Saltar navegación

3.5. O concello

O goberno local

Concello de Lugo

O concello é a institución que máis afecta á nosa vida diaria, xa que é a máis próxima. O concello está formado pola alcaldesa ou polo alcalde e as súas concelleiras e concelleiros. Todas elas elíxense nas eleccións municipais que se celebran cada catro anos. O seu traballo é representar os intereses de todas as persoas que viven no mesmo municipio.

O concello ten o deber de organizar os servizos para que as nosas cidades e vilas funcionen correctamente. Entre as funcións máis importantes dos concellos están as de iluminar as rúas, recoller o lixo, reparar e manter as estradas en bo estado, limpar as vías públicas, construír parques e lugares de lecer, coidar das zonas verdes ou organizar eventos para que participe a cidadanía. Para levar a cabo as súas funcións precisa recadar impostos, é dicir, o diñeiro necesario para que todo funcione correctamente e para poder facer melloras nas nosas cidades e vilas. Estes impostos pagámolos entre todas e todos.

O alcalde ou alcaldesa reúnese cos seus concelleiros e concelleiras nun acto chamado pleno. Nestes plenos discuten asuntos de interese para resolver problemas que afecten á cidadanía ou para mellorar as nosas vidas. Cada concelleira e concelleiro dedícase a un ámbito distinto nas diferentes concellerías: de Deportes, de Cultura, de Medio Ambiente, de Turismo ou de Festas, entre outros.

Lectura facilitada

O concello está formado polo alcalde ou alcaldesa e as súas concelleiras e concelleiros.

Hai eleccións municipais cada 4 anos.

O concello organiza os servizos da cidade ou vila.

As persoas pagan impostos para garantir eses servizos.

Os plenos son reunións onde o alcalde ou alcaldesa e concelleiras e concelleiros resolven problemas  ou aproban propostas.

Apoio visual

Integrantes do Concello

Feito con eXeLearning (Nova xanela)