A saúde en risco
O seguinte vídeo mostra algúns dos problemas que podemos ter por un uso abusivo das novas tecnoloxías. Mira o vídeo con atención e reflexiona sobre o seu contido. Eras consciente deses riscos? Poderías mencionar algún máis?
Posibles problemas de saúde
Xa sabemos que o uso abusivo das TIC pode ser a causa dalgúns problemas de saúde. A continuación, imos ver algúns exemplos de posibles trastornos da saúde relacionados co uso destes dispositivos.

Fatiga visual
Un uso prolongado do ordenador, o móbil, a tableta..., pode causar fatiga visual. Os síntomas poden incluír dor nos ollos ou ao seu redor, visión borrosa, dor de cabeza, visión dobre, sensibilidade á luz, proído nos ollos e sensación de ollo seco.
Fatiga física
Cando pasamos longos períodos de tempo diante dunha pantalla a ergonomía é importante. A dor de costas e a dor cervical son algunhas das doenzas físicas máis comúns producidas polo uso das novas tecnoloxías. Unha posición inadecuada da cabeza ou das costas pode provocar desde contracturas a problemas musculares máis graves.
Obesidade
Poderiamos falar dunha obesidade dixital cando o sobrepeso é causado por un sedentarismo provocado por un uso abusivo das novas tecnoloxías. A miúdo, pasar longos intres diante dunha pantalla implica descoidar outros aspectos da vida, tales como a alimentación, recorrendo a comida rápida e a comer diante da pantalla para non perder tempo.
Trastornos do sono
Durmir menos horas das necesarias pode ter consecuencias moi negativas para a saúde, desde cadros de ansiedade ata unha maior probabilidade de sufrir enfermidades cardiovasculares.
As novas tecnoloxías tamén poden provocar trastornos do sono. Hai estudos que indican que utilizar pantallas antes de durmir afecta á calidade do sono, chegando a producir insomnio mesmo en nenos e nenas.
Doutra banda, un uso abusivo de dispositivos electrónicos pode implicar durmir menos horas por estar conectado ou conectada.
Dor de costas ou cervical
Cando pasamos longos períodos de tempo diante dunha pantalla a ergonomía é importante. A dor de costas e a dor cervical son algunhas das doenzas físicas máis comúns producidas polo uso das novas tecnoloxías. Unha posición inadecuada da cabeza ou das costas pode provocar desde contracturas a problemas musculares máis graves.
Prácticas de risco
Dirías que os uso de dispositivos electrónicos pode considerarse como práctica de risco? Probablemente non, pero en moitos casos si o é.

A continuación, imos ver algunhas prácticas consideradas de risco cando utilizamos as novas tecnoloxías.
Camiñar pola rúa
Algúns estudos mostran que camiñar mentres se mira o móbil pode causar lesións. Mandar mensaxes de texto ou ler no móbil poden empeorar o teu equilibrio ata nun 45% e diminuír o teu rendemento e a intensidade da actividade física.
Ademais de desviar a atención, poñendo en risco a nosa seguridade física, tamén cambia o estado de ánimo, a maneira de camiñar e a postura. Cando camiñamos e usamos o teléfono ao mesmo tempo axustamos a nosa forma de movernos, e camiñamos máis lento. Por outra banda, a postura de baixar a cabeza mentres miramos o móbil ao camiñar pode provocar lesións cervicais.
No seguinte vídeo podemos ver exemplos desta práctica de risco.
Selfis perigosos
Sacar fotos en lugares imposibles para conseguir likes é unha moda que, nos últimos anos, provocou o aumento de número de mortes por estas prácticas. A causa máis común son caídas desde lugares de grande altura tales como balcóns, cantís ou pontes.
Nesta ligazón a ExpansiónTV podes ver un vídeo que fala desta práctica de risco.
Ademais dos riscos evidentes para a nosa vida, existen outros riscos derivados do fenómeno selfie. Cando publicamos unha auto-foto estamos a revelar moitos detalles da nosa vida privada, que nos poñen en situación de risco. Por exemplo, información sobre onde vivimos e con quen. Algo que pode converterse nun problema como ser o branco de acoso cibernético por parte doutras persoas.
Por outra banda, os selfis soen ser ferramentas de comparación con outras persoas. A constante exposición a imaxes ideais, que en moitos casos non son reais, poden afectar á nosa autoestima, desenvolvendo problemas mentais.
Olla o seguinte vídeo con atención.
Reflexiona sobre as conclusións que podemos sacar do vídeo e pensa nos aspectos negativos ou perigos do selfie que se mostran no spot. Seguramente, despois de ler esta sección, si che parece que un simple selfie pode ser considerado como práctica de risco.
Condución
Moitos expertos alertan sobre o risco do uso indebido do móbil en adolescentes. Con todo, non son o único grupo de idade propenso a ese mal uso, tamén é unha realidade en persoas adultas. Así, as distraccións provocadas polo uso do móbil ao volante causan unhas 400 mortes ao ano en España e preto de 8.000 sinistros con vítimas. A pesares destes datos, preto da metade das persoas condutoras recoñecen usar o móbil ao volante.
Prevención
Agora que coñecemos algúns dos riscos que o uso das novas tecnoloxías poden ter para a nosa saúde, imos aprender como evitalos na medida do posible. Le atentamente as seguintes recomendacións que nos poden axudar a manter a nosa saúde en perfecto estado.

Iluminación
Ter unha boa iluminación cando esteamos diante dunha pantalla. Se pode ser luz natural mellor, se non é suficiente servirémonos de lámpadas para non usar tan só a luz do dispositivo como fonte de iluminación. Así protexeremos os nosos ollos. A luz natural tampouco pode ser demasiado intensa; nese caso usaremos cortinas ou calquera outro medio para reducila.

Descansar a vista
Se imos pasar moito tempo diante da pantalla, temos que descansar a vista cada 20 minutos. Miraremos a un punto que estea lonxe durante algúns segundos, pestanexando para cambiar o enfoque. Outra maneira de descansar a vista é cerrar os ollos durante uns instantes.
Distancia coa pantalla
Coa fin de protexer a vista e conseguir ter unha postura correcta é recomendable manter unha boa distancia entre os ollos e a pantalla. As persoas expertas recomendan unha distancia de aproximadamente 30 centímetros e que a pantalla estea un pouco por debaixo da mirada.
Postura
No que se refire á postura cando usamos un ordenador, a cadeira debería ser regulable en altura para axustar a nosa altura un pouco por encima da pantalla. Os pés teñen que permanecer no chan, as costas apoiadas no respaldo e os brazos e os pulsos en liña recta cos cóbados (ergonomía).

Que facer na rúa?
Se estamos na rúa e necesitamos consultar o móbil, o ideal sería determos para revisalo, sen estorbar ao resto de peóns e peoas. Se non podemos parar e precisamos camiñar e mirar o teléfono, teremos conta de non facelo onde haxa escaleiras, pendentes ou lugares con moita xente, xa que son os lugares máis doados para ter un accidente.

Xerar hábitos saudables
En resumo, a tecnoloxía non é boa nin mala por si mesma, dependerá do uso que fagamos dela. Temos que facer un uso saudable, tendo en conta as recomendacións anteriores. Nesta fase, como xa comentamos, son esenciais o descanso, a alimentación saudable, o exercicio físico regular, o tempo familiar e os períodos de desconexión.