Saltar navegación

2.6.2 Aplicacións da enxeñaría xenética na agricultura: plantas transxénicas

Unha planta transxénica é aquela á que se lle introduciu un xene procedente doutro organismo e que, logo de incorporado ao seu xenoma, modifica as súas características. Deste xeito, as plantas transformadas presentan características como, por exemplo:

  • Resistencia a parasitos ou a depredadores, introducíndolles xenes que producen toxinas, como no caso do millo, e as eirugas e escaravellos.
  • Resistencia a herbicidas: a soia, o algodón e o millo resisten as altas concentracións de herbicidas que se botan nos campos para erradicar malas herbas.
  • Crecemento máis rápido ou adaptación a condicións ambientais adversas.

Segundo se identifiquen novos xenes, as plantas transxénicas poderán ser máis resistentes ao frío e á seca, ou tolerar solos salinos ou altamente contaminados. Mesmo se lles podería introducir xenes humanos, o que permitirá obter determinadas proteínas humanas de uso farmacolóxico.

Porén, existen activos detractores desta técnica que salientan osriscos para o medio e para a saúde das persoas, relacionados co descoñecemento das súas consecuencias:

  • Perda de biodiversidade: as plantas transxénicas poden invadir ecosistemas naturais e desprazar as plantas autóctonas.
  • “Salto” de xeito accidental dos xenes transferidos a outras especies silvestres: poderían aparecer malas herbas resistentes a herbicidas ou bacterias patóxenas resistentes aos antibióticos.
  • Efectos prexudiciais para a saúde, como problemas alérxicos.
  • Repercusións socioeconómicas globais cara aos pequenos labregos.
 

Actividade resolta

Que é unha planta transxénica?

 

Solución

Unha planta transxénica é aquela á que se lle introduciu un xene procedente doutro organismo que, logo de incorporado ao seu xenoma, modifica as súas características en procura dalgunha utilidade.

Actividade proposta

S18.        Por que algunhas plantas transxénicas teñen unha maior resistencia ás pragas?

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0