Saltar navegación

2.1 Que son os seres vivos?

Estamos rodeados de seres vivos por todas as partes. Ante a enorme diversidade dos seres vivos cabe preguntarse cales son as características que lles permiten diferenciarse da materia inerte (non viva). Estas características poden resumirse en tres:

  • Todos os seres vivos teñen unha mesma composición química. Ao analizar a composición química dos seres vivos compróbase que todos están constituídos polo mesmo tipo de substancias fundamentais chamadas principios inmediatos ou biomoléculas. Chámanse inmediatos porque ao tratar a materia viva por medios físicos ou químicos sinxelos, obtéñense inmediatamente estas substancias. Estes principios inmediatos divídense en inorgánicos e orgánicos.
    • Os inorgánicos son comúns á materia viva e á non viva, son a auga (H2O) e os sales minerais.
    • Os orgánicos aparecen soamente na materia viva, nos seres vivos, e son ricos en carbono e inclúen os glícidos, os lípidos, as proteínas e os ácidos nucleicos.
  • Todos os seres vivos están formados por células. As células son a unidade mínima da vida e, malia a súa aparente diversidade de aspecto, organización e función, posúen unha estrutura semellante. En todas elas pode recoñecerse unha envoltura ou membrana, un contido ou citoplasma con diversas partes chamadas orgánulos, e un material xenético que adoita estar encerrado nun núcleo.
  • Todos os seres vivos realizan as mesmas funcións vitais: nútrense, relaciónanse e reprodúcense. Mediante a nutrición os seres vivos automantéñense, collendo e asimilando os nutrientes do medio. Mediante a relación os seres vivos elaboran respostas fronte á información que reciben do seu corpo e do medio que os rodea. Mediante a reprodución, os seres vivos dan lugar a organismos semellantes para perpetuar a especie.

 

 

Cal é a diferenza fundamental entre os principios activos orgánicos e os inorgánicos?

 

Solución

Os orgánicos aparecen soamente na materia viva. Os inorgánicos en cambio aparecen tanto na materia viva coma na inerte (non viva).

Actividade proposta

S1.            Son as vitaminas principios inmediatos ou biomoléculas?

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0