Saltar navegación

3.3. A comunidade autónoma

O goberno autonómico

Sala de plenos da Xunta de Galicia

Como xa sabes, as provincias agrúpanse en comunidades autónomas.  A Comunidade Autónoma de Galicia conta con catro provincias: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

En 1981 aprobouse o Estatuto de Autonomía de Galicia. O Estatuto de Galicia é a lei máis importante da nosa comunidade autónoma e establece como se organiza Galicia e como se reparten os poderes públicos, é dicir, quen goberna, quen propón novas leis e quen as aproba e quen reparte xustiza. 

Hai tres poderes principais: o poder lexislativo, o poder executivo e o poder xudicial.

En Galicia o poder lexislativo está en mans do parlamento autonómico. Está formado por deputados e deputadas elixidos nas eleccións autonómicas, que se celebran cada catro anos. Entre as principais funcións do Parlamento están as de aprobar leis, controlar a acción do goberno, aprobar o orzamento de gastos ou elixir ao presidente da Xunta.

O poder executivo é o goberno autonómico. Na nosa comunidade autónoma chámase Xunta de Galicia. Esta institución dirixe a política de Galicia e está formada polo presidente ou presidenta e as conselleiras e conselleiros. As Consellerías ocúpanse de diferentes ámbitos e son as seguintes:

  • Presidencia, Xustiza e Deportes
  • Cultura, Lingua e Xuventude
  • Economía e Industria
  • Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
  • Emprego, Comercio e Emigración
  • Facenda e Administración Pública
  • Mar
  • Medio Ambiente e Cambio Climático
  • Medio Rural
  • Política Social e Igualdade
  • Sanidade
  • Vivenda e Planificación de Infraestruturas

O poder xudicial está en mans do Tribunal de Xustiza de Galicia. Está formado por unha ou un presidente, as presidentas ou presidentes de sala e as maxistradas ou maxistrados de cada sala. Entre as súas funcións destacan as de garantir o cumprimento da lei, protexer os dereitos das galegas e galegos, favorecer a convivencia pacífica ou contribuír á paz social. 

Lectura facilitada

As comunidades autónomas están formadas por provincias.

A lei que as goberna é o Estatuto de Autonomía.

Nel establécense os 3 poderes principais:

  • Poder lexislativo: Parlamento autonómico, aproban leis e se controla a acción do goberno, apróbase o orzamento de gastos e elíxese ao presidente ou presidenta da Xunta.
  • Poder executivo: Xunta de Galicia, formada pola presidenta ou presidente e as conselleiras e conselleiros. Hai 12 consellerías.
  • Poder xudicial: Tribunal de Xustiza de Galicia, garante o cumprimento da lei, protexen os dereitos do pobo galego, favorece a convivencia pacífica e contribúe á paz social.

Apoio visual

Os poderes autonómicos (cREAgal)

Recorda

En España hai 17 comunidades autónomas, que traballarás na seguinte páxina.

Tamén hai 2 cidades autónomas, Ceuta e Melilla.

Están situadas no norte de África.

Bandeira e situación de Ceuta
Bandeira e situación de Melilla

Feito con eXeLearning (Nova xanela)