Saltar navegación

1.4.1 - Características físicas

  • Grandes contrastes físicos:
    • Cordais de montañas novas de elevada altitude, situados preto do océano Pacífico e no sentido dos meridianos.
    • Cerca do Atlántico, e no mesmo sentido, os sistemas montañosos son máis vellos e menos elevados por mor da erosión.
    • No centro esténdense grandes chairas polas que escorren os principais ríos do continente e que desembocan maiormente no Atlántico.
    • En América do Norte hai extensos e profundos lagos, unidos ás veces por ríos e fervenzas.
  • Costas pouco recortadas:
    • As costas bañadas polo Atlántico adoitan ser baixas e suaves. As do Pacífico, altas e acantiladas, por estaren as cadeas montañosas cerca do mar.
    • Non obstante, hai zonas onde se articulan illas, penínsulas e cabos, como ocorre no noroeste de América do Norte.
  • Variedade de paisaxes:
    • Altos e longos cordais, como os Andes, ou extensas chairas, como as pampas, carentes de toda vexetación arbórea.
    • Áreas de vexetación densa: axungla do Amazonas en América do Sur.
    • Desertos áridos e profundos canóns: Gran Canón do Colorado en América do Norte.
    • Centos de illas no mar Caribe con solos moi fértiles: as Antillas.
    • Extensas illas no norte con vexetación escasísima: Terra de Baffin, arquipélago de Pany, Terra Vitoria…
    • Grandes lagos en América do Norte: Michigan, Winnipeg, Superior…

 

 picos America

Picos máis altos de América do Norte, de América central e de América do sur

 

O Altiplano

O cordal dos Andes bifúrcase na rexión boliviano-peruana. Entre ambas as cadeas esténdese unha ampla meseta: o Altiplano,cunha altitude media de 4.000 metros. Pola latitude corresponderíalle a esta zona clima tropical. Pero debido á altura, ten clima temperado, cunha curta estación chuviosa no inverno e temperaturas baixas pola noite.

 

canle de Panamá 

Perfil do canal de Panamá

 

O canal de Panamá construíuse para comunicar os océanos Atlántico e Pacífico. Así os barcos non teñen que bordear necesariamente as costas americanas.

Foi inaugurado en 1914 e está dotado de esclusas: compartimentos con porta de entrada e saída, que se constrúen nun canal de navegación para que os barcos poidan pasar dun tramo a outro de diferente nivel. Se se enche de auga o compartimento, o barco sobe ata o seguinte nivel. Baleirando o espazo, o barco baixa.