2.6.1 Aplicacións da enxeñaría xenética en microorganismos
Aplicacións médicas e farmacolóxicas.
A técnicas de enxeñaría xenética do ADN recombinante permiten identificar e illar un xene concreto, xa coñecido e de efectos desexados, e transferirllo a unha célula doutra especie, xeralmente unha bacteria, que o incorporan como se fose propio, e serán estas bacterias as que fabriquen o produto desexado que codifica o xene.
Con esta tecnoloxía prodúcense moléculas por enxeñaría xenética moi útiles para a nosa especie, como a insulina, a hormona de crecemento ou proteínas sanguíneas: factores de coagulación, antibióticos, interferóns, e algunhas vacinas como as da hepatite A e B.
Aplicación ambiental
Cada vez é mais habitual o uso de microorganismos xeneticamente modificados para algunhas aplicacións ambientais: por exemplo, as bacterias utilizadas para a limpeza do vertido de fuel do Prestige nas nosas costas. Aínda que estas bacterias de forma natural xa degradan derivados do petróleo, a enxeñaría xenética confírelles unha maior resistencia a determinadas condicións ambientais da zona afectada.
Tamén se están a desenvolver novas técnicas de bacterias modificadas xeneticamente capaces de degradar residuos de orixe industrial, agrícola ou urbano, así como augas ou solos contaminadas con metais pesados. Estas últimas utilizáronse para descontaminar os arredores do parque Nacional de Doñana a raíz do accidente das minas de Aznalcóllar (1998).
Actividade resolta
En que sentido a enxeñería xenética constitúe unha proba de que o ADN leva a información xenética?
|
Solución |
Hai varios xeitos de comprobalo. Un deles é que cando transferimos un xene de efectos coñecidos nunha especie a outra que non presentaba os devanditos efectos, esta segunda, ao recibir o xene, “adquire” os efectos. |
Actividade proposta
S17. Que vantaxes ten producir estas moléculas polas bacterias modificadas?
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0