar todo o que xa coñeces do concello. Pensa naqueles lugares e obxectos que che parezan interesantes e que che gustaría que coñecera máis xente.
- Que coñeces do teu concello?
- Que lugares e obxectos destacarías do teu concello? Explica con argumentos a túa elección.
- Que che gustaría coñecer? Por que?
RECURSOS QUE IMOS EMPREGAR
Trátase de ir construíndo o coñecemento entre todos, por iso pódense introducir correccións e anotacións nos contidos que vaiamos conformando. Para facer o documento compartido utilizaremos Google Drive, ferramenta que nos permitirá elaborar de forma colaborativa o documento.
O profesorado indicaravos os pasos a seguir para o emprego da ferramenta. Se tedes dificultades, podedes consultar o seguinte titorial:
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0