O goberno estatal

O 6 de decembro de 1978 aprobouse por referendo a lei máis importante no noso país: a Constitución. Esta lei recolle os dereitos e os deberes de todas as cidadás e cidadáns de España. Tamén establece que España é unha monarquía parlamentaria. Isto quere dicir que o Xefe do Estado é o Rei, pero que a organización do estado e a repartición de poderes recae sobre tres institucións fundamentais:
O poder lexislativo recae sobre as Cortes Xerais. Están formadas polas deputadas e deputados que traballan no Congreso dos Deputados e polas senadoras e senadores que exercen o seu labor no Senado. A súa función principal é elaborar novas leis e aprobalas. Tamén controlan a actividade do Goberno e aproban os
presupostos xerais do Estado. Nos orzamentos establécese canto diñeiro se vai gastar en partidas fundamentais que nos afectan directamente, como son a educación, a sanidade, ampliación de estradas e novas liñas de tren, entre outras.
O poder executivo recae sobre o Goberno de España. Está formado polo presidente ou presidenta e as ministras e ministros. A súa función é dirixir o país e poñer en práctica as leis aprobadas nas Cortes Xerais. Tamén dirixe a política interior e exterior, a administración civil e militar e a defensa do Estado.

O poder xudicial recae sobre os Tribunais de Xustiza. Está formado polos xuíces e xuízas e polas maxistradas e maxistrados. A súa función é a de asegurarse de que se cumpren as leis e a de impartir xustiza cando se infrinxen. O tribunal máis importante é o Tribunal Supremo. O tribunal Constitucional é o encargado de asegurarse de que todas as leis respectan a Constitución.
Todas as cidadás e cidadáns de España maiores de 18 anos teñen dereito a votar para elixir os seus representantes no Goberno. Cada 4 anos celébranse eleccións en España. Normalmente o partido máis votado é o que goberna o país, aínda que ás veces precisa o apoio doutros grupos políticos.
Lectura facilitada
A Constitución española é a lei máis importante do noso país.
Foi aprobada en 1978.
O xefe de Estado é o rei.
As Institucións fundamentais son:
- O poder lexislativo recae sobre as Cortes Xerais. Elaboran e aproban leis.
- O poder executivo recae sobre o Goberno de España. Dirixen o país e levan á práctica as leis.
- O poder xudicial recae sobre os Tribunais de xustiza. Fan cumprir as leis e imparten xustiza.
Todas as cidadás e cidadáns de España maiores de 18 anos teñen dereito a votar.
Cada 4 anos hai eleccións.
Audio
Apoio visual

