Recordamos o aprendido

O número de persoas que viven nun lugar concreto chámanse habitantes e forman a súa poboación.
España ten unha poboación total de 49 millóns de habitantes. Galicia conta con preto de 3 millóns.
A maioría das persoas en España viven nas cidades. A estas chámaselle poboación urbana. Mentres, o resto viven en vilas ou aldeas, e forman a poboación rural.
Os habitantes das cidades adoitan vivir en espazos reducidos, normalmente en edificios de pisos e apartamentos. Contan con máis servizos, como hospitais, hipermercados, centros comerciais ou máis lugares de lecer como museos e teatros.
Os habitantes do rural viven normalmente en casas que se atopan afastadas as unhas das outras e contan con menos servizos, pero máis zonas verdes.
A poboación dun país, dunha cidade ou dunha vila pode variar en función das persoas que nacen e que morren cada ano.
A poboación tamén varía segundo o número de persoas que chegan de fóra e as que marchan vivir a outros países.
Lectura facilitada
O número de persoas que viven nun lugar concreto chámanse habitantes.
Os habitantes forman a poboación dun lugar.
España ten unha poboación total de 49 millóns de habitantes.
Galicia ten case 3 millóns de habitantes.
A poboación urbana está formada polas persoas que viven nas cidades.
A poboación rural está formada polas persoas que viven nas aldeas ou vilas.
A poboación pode variar pola xente que nace e morre.
Tamén hai xente que marcha vivir fóra do país ou vén vivir desde outros lugares.
Audio
Natalidade e mortalidade
Chamamos natalidade ao número de persoas que nacen nun lugar determinado ao cabo dun ano.
A mortalidade é o número de persoas que morren nun lugar concreto ao cabo dun ano.
España ten unha das natalidades máis baixas de Europa. Iso quere dicir que nacen poucas nenas e nenos. No ano 2024 a mortalidade superou a natalidade no noso país. Morreron máis persoas das que naceron.
Emigración e inmigración
A emigración é a saída de persoas dun lugar para instalárense noutro.
A inmigración é a chegada de persoas a un lugar para afincárense nel.
Tanto as persoas que inmigran ou aquelas que emigran fano por diferentes razóns: por motivos económicos, para fuxir dun conflito armado, para vivir coa súa familia ou para traballar noutro lugar.