Saltar navegación

3.4. Laboratorio de personaxes lendarios

 

Glosario

Bosquexo

Bosquexo da personaxe nun aventureiro

Definición:

Debuxo rápido e sinxelo que se fai para probar ideas antes de facer a versión definitiva. Serve para decidir a postura, o tamaño ou a posición dos personaxes antes de debuxalos con máis detalle.

Exemplo:

Na imaxe de exemplo pódese ver o bosquexo dun aventureiro, onde se exploran a súa postura, a roupa e algúns detalles do personaxe antes de pasar ao debuxo final.

Personaxe

Tintín xogando ao golf

Definición:

Cada unha das figuras que participan na historia dun cómic. Pode ser unha persoa, un animal ou unha criatura inventada, e pode ter diferentes roles: protagonista (quen leva o peso da historia), antagonista (quen lle pon obstáculos) ou personaxes secundarias que acompañan, axudan ou complican a acción.

Exemplo:

En As aventuras de Tintín, el é o protagonista, o Capitán Haddock é un dos seus compañeiros máis coñecidos, e os viláns que aparecen en cada historia fan de antagonistas.

Esqueleto

Varios esqueletos amosando diferentes posturas

Definición:

É a estrutura básica do corpo dun personaxe, feita con liñas e formas simples. Axuda a debuxar correctamente as proporcións e a posición do corpo antes de engadir detalles.

Exemplo:

Antes de debuxar un personaxe sentado, fas o seu esqueleto con liñas para colocar ben a cabeza, o tronco e as pernas.

Expresións

Varios rostros esquemáticos con diferentes expresións

Definición:

Son os xestos da cara que amosan emocións como a alegría, a tristeza, o medo ou a sorpresa. As expresións axudan a que entendamos como se sente o personaxe.

Exemplo:

Cando unha personaxe está asustada, vés como abre os ollos e a boca, e as cellas soben. Incluso pode amosar os pelos de punta.

Estilos de personaxes

Non todos os cómics teñen o mesmo estilo de debuxo. Algunhas historietas intentan representar os personaxes de forma máis realista, mentres que outras usan formas máis simples e esenciais. A isto chamámoslle niveis de iconicidade.

Imaxinade unha escala que vai desde a representación máis esquemática ou simbólica ata a máis realista:

Rostro dunha rapaza representado en diferentes niveis de iconicidade

Cada estilo ten as súas vantaxes: os debuxos realistas poden transmitir emocións máis sutís e complexas, mentres que os esquemáticos permiten centrarse na historia e na acción sen distracción.

A continuación, podedes ver algúns exemplos de personaxes de cómic con diferentes estilos e niveis de iconicidade:

Esquemático ou icónico 

Personaxes do cómic Mutts

Os personaxes están simplificados ao máximo, usando liñas básicas e poucos detalles.

Exemplo: as Tiras de Mafalda ou o cómic Mutts.

Intermedio

Personaxes do cómic Calvin e HobbesMestura de realismo e esquematismo. Os personaxes son recoñecibles e expresivos, pero cun estilo máis libre.

Exemplo: Mortadelo e Filemón ou Calvin e Hobbes.

Realista

Personaxe de cómic do autor Moebius

Imaxes que buscan parecerse moito á realidade.

Exemplo: os cómics do universo Marvel ou os do autor Moebius, onde os personaxes teñen proporcións naturais e moitos detalles.

Lectura facilitada

Non todos os cómics teñen o mesmo estilo de debuxo.

Algunhas historietas intentan representar os personaxes de forma máis realista.

Outras usan formas máis simples e esenciais.

A isto chamámoslle niveis de iconicidade.

Imaxinade unha escala que vai desde a representación máis esquemática ou simbólica ata a máis realista.

Cada estilo ten as súas vantaxes:

  • Os debuxos realistas poden transmitir emocións máis sutís e complexas.
  • Os esquemáticos permiten centrarse na historia e na acción sen distracción.

