1.1.3 - A península Ibérica
Relevo da Península
O relevo ibérico é moi variado. Ten abundancia de montañas e mesetas de considerable altitude. España é o segundo país máis elevado de Europa, cunha media de 600 metros.
O relevo peninsular está formado por estas unidades:
- Meseta central: ocupa o centro da península. Está dividida polo cordal central, que separa a submeseta Norte da submeseta Sur.
A submeseta Norte está regada pola cunca do Douro. A submeseta Sur está percorrida polos ríos Teixo e Guadiana, cos afluentes respectivos. Os montes de Toledo dividen a submeseta Sur.
Estas son as montañas exteriores á meseta Central:
-
- O macizo Galaico e os montes de León, ao noroeste.
- O cordal Cantábrico, ao norte.
- As montañas Vascas, ao nordeste.
- Os Perineos , ao nordeste.
- O sistema Ibérico, ao leste.
- A serra Morena, ao sur.
- O sistema Subbético e Penebético, ao sueste.
- Depresións do Ebro e do Guadalquivir, no nordeste e no sur, respectivamente.
O pico máis alto da Península é o Mulhacén (3.487 m).
O máis alto de España é o Teide (3.718 m), en Tenerife.
![]() |
|
Mapa físico da península Ibérica |
Os mares e as costas peninsulares
As costas peninsulares son, en xeral, pouco articuladas, altas e rochosas pola proximidade ao mar dos sistemas montañosos. Están bañadas por tres mares: Cantábrico, Atlántico e Mediterráneo.
O Cantábrico e o Atlántico son mares de fortes ondas, intensas correntes e amplas mareas, que erosionan a costa e arrastran os depósitos sedimentarios.
Pola contra, o Mediterráneo é moito máis tranquilo, con menor poder erosivo, xa que as ondas e as correntes son de menores proporcións; as mareas, de escasa amplitude. Isto explica a existencia de albufeiras no Mediterráneo.
Outras diferenzas entre os mares ibéricos son a temperatura e a salinidade das augas. As do Cantábrico e do Atlántico son máis frías e menos salgadas, o que favorece a abundancia de peixes. As augas do Mediterráneo son mornas e máis salgadas.
|
|
Costas da península Ibérica, das illas Baleares e das Canarias |
Hidrografía da península Ibérica
Os ríos ibéricos son, en xeral, de escaso caudal e de réxime irregular, como consecuencia da escaseza e irregularidade das precipitacións na maior parte da península.
Con todo, os ríos da Iberia húmida son máis caudalosos e teñen réxime máis regular que oss da Iberia seca, que no verán diminúen notablemente o caudal –estiaxe– por ausencia de precipitacións.
Ademais da súa extensión territorial, hai grandes diferenzas entre a vertente atlántica e a mediterránea:
- Na vertente atlántica os ríos son máis longos e caudalosos e teñen réxime relativamente regular. A esta vertente pertence o Teixo (1.100 km), o río máis longo da península.
- Os ríos da vertente mediterránea, agás o Ebro, son curtos e moi irregulares, pois nacen preto do mar e salvan no seu breve curso unha forte pendente.
- No Sur e no Leste, de precipitacións escasas, os ríos teñen caudal moi baixo.
- Os ríos cantábricos e atlánticos teñen, en xeral, caudais anuais máis elevados que oss ríos mediterráneos, quitado o Ebro, o río con máis caudal absoluto da península.
![]() |
|
Ríos da Península Ibérica |
O solo da península Ibérica
O solo da península Ibérica está composto por tres tipos de terreos:
- Terreos graníticos ou silíceos. Formados por granitos, xistos, gneis e cuarcitas. Orixináronse nas eras arcaica e primaria e estendéronse pola metade occidental peninsular. Pola acción erosiva sufrida en millóns de anos, son redondeadas e con perfís suaves.
- Terreos calcarios. Formáronse na era secundaria e estendéronse pola metade oriental da península. Presentan paisaxes secas e abruptas, con cristas de fortes pendentes e altas superficies chairas.
- Terreos arxilosos. Orixináronse nas eras terciaria e secundaria. Estendéronse polo centro da península e polas depresións do Ebro e do Guadalquivir. Presentan suaves outeiros e extensas chairas.

