
Detectando os síntomas
A adicción tecnolóxica ou tecnoadicción caracterízase por un uso abusivo das novas tecnoloxías, tales como o ordenador, Internet, móbil, videoxogos e redes sociais, afectando a todas as áreas da nosa vida. É pouco frecuente que unha persoa recoñeza que é adicta a algo, e máis se ese algo son cousas tan novas e xeneralizadas como os videoxogos, Internet ou os teléfonos móbiles.
Hai certos síntomas que nos poden alertar dunha adicción:
- Non limitar o tempo de uso destes dispositivos.
- Necesidade de aumentar progresivamente o tempo dedicado ao seu uso para sentirse ben.
- Durmir pouco por estar conectado o máximo tempo posible.
- Sentir ansiedade cando non podemos conectarnos.
- Deixar de prestar atención á nosa alimentación. Comer mal ou deixar de comer.
- Illamento social.
Imos ver con atención o seguinte vídeo que, de forma gráfica, mostra os problemas que pode causar o uso abusivo dos dispositivos tecnolóxicos.
Tras ver o vídeo, imos facer unha pequena reflexión. Vai ser un bo punto de partida para o contido que imos traballar nesta sección.
Como puideches observar, aparecen moitos dos síntomas mencionados anteriormente e algún máis. Pensa en cal deles cres que é o que peores consecuencias pode traer para a nosa vida cotiá ou saúde. Tamén en cal cres que pon máis de manifesto que hai unha adicción ou cal pensas que é o mais difícil de solucionar.
Algúns tipos de tecnoadicción
A continuación, imos ver algúns tipos de adicción ás tecnoloxías.
FOMO
Acrónimo do inglés "Fear of Missing Out", é dicir, medo a perderse algo. É o medo de sentir que estamos perdendo algo interesante que outras persoas si están vivindo, tras velo en redes sociais.
Phubbing ou ningufoneo.
O termo phubbing é a combinación dos termos ingleses "phone" teléfono e "snubbing" desprezar. Ocorre cando unha persoa ignora a outra por estar pendente do teléfono móbil.
Vibranxiety
Tamén denominado "síndrome da vibración fantasma", ocorre cando unha persoa sente ansiedade por sentir vibrar o seu teléfono móbil, cando en realidade non é así.
Efecto Google
Tamén chamado "amnesia dixital", trátase da tendencia a esquecer datos debido a que a información pode atoparse facilmente en Internet.
Adicción a xogos freemium
Os xogos freemium son os que se ofrecen inicialmente de forma gratuíta pero que precisan de pagos para poder avanzar neles ou conseguir certos privilexios. Esta adicción pode terminar noutra máis seria, como é a ludopatía.
Cibercondria
Refírese á obsesión dunha persoa por temas de saúde, o que leva a buscar información médica nas redes constantemente: síntomas, enfermidades que pode estar padecendo segundo os síntomas que ten ou cre ter.
TecnoTest da Universidade de Valencia
O TecnoTest é unha ferramenta desenvolta pola Universidade de Valencia en colaboración coa Fundación Mapfre que:
- Permite avaliar ou detectar as adiccións tecnolóxicas (móbil, redes sociais, videoxogos e xogos de azar).
- Establece as pautas de prevención.
Aínda que está deseñado para o seu uso por profesionais, nesta ligazón poderás acceder ao test, así como ás instrucións de uso.