Saltar navegación

1.2. Rescatades a tradición oral

 

Glosario

Cómic

Exemplo de páxina dun cómic

Definición:

Historia contada mediante debuxos e textos en recadros (que poden ter diversas formas e tamaños) chamados viñetas.

Exemplo:

Son moi coñecidos os cómics de superheroes (Superman, Batman etc).

Contos e lendas populares

Meiga voando nunha vasoira

Definición:

Relatos antigos que a xente contaba de xeración en xeración, moitos con personaxes fantásticos. Adoitan conter algún tipo de ensinanza útil para a vida.

Exemplo:

En Galicia son moi comúns os contos sobre meigas.

Novela gráfica

Novela gráfica

Definición:

Un libro ilustrado que conta unha historia longa, parecido a un cómic pero máis elaborado.

Exemplo:

Persépole é unha novela gráfica autobiográfica de Marjane Satrapi, que narra a súa infancia en Irán.

Viñeta

Exemplos de viñetas dun cómic

Definición:

Cada unha das formas xeométricas que encerra unha escea dun cómic. Nela aparecen debuxos e textos (diálogos, pensamentos ou pequenas narracións). Acostuman ter forma rectangular, aínda que poden adoptar diversas formas: redondeadas, triangulares, orgánicas etc.

Exemplo:

Aquí podedes ver un conxunto de tres viñetas que se asemellan a rectángulos, pero que son formas irregulares.

O voso reto

A tradición oral galega está chea de contos e lendas que foron pasando de xeración en xeración, enriquecendo a nosa cultura e a nosa imaxinación. 

No proxecto "Contos e lendas populares ao rescate", mergullarédesvos nestas narracións tradicionais para transformalas en cómics. A través da linguaxe visual e do traballo en equipo, exploraredes como contar historias utilizando imaxes e texto, dándolle unha nova vida ás nosas lendas.

O obxectivo final será a creación dun cómic en grupo, no que cada equipo adaptará unha historia da tradición oral galega. Aprenderedes sobre composición, expresión artística e narración gráfica, poñendo en práctica a vosa creatividade para que estas historias sigan vivas e cheguen a novas xeracións.

Lectura facilitada

A tradición oral galega está chea de contos e lendas.

Foron pasando de xeración en xeración.

Enriqueceron a nosa cultura e a nosa imaxinación.

No proxecto "Contos e lendas populares ao rescate",

mergullarédesvos nestas narracións tradicionais para transformalas en cómics.

Exploraredes como contar historias.

Utilizando:

  • Imaxes.
  • Texto.

Daredes unha nova vida ás nosas lendas.

O obxectivo final será a creación dun cómic en grupo.

Cada equipo adaptará unha historia da tradición oral galega.

Aprenderedes sobre:

  • Composición.
  • Expresión artística.
  • Narración gráfica.

Poñeredes en práctica a vosa creatividade para que estas historias sigan vivas e cheguen a novas xeracións.

Seredes capaces de...

  • Crear un cómic inspirado na tradición oral galega empregando os elementos básicos da linguaxe visual.
  • Coñecer e utilizar a linguaxe do cómic: expresións faciais e corporais, debuxo e deseño de personaxes.
  • Explorar os tipos de planos e encadres para dar ritmo á narración visual.
  • Traballar en equipo para colaborar na creación dunha historia visualmente impactante.
  • Poñer en práctica a vosa creatividade para reinterpretar as lendas galegas e darlle unha nova vida ás súas historias.

Estades preparados e preparadas para deixar a vosa pegada artística na tradición galega?

Feito con eXeLearning (Nova xanela)