A continuación, podedes ver algúns exemplos de personaxes de cómic con diferentes estilos e niveis de iconicidade:

As expresións faciais: como se amosan as emocións

A cara dun personaxe é fundamental para que entendamos o que está a sentir. As expresións faciais comunican emocións dun xeito rápido e claro, mesmo sen palabras. Un mesmo xesto pode amosar distintas emocións segundo o contexto da viñeta.

Nos cómics, estas emocións adoitan esaxerarse un pouco para que sexan máis claras. Incluso hai elementos gráficos que axudan, como gotas de suor, raios ou nubes sobre a cabeza.

Curiosamente, os seres humanos temos unha gran capacidade para recoñecer rostros, mesmo a partir de moi poucos trazos. Con só dous puntos, como ollos e unha raia como boca, xa somos quen de identificar unha cara. Este esquema básico serve como punto de partida para crear personaxes expresivos, e é tan potente que mesmo vemos "caras" onde non as hai: no frontal dun coche, nun enchufe ou nunha nube. Esa tendencia a atopar rostros nas cousas coñécese como pareidolia, e amosa o moito que confiamos na expresión facial para interpretar o mundo.

Enchufes que semellan carasárbore que semella unha cara

Aquí tedes unha lista das expresións máis comúns, construídas a partir dese mesmo esquema sinxelo:

Neutra

Personaxes con expresión neutraO rostro está relaxado, sen mostrar emocións claras. Os ollos e a boca permanecen nunha posición natural e repousada.

Esta expresión transmite calma, mais tamén pode suxerir desatención, espera ou concentración.

Satisfacción

Personaxes amosando satisfaciónUn pequeno sorriso con boca pechada e ollos tranquilos transmite unha sensación de benestar ou pracer contido.

Segundo o contexto, pode expresar tamén confianza, orgullo ou serenidade.

Ledicia

Personaxes con expresión de lediciaA boca debuxa un sorriso amplo e os ollos brillan con entusiasmo.

Esta expresión transmite entusiasmo ou felicidade aínda que tamén pode indicar simpatía, entusiasmo ou unha actitude amable.

Risa

Personaxes con expresión de risaA boca está aberta nunha gargallada e os ollos case pechados.

Esta expresión transmite diversión, mais tamén pode suxerir alivio, sorpresa alegre ou burla.

Tristura

Personaxes con expresión de tristuraOs beizos caen cara abaixo e os ollos amosan decaemento.

Esta expresión transmite pena, pero tamén pode suxerir decepción, melancolía ou nostalxia.

Pranto

Rostros con expresión de prantoAs bágoas percorren o rostro e a boca aparece entreaberta ou trémula.

Esta expresión transmite dor ou desamparo, mais tamén pode suxerir frustración ou alivio profundo.

Enoxo

Personaxes con expresión de enoxoAs cellas están engurradas e a boca pechada con forza.

Esta expresión transmite irritación, mais tamén pode suxerir impaciencia, incomodidade ou fastío.

Ira

Personaxes amosando iraA mandíbula está tensa e os dentes á vista, con ollos abertos e cara ríxida.

Esta expresión transmite rabia, pero tamén pode suxerir furia contida, rancor ou determinación.

Sorpresa

Personaxes con expresión de sorpresaOs ollos están moi abertos, as cellas levantadas e a boca entreaberta.

Esta expresión transmite asombro, mais tamén pode suxerir incredulidade, confusión ou admiración.

Medo

Personaxes con expresión de medoO rostro está descomposto, cos ollos moi abertos e a boca en xesto de alarma.

Esta expresión transmite terror, mais tamén pode suxerir inseguridade, ansiedade ou preocupación.

Malicia

Personaxes con expresión de maliciaA boca amosa un sorriso ladeado e os ollos unha mirada de picardía.

Esta expresión transmite intencións ocultas, mais tamén pode suxerir sarcasmo, burla ou satisfacción maliciosa.

Vergoña

Rostros con expresión de vergoñaA cara está ruborizada, cun sorriso nervioso e unha pinga de suor na fronte.

Esta expresión transmite timidez, mais tamén pode suxerir arrepentimento, incomodidade ou nerviosismo.

Lectura facilitada

A cara dun personaxe é fundamental para que entendermos o que está a sentir.

