Saltar navegación

2.5.1 Mitose

Todas as células que forman o corpo dun organismo proceden de divisións sucesivas do cigoto (ovulo fecundado) durante o desenvolvemento embrionario, e en todas elas pódese comprobar que o cariotipo é idéntico.

A mitose é un proceso común a todo tipo de células eucariotas, mediante o que se asegura que as células fillas reciban os mesmos cromosomas que a célula nai e, xa que logo, a mesma información xenética.

Nos unicelulares, cando unha célula se divide reprodúcese tamén o número de individuos. Pero nos pluricelulares a reprodución por mitose ten como finalidade soamente o crecemento do individuo. De igual xeito, serve para repor os tecidos que estean danados ou vellos e, así, as novas células son idénticas ás que se substitúen.

O proceso da mitose é un proceso continuo pero para o seu estudo agrúpase en catro fases:

  • Profase: a cromatina que estaba dispersa no núcleo organízase e condénsase, e fanse visibles os cromosomas. Como sabemos, os cromosomas son dobres, formados por dúas cromátidas idénticas, e unidos polo centrómero. A membrana nuclear desaparece e os cromosomas dispérsanse por toda a célula.
  • Metafase: os cromosomas dispóñense no plano central da célula arrastrados polos fíos do fuso mitótico.
  • Anafase: en cada cromosoma os centrómeros escíndense e as cromátidas sepáranse. A cromátida de cada cromosoma diríxese a un polo oposto da célula. Ao final da anafase non só haberá o mesmo número de cromátidas en cada extremo, senón tamén unha de cada cromosoma.
  • Telofase: fórmase unha nova membrana nuclear rodeando a cada grupo de cromátidas (cromosomas fillos) en cada polo da célula.

Logo de finalizada a división do núcleo por mitose, o citoplasma divídese englobando cada un dos núcleos, e complétase así a división celular.

 

 

 

 

 

Por Universidad Nacional del Nordeste •  • Fac. Ciencias Agrarias, Corrientes •  República Argentina • ©1998-2013. http://www.biologia.edu.ar

Licenza: Reproducción autorizada únicamente con fines educativos citando su origen

 

Actividade resolta

Temos unha célula diploide de dez cromosomas (2n=10) que se vai dividir:

 

  • Cantas moléculas de ADN (cromátidas) ten?

20

  • Cantas moléculas de ADN terá cada núcleo fillo?

10

  • Que lle pasou en canto ao número de moléculas de ADN desde que se inicia a mitose ata que finaliza?

Cada cromátida (molécula de ADN) de cada cromosoma vai para unha célula filla

  • Serán idénticas as células fillas á célula orixinal? Por que?

Si, as cromátidas que reciben as células fillas proceden da duplicación do ADN e son xeneticamente idénticas

 

Actividade proposta

S13.        Identifique as etapas da mitose da seguinte fotografía:

           1

 2
 3
 4
 5
 6
 7
 8
 9
 10

Habilitar JavaScript

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0