Agora si!
Chegou o momento de deixar a vosa pegada no colexio!

O lugar onde pasades tantas horas á semana e tantos anos, seguirá aí moito tempo.
Moitas veces será o colexio onde estudaron as vosas familias e pode ser que tamén cheguedes a ser nais e pais de alumnado que estude aí.
Por iso, aquilo que levedes a cabo no centro, poderá permanecer no tempo e deixaredes a vosa pegada.
Pode ser un recuncho de natureza, unha actividade dun día conmemorativo, unha aula con usos específicos, unha horta, unha saída anual ou propostas de xogo no patio, entre outras.
Propostas

Na aula, faredes unha posta en común para coñecer todas as propostas en orde, comezando co primeiro tema ata chegar ao último.
Unha vez coñecidas e entendidas, teredes que votar as que máis vos gusten e interesen para levar a cabo no colexio.
Só as propostas máis votadas irán adiante.
Resultado

Cando teñades as mellores propostas elixidas por votación, unha persoa representante de cada un dos temas (Medio Ambiente, Convivencia, Infraestruturas e Actividades) terá unha reunión coa dirección do centro.
Achegaredes cada unha das propostas explicando porque sería necesario incluílas na toma de decisións do cole.
Coa resolución obtida, teredes que informar o resto do alumnado da vosa aula.
As propostas aceptadas teredes que expoñelas para que todo o centro as coñeza.
Podedes utilizar o mesmo sitio onde puxestes a información de poboación ou elixir outra forma de publicalo.
