Saltar navegación

2.2.1 - Clima de Galicia

O tempo en Galicia é, en xeral, húmido e de temperaturas suaves, o que corresponde a un clima de transición entre o clima oceánico e o mediterráneo.

Case todo o litoral ten características propias do clima oceánico. Gran parte do interior ten características propias do clima oceánico-continental. A Galicia do sur e sueste tenas de clima mediterráneo.

Tamén hai factores xeográficos que orixinan certa diversidade climática. A disposición do relevo inflúe na distribución das precipitacións, pois os ventos húmidos do suroeste -vento mareiro- , procedentes do Atlántico, ao chocaren contra a Dorsal Galega, descargan a maior parte da humidade en forma de chuvia. No seu camiño cara ao leste xa non volven achar outro obstáculo montañoso importante ata as serras Surorientais, onde descargan o resto da humidade. A zona comprendida entre ambos os dous sistemas montañosos recibe menos precipitacións: é a máis seca do país. Estes ventos do suroeste sopran preferentemente de outono a abril, a época máis chuviosa do ano.

Na franxa cantábrica costeira predominan no verán os ventos do noroeste e producen abundante nubosidade de estancamento. Na penechaira Galega sopran a miúdo no inverno os ventos fríos do nordeste, que varren as nubes.

A corrente do Golfo, que baña as costas galaicas, acrecenta a humidade e dulcifica as temperaturas; inflúe menos no interior.

Galicia, pola situación xeográfica na zona temperada, ten clima de tipo oceánico en xeral. Non obstante, cerca da costa, as temperaturas son suaves e as precipitacións oscilan entre os 1.500 mm e os 2.000 mm. No interior, as temperaturas son máis extremas e as precipitacións non chegan aos 1.000 milímetros.

 

Perfil de Galicia 

Perfil de Galicia, de oeste a leste. Zonas de precipitacións máximas e mínimas.

 

 O anticiclón das illas Azores

O anticiclón dos Azores inflúe moito nos cambios de tempo en Galicia. No verán sitúase ao norte e impide a penetración das borrascas atlánticas da fronte polar, que raras veces nos afectan. No inverno, o anticiclón desprázase máis ao sur, deixa penetrar as borrascas e hai abundantes precipitacións. A variación climática prodúcese cando:

  • A fronte polar está ao sur: é inverno, tempo húmido.
  • A fronte polar está ao norte: é verán, tempo seco.

En Galicia, no verán, domina a situación anticiclónica, con ceos despexados. No inverno domina a situación ciclónica ou borrasca, con nubes e chuvias. En Galicia, verán e inverno están ben definidos e contrastados. Non ocorre así na primavera o outono, moi inestables normalmente.

 

 verán  pimavera e outono  inverno fronte 

 

Gradación climática

En Galicia hai gradación climática desde a zona occidental á oriental. Os valores da amplitude térmica van aumentando ao afastarse da costa, así como o número de meses con déficit de precipitacións. Os cultivos axéitanse ás condicións climáticas.

 

Amplitude térmica anual en Galicia (º C): é a diferenza entre as temperaturas medias do mes máis quente e as do mes máis frío.

 gradación climática

 

Déficit de precipitacións

En Galicia as precipitacións superan, na maior parte do ano, a perda de auga dos solos por transpiración das plantas e por evaporación. Con todo, nalgunhas zonas, de veráns longos e calorosos, a evaporación supera as precipitacións. Nos vales do Miño e do Sil, por exemplo, hai déficit de auga durante cinco meses.

En Galicia chove moito, non obstante, compren obras de rega para algunhas comarcas, pois o solo non retén no verán a cantidade de auga necesaria para as plantas.

 

 

 deficit deficit 

          Déficit de precipitación anual en Galicia. Número de meses con déficit de precipitación

 

Climogramas de Galicia

 

 Viveiro  Invernadoiro

Xunqueira–Viveiro

Serra do Invernadoiro

 

 

 Ancares  Mabegondo

O Xipro (Ancares)

Mabegondo–A Coruña

 

 

 

Lourizán  Aloia 

Lourizán–Pontevedra

Monte Aloia-Tui

 

Microclimas

Algunhas comarcas de Galicia teñen factores climáticos específicos, diferentes do clima xeral da zona circundante: microclima.

Os microclimas de Galicia permiten cultivos propios de clima mediterráneo ou subtropical, como as laranxeiras e as oliveiras.

Consecuencias do clima en Galicia

  • En Galicia os solos reciben abundantes chuvias invernais, pero no verán padecen a seca, pola evaporación e a permeabilidade das terras.
  • O ríos levan moita auga durante case todo o ano.
  • O clima favorece a vexetación abundante, de árbores caducifolias principalmente.
  • O clima inflúe no asentamento e distribución da poboación.
  • A diversidade climática determina variedade de construcións.
  • Os veráns adoitan ser longos e relativamente calorosos, favorecen os incendios forestais.

Meteogalicia

É un organismo encargado de predicir o tempo en Galicia. Ten sede en Santiago de Compostela e válese dos datos meteorolóxicos –precipitacións, temperatura, forza e dirección do vento, e presión atmosférica– obtidos nas estacións meteorolóxicas de Galicia.

Unhas estacións son automáticas recollen datos que se envían a Meteogalicia. Noutras estacións os datos obtéñense manualmente. Así mesmo, hai globos sonda de helio que ascenden ata os 25 km e transmiten datos recollidos a distintas alturas.

 A información é procesada nos computadores do Centro de Supercomputación de Galicia. Os meteorólogos, tras comprobacións e análises, emiten os prognósticos do tempo.

 

estacións  

Rede de estacións meteorolóxicas de Galicia.

 

 

Actividades propostas

S31.   Galicia:

  • Como é, en xeral, o clima galego?
  • Describa as zonas e características climáticas de Galicia.
  • Que factores xeográficos afectan especialmente a Galicia?
  • Que elemento meteorolóxico é decisivo no clima de Galicia? Por qué ?

S32.    Climogramas:

  • Observe os climogramas correspondentes a algunhas localidades galegas.
  • Que consecuencias se derivan do clima de Galicia?