Saltar navegación

2.3.1 A célula procariota

Os primeiros seres vivos que apareceron sobre o planeta Terra hai uns 3.500 millóns de anos eran seres unicelulares procariotas. Durante máis de 2.000 millóns de anos estes seres foron os únicos poboadores do planeta.

procariota 

As células primitivas eran moi sinxelas pero posuían o esencial para vivir. Foron capaces de adaptarse a todos os ambientes, reproducirse e obter materia e enerxía de xeitos moi variados. É dicir, tiveron unha grande capacidade de adaptación, o que desde o punto de vista biolóxico supuxo un éxito rotundo. As bacterias son os representantes actuais destas primeiras células. O tipo celular que presentan as bacterias chámase procariota, que quere dicir “sen núcleo auténtico”. Estas células aparecen illadas ou formando colonias (grupos de células independentes que se manteñen xuntas), pero nunca forman individuos pluricelulares. Os seres vivos que presentan este tipo de organización pertencen ao reino Monera.

As células procariotas presentan unha organización extremadamente sinxela, constituída polas seguintes partes:

  • Membrana celular:que individualiza as células separándoas do medio externo.
  • Citoplasma: é o espazo interno da célula. Contén un líquido con estruturas que lle permiten á célula realizar as súas funcións vitais. Salienta entre elas unha única molécula de ADN circular, que constitúe o material xenético da célula, e os ribosomas,que son fábricas de proteínas.
 

Actividade resolta

Sobre as células procariotas

 

Cando xurdiron as primeiras células?

Hai uns 3500 millóns de anos.

Cales son os representantes actuais das primeiras células? A que reino pertencen?

As bacterias. Ao reino Monera.

Que indica o termo procariota?

Que non teñen un verdadeiro núcleo.

Actividade proposta

S3.            Indique, no seguinte debuxo, as partes dunha célula procariota típica:

 eucariota



 





 

 

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0