2.6.3 Aplicacións da enxeñaría xenética en animais
Estase a investigar a produción de animais clónicos e transxénicos, ao mesmo tempo. Clonar un organismo significa facer unha ou varias copias idénticas á orixinal. Distínguense dous tipos de clonación, a reprodutiva e a terapéutica (que non trataremos).
Clonación reprodutiva de animais
Este tipo de clonación ten como obxectivo conseguir individuos idénticos entre si. Existen varios métodos de clonación. Ata xullo de 1996 partíase dun cigoto, resultado da fecundación dun óvulo e dun espermatozoide, e despois da primeira división implantábanse cada célula filla nunha nai portadora para obter dous clons.
O nacemento da ovella Dolly foi revolucionario, porque foi o primeiro mamífero clonado mediante unha técnica coñecida como transferencia nuclear. Esta técnica baséase na fusión dun óvulo desnucleado ao que se lle implantou o núcleo dunha célula diferenciada extraída da ovella que se quería clonar.
Posteriormente a técnica aplicouse noutros tipos de mamíferos, como porcos, ratos, cabras ou gatos, pero só nunha pequena porcentaxe dos embrións clonados por transferencia nuclear foi capaz de se desenvolver con normalidade.
|
As aplicacións da enxeñaria xenética en animais son diversas:
- Mellora da produción gandeira: estase a investigar para obter exemplares de animais de maior valor produtivo (maior produción de leite, mellor calidade da carne ou maior velocidade de medre).
- Conservación de especies en perigo de extinción ou mesmo de animais de compañía.
- Aplicación medica ou farmacolóxica:
- Obtención de fármacos. Combinando a clonación coa modificación xenética, pódense obter clons de animais produtores de medicamentos, como por exemplo, clons de cabras que conteñen no seu leite proteínas medicinais para tratar determinadas enfermidades dos seres humanos.
- Xenotransplantes:obtención de órganos animais (porcos) con xenes humanos para non ser rexeitados en transplantes.
- Nutrición:animais con carnes e ovos con menos colesterol e graxas.
A manipulación xenética en animais, igual que nas plantas, abre un debate ético polas posibles repercusións sociais, económicas e sanitarias. Foi o caso das investigacións para xenotransplantes a partir de porcos, o que supuxo unha moratoria ao descubrirse que con frecuencia os porcos son portadores de virus que poderían provocar que algunha variante vírica poida afectar o ser humano.
Actividade resolta
Por que a enxeñaría xenética e a clonación de organismos son dúas tecnoloxías que adoitan ir unidas?
|
Solución |
Porque a clonación permite obter un organismo (planta, animal ou microorganismo) a partir dunha célula inicial cuxo xenoma foi modificado por enxeñaría xenética. |
Actividade proposta
S19. Que achega a clonación na problemática dos rexeitamento de órganos?
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0