2.3.9 Estados da materia
Se observamos arredor de nós, atopamos que a materia pode estar en tres estados: sólido, líquido e gas. En cada un destes estados a materia posúe propiedades diferentes.
Para explicar os estados da materia e as súas propiedades, os científicos supoñen que a materia está formada por partículas moi pequenas que se atopan en continuo movemento, e a isto responden os cadros explicativos de cada un dos estados que pode ver deseguido.
Sólidos
Ademais das rochas, a maioría dos obxectos que utilizamos habitualmente son sólidos. As súas propiedades principais son:
- Forma fixa: só se deforman se exercemos forza sobre eles.
- Volume fixo, aínda que poden aumentar algo coa calor e diminuír se os arrefriamos.
-
Estado sólido
Estas partículas están ordenadas, moi próximas entre si e fortemente unidas. Son capaces de vibrar un pouco, pero non de se desprazar. Como consecuencia, teñen unha forma fixa e son practicamente incomprensibles, ou sexa, que manteñen fixo o seu volume

Líquidos
Cómpre mantelos en recipientes debido a estas características:
-
Non teñen forma fixa: adáptanse á forma do recipiente que os contén.
-
Teñen volume fixo, aínda que, como os sólidos, aumentan un pouco ao quentalos e diminúen ao arrefrialos.
-
Son fluídos, é dicir, deslízanse ou escorren se non están contidos nun recipiente.
|
Estado líquido |
|
|
A distancia entre as partículas é maior que nos sólidos. As partículas teñen maior liberdade e móvense continuamente, pois as unións entre elas non son tan fortes. Un exemplo que simula o estado líquido é o dunhas bólas dentro dunha bolsa; aínda que as bólas se manteñan en contacto, teñen mobilidade e esvaran unhas sobre outras acomodándose á forma da bolsa, e malia que a forma do recipiente poida variar, o espazo que ocupen ha ser sempre o mesmo; xa que logo, o volume é constante pero non a súa forma. |
|
Gases
A maioría dos gases non se poden ver; por iso este estado pasou inadvertido durante séculos. As súas principais características son:
-
Non teñen forma fixa: adáptanse á forma do recipiente que os contén.
-
Non teñen volume fixo: expándense e ocupan todo o espazo libre do recipiente que os contén.
-
Son fluídos, como os líquidos.
-
Estado gasoso
As partículas atópanse moi separadas, móvense libremente en todas as direccións ata chocaren con outras partículas ou coas paredes do recipiente que as contén (como cando chocan dúas bólas de billar).
Como hai espazos libres entre as partículas, os gases poden comprimirse doadamente para ocupar menos espazo. Ademais, como as partículas se moven independentemente unhas das outras, os gases flúen e expándense, é dicir, ocupan todo o espazo que poden, repartíndose nel de xeito uniforme

Como conclusión,tanto nos líquidos como nos sólidos e nos gases as partículas están en constante movemento. Nos sólidos pódense mover (oscilan) moi pouco en torno a unha posición fixa; nos líquidos pódense mover con máis liberdade por todo o líquido, e nos gases móvense libremente.
Actividades resoltas
No seguinte cadro indícanse as propiedades dos gases, os sólidos e os líquidos.
-
Sólidos
Líquidos
Gases
-
Volume
Fixo
Fixo
Variable
-
Forma
Teñen forma propia
Non teñen forma propia
Non teñen forma propia
-
S25. Nunha habitación pechada, co aire en repouso, o fume dun cigarro acaba ocupando toda a habitación. Explique este feito.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0
