Saltar navegación

2.2 - Climas da península Ibérica

A maior parte da península é unha alta meseta rodeada de elevadas montañas, que a illan das influencias mariñas e provocan grande oscilación térmica e sequidade, típicas do clima interior.

No inverno, por mor das baixísimas temperaturas, fórmanse zonas anticiclónicas que orixinan ventos fríos e secos. No verán as altas temperaturas do interior crean áreas de baixas presións e ventos húmidos e cálidos que corren desde a periferia ao interior.

O clima das zonas costeiras cantábrica e atlántica é húmido e de temperaturas suaves, dulcificado pola corrente do Golfo.

A costa mediterránea, bañada por un mar máis cálido có océano Atlántico e sometida á influencia dos calorosos ventos procedentes de África, ten veráns calorosos e secos e invernos suaves e relativamente chuviosos.

Ademais dos factores xeográficos, o elemento meteorolóxico que máis inflúe nos cambios de tempo na península Ibérica é a rotación sobre ela das distintas masas de aire: o anticiclón dos Azores e as borrascas atlánticas ao norte do mesmo, o anticiclón invernal de Centroeuropa, o anticiclón do norte de África e as borrascas mediterráneas.

 

climas peninsula   ventos peninsula

Climas da península Ibérica. As tres Iberias.

Dirección predominante dos ventos. A maior ou menor cantidade de precipitacións anuais inflúe na división climática peninsular.

 

 

 precipitacions peninsula  Amplitude térmica

Precipitacións medias anuais.

Amplitude térmica (ºC). Amplitude térmica é a diferenza entre as temperaturas máximas e as mínimas.

 

 

 

Actividades propostas

S30.    Península Ibérica:

  • Observe os mapas climáticos da península Ibérica.
  • Que climas se dan na península Ibérica?
  • Que ventos sopran, habitualmente, nela?
  • Pola cantidade de chuvia recibida, hai tres Iberias. Cales son?