As expresións faciais comunican emocións dun xeito rápido e claro, mesmo sen palabras.

Un mesmo xesto pode amosar distintas emocións segundo o contexto da viñeta.

Nos cómics, estas emocións adoitan esaxerarse un pouco para que sexan máis claras.

Incluso hai elementos gráficos que axudan, como:

  • Gotas de suor.
  • Raios.
  • Nubes sobre a cabeza.

Os seres humanos temos unha gran capacidade para recoñecer rostros, mesmo a partir de moi poucos trazos.

Con só dous puntos, como ollos e unha raia como boca, xa somos quen de identificar unha cara.

Este esquema básico serve como punto de partida para crear personaxes expresivos,

e é tan potente que mesmo vemos "caras" onde non as hai: no frontal dun coche, nun enchufe ou nunha nube.

Esa tendencia a atopar rostros nas cousas coñécese como pareidolia.

A pareidolia amosa o moito que confiamos na expresión facial para interpretar o mundo.

Aquí tedes unha lista das expresións máis comúns, construídas a partir dese mesmo esquema sinxelo:

As expresións corporais contan moito

A linguaxe corporal é unha ferramenta fundamental para dar vida aos personaxes dun cómic. A través da postura, os movementos e a vestimenta, pódense expresar emocións, actitudes e trazos da súa personalidade, mesmo sen palabras.

Antes de debuxar personaxes, é útil observar e estudar a figura humana: como se move, como se coloca en distintas situacións, que formas adopta ao sentar, camiñar ou simplemente quedar de pé. Un bo exercicio consiste en que fagades bosquexos rápidos a partir de fotografías, como amosa o seguinte exemplo debuxado a partir de modelos reais. Isto axudaravos a entender a anatomía, o equilibrio do corpo e os pequenos detalles como a colocación dos pés, das mans ou a caída da roupa.

Varias persoas con diferentes poses

Para representar posturas dinámicas ou naturais nos personaxes, resulta moi útil que comecedes cun esqueleto ou estrutura básica. Este esquema simplificado da figura humana permítevos decidir a pose e asegurarvos de que o corpo está ben proporcionado. Despois, sobre esa base, podedes construír o personaxe completo co seu estilo propio.

Rapaza de pé mirando o móbil e o seu esqueletoA continuación, podedes ver catro personaxes distintos representados a partir dun esqueleto que marca a súa postura. Acompañando cada estrutura básica, veredes como se desenvolve o personaxe co seu aspecto final, mantendo a mesma pose. Cada unha destas posturas representa unha situación corporal distinta, que axuda a entender como o corpo se adapta ao movemento ou á posición no espazo:

Personaxe 1

Personaxe de cómic xunto ao seu esqueletoHome camiñando sorrinte.

Este personaxe transmite simpatía, movemento e bo humor. A súa postura lixeira e a expresión facial relaxada suxiren dinamismo e unha actitude positiva, como quen avanza con confianza e alegría.

Personaxe 2

Personaxe de cómic xunto ao seu esqueletoRapaza sentada con sorriso relaxado.

A postura sentada e a expresión amable transmiten serenidade, comodidade e dispoñibilidade. Semella estar atenta ao que sucede ao seu redor, transmitindo calma e proximidade.

Personaxe 3

Personaxe de cómic xunto ao seu esqueletoRapaza de pé cunha pose expresiva e divertida.

Esta figura transmite seguridade en si mesma, descaro e un punto de humor. A súa postura aberta, co brazo estendido e o xesto do guiño, fai pensar nunha personaxe sociable, espontánea e confiada.

Personaxe 4

Personaxe de cómic xunto ao seu esqueletoHome robusto con actitude desafiante.

A postura ríxida, os puños pechados e a expresión seria danlle ao personaxe un aire de forza e intimidación. Transmite tensión, firmeza e unha posible agresividade. Podería representar a alguén protector ou, dependendo do contexto, un antagonista.

Lectura facilitada

A linguaxe corporal é unha ferramenta fundamental para dar vida aos personaxes dun cómic.

