Saltar navegación

1. O lugar onde vivimos

 

Glosario

Censo

Persoa no seu fogar (Arasaac)

Definición:

Datos sobre a poboación e diferentes aspectos dela.

Exemplo:

Segundo o censo hai máis familias en España cun só fillo que con máis.

Densidade de poboación

Fórmula de cálculo da densidade de poboación (cREAgal)

Definición:

Cantidade de habitantes por km cadrado.

Exemplo:

As grandes cidades teñen unha densidade de poboación moi alta.

Eleccións

Xente arredor dunha urna de votacións (Arasaac)

Definición:

Escoller algo ou a alguén, mediante votos.

Exemplo:

Presenteime ás eleccións para ser encargada de clase.

Emigrar

Persoa indo dun lugar a outro (Arasaac)

Definición:

Dise cando unha persoa deixa o país onde naceu para ir vivir noutro.

Exemplo:

O meu avó tivo que emigrar a Suíza cando era novo.


Inmigrar

Persoa indo dun lugar a outro (Arasaac)

Definición:

Dise cando unha persoa chega a vivir a un país novo deixando o lugar onde naceu.

Exemplo:

Dúas rapazas ucraínas tiveron que inmigrar a España por mor da guerra.

Proposta

Cabeza cunha bombilla

Definición:

Proposición ou idea que se presenta para ser aceptada.

Exemplo:

Propuxen aos meus pais ir de vacacións á praia.

Vivimos en sociedade

Persoas de diferentes países

O colexio é como a túa segunda casa xa que pasas moitas horas nel. Xogas e traballas coas túas compañeiras e compañeiros. Aprendes do profesorado e convives con todas as persoas que forman a escola, como as monitoras e monitores do comedor, o persoal de limpeza e o equipo directivo, entre outros. Podemos dicir que estas persoas adultas e vós formades a poboación da escola. Todas son importantes e realizan diferentes funcións para que o teu colexio sexa un lugar de convivencia e aprendizaxe.

Ao vivir en sociedade hai que poñerse de acordo para mellorar o lugar onde vivimos. Para iso hai persoas que presentan propostas que poden chegar a ser aprobadas mediante eleccións.Urna de votacións

Cando as propostas máis votadas se levan a cabo, podemos facer cambios e melloras que afectan positivamente o noso día a día.

Gustaríache decidir sobre o funcionamento do teu colexio?

E se puideras deixar a túa pegada nel?

Lectura facilitada

O colexio é a túa segunda casa.

As persoas formamos a poboación dun lugar ao convivir nel.

Para mellorar o lugar onde vivimos, a sociedade ten que poñerse de acordo.

Preséntanse propostas mediante eleccións. 

Gustaríache decidir sobre o funcionamento do teu colexio?

E se puideras deixar a túa pegada nel?

O reto será...

Estades preparadas e preparados para aprender sobre como se gobernan as institucións e levalo á organización que formades no colexio?

Queredes mellorar a vosa escola? Imos aló!

Cal será o voso reto?

O reto final consistirá en deseñar e presentar distintas propostas para mellorar o voso colexio a toda a comunidade educativa.

Coas ideas e propostas buscarase unha mellora que repercuta directamente en todas e todos vós.

Actuaredes igual que a xente adulta cando elixe representación nas institucións. Vós sodes a poboación do colexio e como tal elixiredes as propostas que o poidan mellorar.

Para a presentación poderedes escoller entre diferentes formatos:

  • Nun mural feito con cartolinas ou papel continuo.
  • Cunha presentación de diapositivas en formato dixital.
  • Podedes crear un vídeo propio con toda a información.
  • Carteis informativos.

Que traballaredes?

Ao longo desta unidade recompilaredes información que vos axudará a elaborar o reto final:

  • Teredes que recadar información sobre a poboación de España e a das comarcas de Galicia.
  • Investigaredes se algún familiar emigrou fóra do seu país.
  • Haberá que pescudar que lugares rexentados por persoas doutros países, inmigrantes, forman parte da túa vila ou cidade. 
  • Teredes que recadar a información sobre o censo do cole dos últimos cinco anos.
  • Traballaredes os conceptos de densidade de poboación do lugar onde vivides e doutro que elixades.
  • Faredes en equipo un cartel informativo dunha Comunidade Autónoma seguindo un modelo.

Que aprenderedes?

  • Coñeceredes a poboación á que pertencedes e investigaredes os cambios que nela se producen.
  • Aprenderedes cales son as funcións das institucións, dende a máis afastada: a Unión Europea, ata a máis próxima: o concello, e como estes órganos inflúen nas vosas vidas.
  • Tamén participaredes activamente na vida da escola achegando propostas para ser votadas.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)