Saltar navegación

1.1.4 - Galicia

Relevo galego

O conxunto de mares, penechairas, depresións e vales que compoñen o relevo de Galicia recibe o nome de macizo Galaico.Esta orografía ascende gradualmente de oeste a leste, acadando máis da metade do territorio unha altitude superior aos 400 m.

Polo grande desgaste erosivo sufrido, o relevo galaico presenta, en xeral, formas redondeadas: montañas vellas e pendentes suaves. Non obstante, hai áreas máis ou menos anovadas por mor dos movementos oroxénicos de era terciaria.

A progresiva elevación oeste-leste inflúe no curso dos ríos galegos, pois esta inclinación obrígaos a desembocar no océano Atlántico, caso do Miño, Ulla, Tambre…

Estas son as unidades de relevo:

  • Cadeas costeiras: O Barbanza, O Castrove, O Morrazo, O Galiñeiro…
  • Fosa de Padrón-Tui: paralela á costa.
  • Chanzo de Santiago: zona amesetada de 200 a 400 m de altitude.
  • Serras setentrionais: Xistral, Faladoira…
  • Dorsal galega: serras da Loba, Cova da Serpe, Farelo, Faro, Testeiro, Suído… É a divisoria das augas entre a cunca do Miño e os ríos que verten no Atlántico.
  • Gran Penechaira galega: cara ao norte. Ten unha altitude media entre 500 e 600 m; está atravesada polo Miño. Nela están as depresións de Lemos, Sarria, Lugo e As Pontes.
  • Macizo Suroriental: cara ao sur. Serras de San Mamede, Queixa, Seca, Larouco…
  • Serras orientais: Os Ancares, O Courel, O Eixo, Segundeira… Aquí están as montañas máis altas de Galicia: Pena Trevinca (2.100 m) e Cabeza de Manzaneda (1.778 m).

 

                                                      corte esquemático

                                 Corte esquemático do relevo galego

 

 Mapa físico Galicia

Mapa físico de Galicia

 

 

Os solos de Galicia

O solo galego é, xeoloxicamente, o máis antigo da península Ibérica. Forma parte do macizo Galaico. As rochas predominantes son o granito, a lousa e o xisto, que delimitan dúas rexións:

  • Rexión occidental, con predominio da cantaría, que ocupa aproximadamente as dúas terceiras partes da superficie de Galicia.
  • Rexión oriental, con predominio de lousas e xistos, que ocupan o resto.

Outras rochas relativamente abundantes son: seixo, cuarcita, arxila, lignito e calcarias.

As costas de Galicia

As costas galegas están bañadas polo mar Cantábrico e polo océano Atlántico. Son as máis articuladas da península Ibérica, teñen numerosos cabos e caracterízanse polas rías. Hai, así mesmo, zonas altas con cantís e zonas baixas e areosas con fermosas praias.

As rías formáronse a partir dun val fluvial asolagado polas augas do mar. Pódense clasificar en:

  • Rías altas: curtas e encaixadas entre escarpadas serras. Sitúanse entre a costa asturiana e cabo Ortegal
  • Rías medias: con relevo circundante menos abrupto. Están entre os cabos Ortegal e Fisterra.
  • Rías baixas: amplos portos naturais, de proporcións grandiosas e de relevo suave. Localízanse entre os cabos Fisterra e Silleiro. Na entrada e no interior de case todas as rías baixas hai illas, das que a máis extensa é a da Arousa.

 

costa Galicia 

A costa de Galicia

 

Hidrografía galega

Existen numerosos ríos en Galicia porque hai chuvias invernais e moitos mananciais. Os ríos galegos caracterízanse por:

  • Abundante caudal, por mor das frecuentes chuvias.
  • Réxime regular: non obstante, a principios da primavera teñen o máximo caudal. Nos meses de verán, caudal mínimo.
  • Curso curto, pola proximidade das montañas ao mar. O Miño, con ser o máis longo, non pasa dos 350 quilómetros.
  • Leito encaixado e forte desnivel, ao iren por vales fondos e estreitos.

Os ríos galegos desembocan no mar Cantábrico e no océano Atlántico.

  • Vertente cantábrica: ríos curtos e de réxime moi regular, con grandes desniveis e alta capacidade erosiva. Os principais son o Eo e o Navia, galego só no curso alto.
  • Vertente atlántica: clasifícanse en catro grupos:
    • Ríos que desaugan nas rías atlánticas: Eume, Mandeo, Anllóns, Xallas, Tambre, Ulla, Lérez e Verdugo.
    • Cunca do Miño: ocupa case a metade da superficie galaica. O Miño nace na serra de Meira e desauga no Atlántico, entre Galicia e Portugal. Ten réxime regular.

O afluente máis importante é o Sil, que nace no cordal Cantábrico e ten como afluentes principais o Bibei e o Cabe. Outros afluentes do Miño son Parga, Neira, Avia, Arnoia e Tea.

    • Cunca do Limia: o Limia nace en Antela, intérnase en Portugal e desauga no Atlántico.
    • Afluentes do Douro: nacen en Galicia  e entran en Portugal para engrosar o Douro.

 

 ríos Galicia

Ríos de Galicia