A través da:

  • Postura.
  • Movementos.
  • Vestimenta.

Pódense expresar:

  • Emocións.
  • Actitudes.
  • Trazos da personalidade.

Antes de debuxar personaxes, é útil observar e estudar a figura humana:

  • Como se move.
  • Como se coloca en distintas situacións.
  • Que formas adopta ao sentarse, camiñar ou simplemente quedar de pé.

Un bo exercicio consiste en que fagades bosquexos rápidos a partir de fotografías.

Para representar posturas dinámicas ou naturais comezade cun esqueleto ou estrutura básica.

Despois, sobre esa base, podedes construír o personaxe.

Cada unha destas posturas representa unha situación corporal distinta.

Estas axudan a entender como o corpo se adapta ao movemento ou á posición no espazo:

Dándolle vida ao personaxe

Varias personaxes interactuandoNeste último apartado, veredes unha escena onde os catro personaxes aparecen noutras posturas diferentes, máis dinámicas e detalladas, e onde tamén se incorpora a cor. O uso do vestiario e os complementos axuda a definir mellor o estilo e a personalidade de cada un. Fixádevos en como a expresión corporal, a roupa e a actitude traballan conxuntamente para dar vida aos personaxes e facer que resulten cribles e recoñecibles no voso cómic.

Lectura facilitada

Veredes unha escena onde os catro personaxes aparecen noutras posturas diferentes.

Posturas máis dinámicas e detalladas.

Tamén se incorpora a cor.

O uso do vestiario e os complementos axuda a definir mellor o estilo e a personalidade de cada un.

Fixádevos en como:

  • A expresión corporal.
  • A roupa.
  • A actitude.

Traballan conxuntamente para:

  • Dar vida aos personaxes.
  • Facer que resulten cribles e recoñecibles no voso cómic.

Actividade práctica grupal

Nesta actividade comezaredes a dar vida aos personaxes que protagonizarán o voso cómic. A partir do conto ou lenda popular escollida, seleccionaredes os personaxes principais, protagonistas, antagonistas ou figuras secundarias relevantes, e deseñaredes o seu aspecto.

Para cada personaxe, realizaredes primeiro un bosquexo básico que vos axude a definir a postura e actitude corporal. Engadiredes detalles como a complexión, a idade, o estilo de roupa ou outros elementos que axuden a representar a súa personalidade ou o seu papel na historia.

Tamén deseñaredes o rostro do personaxe, empregando un estilo gráfico coherente co resto do cómic. A partir dese rostro, debuxaredes dúas ou tres expresións faciais diferentes: unha neutra e outras que poidan aparecer na historia (por exemplo: sorpresa, medo, ledicia ou enfado).

Para completar a actividade, escribiredes un pequeno texto no que expliquedes quen é o personaxe, que papel xoga na historia, cal é a súa personalidade principal e por que decidistes representala dese xeito.

Lectura facilitada

Comezaredes a dar vida aos personaxes que protagonizarán o voso cómic.

A partir do conto ou lenda popular escollida, seleccionaredes:

  • Os personaxes principais.
  • Protagonistas.
  • Antagonistas.
  • Figuras secundarias relevantes.

Deseñaredes o seu aspecto.

Para cada personaxe, realizaredes:

  • Primeiro, un bosquexo básico que vos axude a definir a postura e actitude corporal.
  • Segundo, engadiredes detalles como:
    • A complexión.
    • Idade.
    • Estilo de roupa.
    • Outros elementos que axuden a representar a súa personalidade ou o seu papel na historia.

Tamén deseñaredes o rostro do personaxe.

Empregade un estilo gráfico coherente co resto do cómic.

A partir dese rostro, debuxaredes dúas ou tres expresións faciais diferentes:

  • Unha neutra.
  • Outras que poidan aparecer na historia (por exemplo: sorpresa, medo, ledicia ou enfado).

Para completar a actividade, escribiredes un pequeno texto no que expliquedes:

  • Quen é o personaxe.
  • Que papel xoga na historia.
  • Cal é a súa personalidade principal e por que decidistes representala dese xeito.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)